Cando recibín a mensaxe dende Futbolinlugo para explicar como se sente o fútbol en Santaballa non o dubidei nin un momento. Xa que é algo que vivo practicamente todas as fins de semana e, desculpade de antemán que varra para a casa.

Podo dicir tranquilamente que medrei entre o campo de “A Liga” e entre o de adestramento. Pero iso non sería posible sen que na miña casa non houbese xa unha fonda tradición futboleira co Santaballés. Xa a comezara meu avó e continuárona na familia: tanto meu padriño coma meus primos vestiron as camisetas branquiazuis do equipo. Tamén é certo que o vínculo se mantivo porque meus avós tiveron un bar xunto ao campo de adestramento que facía que todos, dun xeito ou outro, pasasen algunha vez por alí.

A fundación oficial do Santaballés considérase que está no ano 1933, pero xa nos anteriores aparecen mencionados partidos seus na prensa vilalbesa da época

Polas tardes eu non tiña mellor cousa que facer que ir ver como adestraban. E sempre algún membro da miña familia estivo nalgún cargo da directiva, o que me facía, dalgún xeito, ter certo trato de favor alí dentro – deixábanme axudarlles a dobrar a roupa e a selar lotería, polo menos invertía o tempo –.  

Miña nai sempre o conta: dende pequena andaba bailando dun lado para outro no campo berrando “taballés”. Así creei certos vínculos con algúns dos xogadores que sempre tiveron un trato marabilloso comigo – recordo con certo cariño a Javi Franco, que me regalou unha vez un cocodrilo de peluche polo meu cumpreanos. E a día de hoxe sigo tendo a Javito enriba da miña cama –. Tal foi indo, que nunca deixei de ir ver o Santaballés, nin na casa nin cando ían fóra. Ser a única da familia López Cillero que non xogou nunca ao fútbol non me impediu nunca sentilo como tal.

Agora, xa máis maior, podo darme conta do que fai o Santaballés en Santaballa. Hai xente de todos os rangos de idade e, se queres ver a alguén en concreto, aínda ha ser raro que non o atopes un domingo en “A Liga”. Cada un xa vamos tendo os nosos sitios collidos. O fútbol aquí é algo que se vive moitísimo, sen ningunha excepción. Sobre todo nos máis maiores, os máis rodados do fútbol santaballés, que igual non se saben o nome de todos os xogadores pero cun “vamos chavalín!” o xogador xa se dá por aludido e as súas caras de emoción, eu creo que non se pagan con nada. Tamén é certo que poidan ser os máis críticos pola súa experiencia, pero fano todo para que se sumen os tres puntiños na clasificación. O Santaballés únenos á parroquia, aínda que só sexa unha vez á semana.

Lembro con verdadeira mágoa un ano no que non había directiva para facerse cargo do clube e tanto novos coma vellos recoñecían que se pasaba iso era unha verdadeira pena, porque eu creo que en Santaballa se pasa antes sen a festa que sen o fútbol. Vívese moito, para ben como para mal. Por iso, en contraposición, tamén lembro ir a unha das finais de copa con bombos, lembro celebracións de ascenso. E sobre todo, quédome coa emoción coa que moitos dos xogadores viven o fútbol: non só polos méritos propios de marcar un gol ou facer un bo partido como autorecoñecemento. Senón porque tamén o viven polos que estamos sentados na grada animando.

Simón Lamas Comezou dirixindo o cadro de Santaballa esta temporada. Agora faino Dani Moirón con Roberto Freire (1º esq.) que continúa nas función de segundo. A catro xornadas para o final, o equipo está a 5 puntos da praza de ascenso

O Santaballés comezou moi ben a tempada e a estas alturas, despois dos cambios cos adestradores, sigo pensando o mesmo. Probablemente, non importa tanto que se sexa o “equipo de”, senón que se sexa un equipo e que se sinta o que se fai, con iso xa está.

Non recorrín todos os campos galegos da nosa categoría, pero de momento non coñezo campo onde se viva máis o fútbol que en Santaballa e onde se forme a familia que somos. Con iso vaise a calquera sitio.

Ana López Cillero. Fiel seguidora do Santaballés. Estudante de xornalismo

Comparte
                                          

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*