Atopámonos nunha sociedade na que o deporte se converteu nun complemento indispensable do día a día. Xa sexa sentado na casa ou de paseo pola rúa, a práctica deportiva absórbenos e envólvenos. Camiño de tres décadas despois do me debut, continuo a darme conta de cousas que naquel intre me pasaron desapercibidas. Máis non me causa mágoa, sinto ledicia de tódolos momentos compartidos. Pois de tódolos compañeiros, adestradores e demais persoas que me rodearon puiden aprender, non só fútbol senón tamén valores para a vida.

Hoxe en día estou menos ligado ao fútbol que noutras épocas pero sigo practicando deporte asiduamente. Correr, nadar ou bici, tanto me ten; o caso é facer oco para o xantar. E dende pequeno teño esa necesidade de exercitarme para estar relaxado. Algún dirá: «un profesional frustrado»… Pero só fun un neno ilusionado que chegou a adulto desinteresado. Pode que un rapaz non chegue a ser profesional, nin a ser una estrela; tal vez pode que non chegue a vivir deste deporte… Pero practicarao con todo o seu corazón porque para el representa o máis importante que está facendo durante a súa infancia.

O valor do grupo

Pode que calquera persoa xogue un partido, unha ‘pachanga’, un neutral ou (máis modernamente) unhas partidas na Play. Pero seguirá sendo parte da súa vida e o que faga será unha experiencia que recordará e que estará presente nas súas lembranzas.

Lembranzas… A iso quería chegar. Cantas anécdotas que contar, cantas vivencias, enfrontamentos, disputas e guerras… Que ao final nos unen a outras persoas que nin sequera o eran antes de comezar. Porque o fútbol une, o deporte une, calquera actividade física ten poder de unión. Ata os tenistas acaban sendo íntimos a pesares desa rede que os separa. Sexa nun campo, pista ou cancha; dando unha volta á muralla ou na piscina, onde eu mesmo o cheguei a sentir dunha maneira moi profunda, todos acabamos facendo amigos.

Mais fronte a este compañeirismo e amizade que pode transmitir o deporte, fóiseme aparecendo nos últimos anos unha sensación de individualismo colectivo. Pode ser que xa estivese e polo propio paso dos anos me dera conta da súa presenza pero parece que un xogador é máis importante que un só equipo. Que pesa máis un nome na camiseta que o escudo no teito dun estadio e que se premia e se alaba máis o mérito dun só xogador que o traballo dun grupo que coopera para gañar e que fai un sacrificio menos visible.

Creo que o fútbol de hoxe en día vai camiño de perder esa esencia grupal. Claro que haberá xogadores máis talentosos co balón nas súas botas última xeración. Pero desde logo tamén os haberá igual de talentosos no seu rigor táctico, na súa capacidade de ler unha xogada ou no seu liderado. Ante todo non debemos perder a idea principal do xogo: 11 contra 11, a vitoria e a derrota pertence a todo o equipo. Non menosprecemos o valor do grupo, pois non naceu ningún guerreiro que derrote a todo un exército.

Martín Real. O fillo, puro fútbol dende a barreira

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*