Non son eu quen para pedirvos nada. Só faltaría. Con todo o que nos dades. Tampouco é domingo para escribir un Palabra De…Nin sequera é tempo para andar lendo un venres destas horas. Pero a ocasión é especial. Este sábado quizais sexa o día máis importante desta pequena aventura que é Futbolinlugo. O máis igual non. Pero un deles si. Non sei se o gran Diego Díaz pensaba algo así no 2016 cando a cabeza lle barrenou esta web. Organizamos o I All Star Futbolinlugo na Marosa de Burela. Foron meses de traballo. E agora nas vésperas, aínda lle damos voltas á cabeza en cousas que quedaron no tinteiro. Supoño que na búsqueda de tentar facelo do mellor xeito posible, sempre hai erros. Moito por mellorar, pero o feito é coa única intención de xuntarnos, de pásalo ben e de poñer en valor o fútbol lucense. Sendo conscientes de que a todo non podemos chegar. E de que esa falta de cobertura e o querer máis será o camiño para continuar.

Dende ás 16:30h ás portas da Marosa están abertas para vós. Para que os inscrit@s participen nos concuros, para que @s seleccionad@s xoguen os seus partidos, para quen se atreva a botarlle un futbolín de verdade, para quen queira un de Bico de Xeado, para quen non saiba que facer ao saír da praia, para quen queira ver aos seus, para quen simplemente lle interese ver que hai, para ver ese recoñecemento ao futbolista que o deixa, para devolverlle algo de cariño a unha persoa que tanto deu polo fútbol lucense, para @s que teñen unha filosofía do fútbol parecida a nosa (de poñer primeiro en valor ao veciñ@, de identificarse co noso, de manter vivo o esencial deste deporte…). Dá igual o motivo. Calquera será bo para que veñades e pasar unha tarde xunt@s. Xa sabemos que para moit@s a ubicación non é o ideal. Burela non queda ao lado de todos os puntos da provincia. Pero que así sexa tamén ten o seu encanto, non?

Grazas ao Concello de Burela por acollernos na súa casa, aos nosos colaboradores que aportaron o valor económico necesario para impulsar algo así e grazas a tod@s @s que de xeito directo ou indirecto o estades facendo posible. Somos catro persoas as que mantemos a diario vivo este soño. Pero isto é traballo de moit@s máis. De tod@s aquel@s cuxa resposta é «se fai falta algo máis, dime». Así non é traballar; así é vivir. Vai por vós.

E paro que aínda quedan detalles que pulir. Mil grazas por todo. Agardemos que vos guste. @s que fallades sabemos que a escusa é potente. O San Pedro festéxase en moitos lugares. O resto; vémonos na Marosa. 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*