O partido da xornada . . . C.F. Riotorto - S.D. Sarriana: o ascenso en xogo na Veiga

O domingo ás 16:15 a Veiga recibe a un dos grandes favoritos ao ascenso de categoría, a S.D. Sarriana. Un equipo recén descendido da Preferente, que é terceiro na clasificación a un punto dos postos de ascenso e cun partido menos. Pero o anfitrión é o C.F. Riotorto. Os locales son os inquilinos do segundo posto, e acadaron dez dos últimos doce puntos en xogo.

Esta é a carta de presentación dun encontro que comezará a dilucidar os postos altos da táboa, máis apretada ca nunca. Para Ramón Labrada, técnico do Riotortochegamos moi ben a este partido, posiblemente no mellor momento do ano“, sobre todo logo do triunfo nun campo complicado como Cerdeiriños. Para o míster do cadro local “teremos que xogar súper concentrados, porque ante un equipo do potencial da Sarriana se non o fas podes saír incluso goleado, pero na Veiga estamos a comportarnos moi ben e o lóxico e que lle podamos competir a este equipo“. Para Labrada “a Sarriana ten xogadores como Marino, Héctor, Samos ou Marzán son diferenciales nesta categoría“. O Riotorto contará coas baixas de Play por lesión e Fran Pastor por sanción, pero “temos a ilusión por competir neste tipo de encontros contra equipos que realmente sí que teñen o obxectivo de ascender que non é o noso caso, pero é bonito verse ahí arriba o maior tempo posible” afirma Ramón Labrada.

A S.D. Sarriana é un dos grandes favoritos ao ascenso

Pola súa banda, a S.D. Sarriana tamén afronta o choque con baixas. Raúl e Jacobo por motivos persoais, e Héctor  e Marzán será dúbida ata última hora. Para Julio Corral, técnico sarriao “son baixas importantes, chegamos mermados a este partido, pero intentaremos competir o mellor posible”. O míster non duda en afirmar que “o equipo está asentado xa na competición logo dun inicio un tanto complicado, o cal era lóxico, ao haber moitas incorporacións“. Do rival, “o que máis me preocupa é a súa seguridade atrás, encaixan moi poucos goles, polo que trataremos de atopar o camiño para crear ocasións e intentar contrarrestar o contragolpe“, nos di Corral, que logo de acadala ascenso a Primeira co Ferreira o pasado ano, buscará repetir coa Sarriana outro éxito máis.

 

 

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Preferente Autonómica

S.D. Residencia – Atlético Escairón (Domingo ás 17 h. na Cheda): Os capitalinos levan catro xornadas sen perder e chegan logo de gañar ao Polvorín, mentras que os do Saviñao tan só sumanron dous dos últimos doce puntos e úrxelles o triunfo para saír dos postos de perigo.

O Atlético Escairón visita a un rival incómodo no seu campo como é o Residencia

Primeira Autonómica

 – Club Lemos – Ferreira C.F. (Domingo ás 16:15 h. na Pinguela): os monfortinos, infalibles no seu campo, non poden permitirse outro tropezo pra seguir nos postos altos. Os seus veciños de Pantón, colistas, buscarán a reacción ante un dos galos.

A.C.D. Xermade – C.D. Foz (Domingo ás 16 h. no Municipal): os chairegos abandoaron o último posto e levan tres xornadas sen perder. Reciben ao líder, oito triunfos nos últimos nove encontros os pupilos de Gayol.

O Xermade atravesa o seu mellor momento da temporada

Segunda Autonómica

E.D. Lourenzá – Guitiriz S.D. (Sábado ás 16:30 en Santa Cruz): os de Diego Rego non perden desde a terceira xornada de liga. Os laurentinos quererán prologar a súa racha e asaltalo liderato dun Guitiriz que chega tras colleitalas dúas primeiras derrotas da temporada.

S.D. Burela – U.D. Folgueiro (Domingo ás 16 h. na Marosa): Un só punto de diferencia a favor dos burelaos na clasificación. Ámbolos conxuntos chegan tras sete xornadas sen perder e miran de reollo os postos de ascenso.

C.D. Brollon – Friol C.F.(Domingo ás 16 h. nos Medos): Chega o líder, cunha racha que asusta, a Os Medos, pero os de Rafa Casanova non o terán doado ante un Brollón que se fai forte no seu campo.

Terceira Autonómica

S.D Cervo Sargadelos – A.D. Catro Roldas (Domingo ás 16 h. na Bidueira): os cervenses recuperaron o terreo perdido na primeira xornada da fase de ascenso, mentras que o Catro Roldas fixo o camiño inverso. Encontro pra situarse na cabeza da táboa.

Segunda División Feminina

Antas S.D. – C.F. Rúa Valdeorras (Domingo ás 17 h. no Castro Seoane): Ás da Ulloa contan os seus encontros por victorias, e se gañan o domingo serán campioas de inverno. Ás da Rúa non serán un rival sinxelo, ocupan o quinto posto.

As rapazas adestradas por Melendo están a amosarse infalibles nesta temporada

 

Comparte
                                                   

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*