José Ángel co Muimenta

Non é unha carta a un primeiro amor, pero podería selo. Penso que todos os que vemos artigos desta fantástica familia que forma Futbolinlugo estamos dacordo que o fútbol non é algo máis, se non que é unha forma de vida.

Un campo cheo de margaridas e nenos pequenos correndo sen sentido táctico ningún, unha fornada de futbolistas que acababa de nacer na SCD Milagrosa. E coa bendita paciencia de Javi López ao frente. Alí no Ceao comezaba unha bonita historia, e o mellor de todo e o que máis valoro daquela ‘Mila’ é que moitos deses pequenos seguimos xogando xuntos moitos anos.

Campo de terra de fútbol-7 do Ceao. Que ben soa, que ben o pasei. E sobre todo nos partidos grandes, e alí aparecía o Adarve. Con xogadores como Iago Díaz, Diego Núñez, Javi Liz… Partidos moi reñidos sempre, sinceramente dos equipos que máis manía lles collín (risas). Pero nós non nos quedábamos atrás e tiñamos a xogadorazos como Santi (actualmente no Compos), Alberto, Yoni, Basa, Manu, David, Márquez…

Moitos xogadores de calidade, que anos despois faríanse un nome importante dentro do fútbol base lucense. Pero tamén tiven moitos adestradores que marcaron os meus inicios: Javi López, Tomás, Fernando Burgo, Madriles… De todos aprendín moito e non teño máis que palabras de agradecemento a todos eles.

Chegou o ano de infantís e cambiei de aires, aínda que non sería un adeus definitivo. O equipo do meu colexio CP Casás iniciábase no fútbol-11 e era unha gran oportunidade de xogar xunto os compañeiros de toda a vida. Fixemos un temporadón memorable. Só un equipo logrou gañarnos na casa, a Comercial, outros dos equipos ós que non lle tiña moito agarimo (risas). Xogabamos na Cheda (aínda de terra claro), e foi das tempadas nas que máis disfrutei do fútbol.

Voltei a casa; cambiando iso si, o Ceao por Frigsa. Pero non sería ata xuvenís onde vivín os partidos máis bonitos da miña vida. A famosa fase de ascenso a Galega contra o Olímpico de Rutis e Betanzos. Tiñamos un equipón, só perdéramos un partido de Liga e fora o primeiro en Sarria. Gañamos a Liga cun 2-6 en Guitiriz e a sensación de que chegabamos nun bo momento a fase de ascenso. Pero chegado o momento sabíamos que non eramos os favoritos nin de lonxe. Recordo os adestramentos baixando de Frigsa correndo polo Rato e tamén poñéndonos vídeos do rival. O ambiente era de que podíamos facer algo importante. A primeira eliminatoria contra o Olímpico de Rutis xa foi bastante dura. O primeiro partido na casa deles perdemos 2-1 pero quedamos con boas sensacións a pesar diso.

Na volta no Luís López Gorgoso remontamos cun 3-1 cun gran Luís Díaz. Ese partido acentuouse un pouquiño máis o de ‘correcamiños’. Creo que foi a xogada máis bonita que fixen nunca e que acabou nun penalti que nos daría o pase. A mítica galopada na que fixen un autopase ao aspersor e a dous defensas do Olímpico (risas). Aínda así quedaba o óso duro de roer, que era o Betanzos. Tiñan tres xogadores que xa xogaran co primeiro equipo en Terceira, polo que a cousa non iba a ser fácil. Outro espectacular Luís Díaz cun hat-trick deunos vantaxe no partido da casa. E aló en Betanzos acabamos por certificar o tan desexado ascenso perdendo pola mínima nos últimos minutos de encontro. Era o meu último ano de xuvenís, non atopo outra maneira mellor de rematar a miña etapa de formación.

Debut en Primeira Galicia co Lourenzá

Chegou a Primeira Rexional, e a verdade é que de primeiras fíxoseme moi dura. Acostumado a gañar case sempre nas disputas anteriormente, víame moi frouxo ao lado de xente moi curtida na categoría. Pasei e rematei a miña etapa na Milagrosa, con nin pena nin gloria, agora pensando fríamente quizais o mellor fose deixalo nada máis acadar o ascenso, pero xa se sabe, a touro pasado…

E agora é cando comeza o meu fútbol, o famoso ‘fútbol na lama’. Tiña dezanove anos e o mítico Kubala contacta comigo para que me fose con el a Riotorto. Alí cadrei con moi bos xogadores e sobre todo cun pobo que me acolleu de marabilla. Tan só estiven un ano, pero naquel momento sabía que aquel era o fútbol que quería, a herba natural, a afección diferente a da capital e tamén o son dos tacos de aluminio (risas). Pode ser que alí xogase o partido máis intenso da miña vida, o gran derbi contra a Pontenova.

Acompañei a Kubala de novo ao seguinte ano, pero noutro destino: MUIMENTA. E poñoo en maiúsculas porque só teño palabras boas a este clube. Penso que a SD Muimenta marcoume totalmente non só como xogador, se non tamén como persoa.

Non vin unha familia tan unida nun vestiario xamais, e así é que actualmente a maioría de amigos que teño coñecinos alí. Alí naceu o grupo actual que temos de Whatsapp ‘excompañeiros de ruta’, que anteriormente era ‘compañeiros de ruta’. Ese nome vén as quedadas que facíamos a xente de Lugo para ir adestrar e a xogar. Foron tres anos espectaculares, e dende aquí quero desexar unha pronta volta á categoría que merecedes, que para min, por compañeirismo, campo e directiva é a Primeira Rexional.

Estou completamente convencido de que onde mellor me coñecín a min mesmo foi nun campo de fútbol. Os mellores partidos facíaos ante rivais de nivel e iso no día a día fíxome entender que canto máis dure fose o camiño máis convencido estaría de atravesalo. Pero por outro lado, recapacitar e entender que a miña actitute non era de todo correcta porque hai que ser constante sempre; non só cando veñen as dificultades. Non se pode tropezar nunha pedra e acto seguido saltar un valado. Sempre pensei que o gran xogador é o que se coñece ben a si mesmo, o que sabe onde debe arriscar e ser cauto. Saber as nosas debilidades e que facer para compensar esa carencia…Non hai xogador máis intelixente ca ese.

Agora fóra dos terreos de xogo por temas laborais sinto envexa sana de todos os que podedes seguir disfrutando disto. Algún día espero voltar, porque sen dúbida non entendo a felicidade completa sen estar sobre o verde. O fútbol en Lugo é distinto. O fútbol en Lugo é iso, fútbol.

José Ángel Núñez López. Historia viva do noso fútbol, amante da pelota

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*