Antes de nada gustaríame agradecer todo o traballo que realizades os que formades esta páxina de fútbol modesto, así como por darme a oportunidade de compartir unhas palabras nela. Nestes días tan complicados para todos, un ten tempo para pensar en moitas cousas, como no fútbol. E lembrar todos os recordos que me deixa este querido deporte ó longo destas 18 tempadas, rematando sempre nese recuncho do meu pobo: o ‘Chao da Poza’.

Todos os bos, e non tan bos recordos que teño no fútbol me levan a ese lugar. Dende ben pequeno comecei a xogar no colexio, nese patio no que se xogaban 15 partidos ó mesmo tempo e que duraban os 30 minutos de reloxo que o recreo nos permitía. Pero o verdadeiro placer era cando chegaba o venres e con el, a hora de ir a adestrar.

Tiven a sorte de poder xogar nas únicas categorias inferiores que houbo na historia do Portomarín. Por iso dende aquí agradecer a ‘Chucha’ e a Eliseo, (presidentes do clube por aquel entonces) que fixeran aquel gran esforzo para que os nenos da vila poideran desfrutar do fútbol sen necesidade de grandes desprazamentos. Recordo aquela etapa como a máis doce de todos os anos que levo no fútbol. Realmente os resultados non eran os mellores, pero simplemente o feito de xogar cos teus amigos, no equipo do teu pobo, adestrar, partidos, viaxes en autobús…

Realmente podo dicir que o fútbol me deu moitas máis alegrías que decepcións. Tiven a sorte de coñecer a grandes compañeiros durante estes anos e incluso facer grandes amigos que quedarán para sempre. O fútbol é unión e, sobre todo, compañeirismo... Por estas razóns me sinto tan identificado con este deporte.

Outra das alegrías que me deu este deporte foron os tres ascensos que tiven a sorte de vivir. Pero non soamente polo feito de ascender, sinon por facelo co equipo do meu pobo e, sobre todo, rodeado de grandes amigos dende a infancia. Isto para min é o máis importante, aínda que para moitos non terá valor, para min un ascenso non sería o mesmo xogando con outra camiseta que non fose a ‘azul e branca’. Pois xogar para o teu pobo e cos teus amigos para min é un ‘plus’.

A cara oposta da moeda sempre son os descensos, posiblemente sexan a peor parte deste deporte. Pero, ata deses momentos se sacan cousas positivas. Aprendes moito e realmente daste conta das persoas que valen a pena, como o noso querido Marcos (presidente eterno). Grazas a el, a día de hoxe, o Portomarín segue competindo. E ten en ‘Chapu’ (novo presidente), o seu digno sucesor.

Para rematar gustaríame agradecerlle a toda a xente que de unha forma ou de outra pon o seu gran de area para que este equipo siga funcionando: directivos, patrocinadores, adestradores, xogadores…

PD: Vémonos no Chao da Poza.

Diego Rigueira Folgueira ‘Cachón’. Capitán do Portomarín. Amante de Chao da Poza

Comparte
                                    

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*