Antes que nada, é preciso agradecerlle a Futbolinlugo o seu inestimable labor co fútbol da nosa terra. Permitindo, incluso, que un servidor poda expresar unha opinión persoal a modo de denuncia, onde penso que non se lle outorga a seriedade necesaria ós esforzos das nosas directivas, adestradores, utilleiros e tamén ó dos propios xogadores.

Nesta tempada 2019-2020, introdúcense cambios á hora de desputar a Copa Deputación de Lugo, pasando a ter lugar ó longo do ano, mentres que tradicionalmente a competición levábase a cabo ó final das tempadas, entre os meses de maio e xuño. Este novo modelo implica que a Copa Deputación cubre ‘ocos’ no calendario. É dicir, os partidos teñen lugar en datas nas que non se disputa a liga regular. Iso implica xogar en datas como a Ponte da Constitución, o Nadal, o Entroido, etc. Ata que punto ten sentido o fútbol afeccionado nestas datas tan sinaladas? Que é o que se pretende dende a Federación Galega de Fútbol coa nosa provincia?


Todos os que amamos este deporte, sexa na categoría que sexa, tomámonos a súa práctica coma unha paixón; algo polo que fas esforzos co fin de desconectar de todos os compromisos laborais, académicos, etc. Dende o momento en que entramos pola porta do vestiario, todo se esquece, a única preocupación é divertirse a través do balón. Esa é, na miña opinión, a verdadeira maxia e esencia do fútbol.

Deste modo, coido que competindo nesas datas o fútbol perde toda a súa esencia e pasa a ser unha especie de carga. Non porque non o queiramos practicar, posto que é a nosa afección por excelencia e sempre estamos dispostos a facelo, senón porque nesas datas o importante é estar cos nosos achegados e pasar o noso tempo libre con eles, podendo desconectar un pouco do propio fútbol.

Despois están os membros das directivas, eses que son os primeiros en chegar e se ocupan de que xogadores, árbitros e adestadores teñan todas as comodidades e que son os últimos en irse para deixar todo recollido e preparado para o seguinte día. Que beneficios lle reporta a esa xente un partido de fútbol en Nadal? Cando, aínda encima, a recaudación en taquilla é pésima posto que apenas van seareiros ós campos…

E por último, outro factor é o campo, en datas coma as xa mencionadas, os campos das nosa provincia adoitan ser lameiras, onde a integridade física dos xogadores e a beleza do fútbol loce pola súa ausencia. Ademais, na maioría de casos, cando remata a competición a mediados de maio, os equipos non volven a rodar ata 2-3 meses despois. Moito tempo sen fútbol e máis cando os campos están en perfecto estado.
Que fixo mal o modelo anterior? Ou porque non desputar a dita Copa Deputación nos meses de pretemporada, como fan os nosos veciños da Coruña? Servindo de base para a competición e tendo os equipos todos os xogadores á súa disposición, en lugar de ir ao campo «en cadro» como nestas datas…

Para rematar e baixo o lema de Arrigo Sacchi, que adquiro como meu, «o fútbol é a cousa máis importante das cousas menos importantes»; sería de agradecer que dende os gobernos do noso fútbol, se garantise un pouco máis a conciliación de todos os axentes implicados. Axudando á conservación do fútbol afeccionado e dunha competición tan bonita como é a Copa Deputación sen que iso supoña a perda de tempo en datas esenciais que pasamos cos nosos seres queridos. Grazas de novo a Futbolinlugo polo seu traballo e o seu espazo para que convivan opinións entre todos nós. Felices festas para todos e vémonos nos campos!

David Gonza. Xogador do Xermade, o Mago de Momán.
Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*