No colexio Franciscanos, onde empezou todo

Antes de nada, quería agradecer a todos os que forman parte da familia de FutbolinLugo, por todo o labor que fan polo fútbol lucense, e por darme a oportunidade de contar a miña historia, a visión do fútbol dende tres perspectivas diferentes, como xogador, árbitro e adestrador.

A primeira imaxe que teño de algo relacionado co fútbol, foi aquel golazo que metera Raúl, contra o Barcelona nas semifinais da Champions League da tempada 2001/2002, na que o Real Madrid acadaría o seu noveno título. Dende aquel día non concibo a vida sen este deporte.

Como xogador activo comecei a fútbol sala no equipo do colexio Franciscanos, un equipo formado por amigos, que a día de hoxe o seguen sendo: Borja Máxico Figueiras, Jhon Cuadretty, Chiqui, Brais, Rodri, Maci, Ernesto, David, Alberto… E adestrado por Diego Sánchez. Inesquecibles os duelos contra Albeiros, dos xemelgos Varela e Javi Rey, por ser o mellor equipo de Galicia.      

Equipo benxamín da Comercial

                                                                    

Foi unha chamada do gran Xabarda, o que fixo que probara eso de xogar ao fútbol na herba. Borja, Cuadretty e máis eu recalamos na Comercial para xogar o torneo de ‘El Progreso’. Aquel torneo supuxo o trampolín para que me enganchara a ese fútbol e sobre todo a aquel equipo da Comercial, formado por xogadores que eran rivais a fútbol sala, pero compañeiros a fútbol 7. Con aquel magnifico equipo logramos vencer a clubs coma o Racing de Santander ou Paços de Ferreira.

                                                                      

Nestes anos como xogador, vía o fútbol como un divertimento, aínda que sempre querías acadar a vitoria. Como calquera neno desfrutabas do que máis che gustaba sen pensar en nada máis que pasalo ben cos teus amigos. Seguín xogando ata que en infantís de primeiro, apareceu o que máis teme un futbolista, unha grave lesión. A cal me obrigou a deixar o fútbol, xa que tiven que estar dous anos sen poder realizar ningunha actividade deportiva.

O debut de Álex na Preferente

A pesar de non poder facer o que máis me gustaba, tiña claro que quería seguir ligado ao fútbol e facer algo que me fixera partícipe dese marabilloso deporte. Foi cando apareceu a figura do meu bo amigo Alejandro Ferreiro, agora árbitro de Terceira División, que me convenceu a probar iso de coller o chifro e sacar tarxetas. E así foi como con 14 anos, convertinme no árbitro máis novo da delegación de Lugo.

Recoñezo que no mundo do arbitraxe por desgracia non é todo doado, xa que os primeiros partidos cando non dominas a situación son difíciles, ou ir só aos partidos de Segunda e Terceira Autonómica tampouco é unha situación cómoda as meirandes veces. Pero podo dicir que a maioría das cousas relacionadas co arbitraxe son boas, xa que me permitiu pisar campos históricos, pitarlle a grandísimos xogadores, cos cales desfrutabas do seu xogo polo televisor. Sen imaxinarte que os poderías arbitrar, e sobre todo coñecer a moita xente, que levarás toda a vida contigo,  que para min iso é o máis importante.                                                                 

Esta é a miña décima tempada, a segunda na Preferente Galicia, e dende este ano teño a honra de dar clase aos árbitros de Segunda e Terceira Autonómica. Unha delicia xa que me vexo reflexado en moitos deles, e transmítolles as miñas vivencias. Xa que aínda que pareza incrible, con 24 anos son dos máis veteranos do colexio.

Nos dez anos que levo arbitrando, dinme conta que no fútbol hai cousas malas que se deben corrixir, como que se debe de tratar ao árbitro como un membro máis e non como se fóra inferior ao resto. Xa que aínda que pareza difícil de crer, nós en moitos casos adestramos e traballamos o mesmo que un xogador ou adestrador. Pero en xeral a figura do árbitro cada día vai gañando a importancia que se merece dentro do mundo do fútbol.

Dende esta perspectiva para min o fútbol é o máis difícil de desfrutar en moitos casos dentro do terreo de xogo. Aínda que é tremendamente gratificante facer ben o teu traballo estando exposto a moitas persoas que te ven como un inimigo.

Nesta tempada grazas ao Comité Galego de Árbitros e ao de Adestradores, permitíronme compaxinar, o de seguir arbitrando e adestrar a un equipo realizando as prácticas do nivel I. Unha das miñas paixóns dende fai moitos anos. Ese primeiro equipo que confiou en min, foi o CD Castro, grazas ao meu bo amigo Brais Prados, que tivo que deixar o equipo cadete, para dirixir aos seniors. E foi o meu principal valedor para que dirixira ese equipo que el deixara. E tampouco me podo esquecer de Marcos Veiga e a súa xunta directiva, que confiaron en min para levar o equipo cadete.                                 

Álex xunto ao seu principal valedor, Brais Prados

Dende está perspectiva estou descubrindo cousas que nunca imaxinara, como por exemplo o grandísimo esforzo que fai toda a directiva para que este club salga cara adiante, sen sacar ningún beneficio. A verdade que admiro a cada un dos loitadores do club.

Tamén teño que dicir que dende esta posición é na que máis se sufre, xa que é no único caso no que non podes entrar dentro do terreo de xogo. Debo dicir que teño un equipo co cal estou aprendendo moito, espero que sexa mutuo, é co que imos a seguir mellorando día a día.

En definitiva debo dicir que o fútbol é a miña vida e que sexa da forma que sexa estarei ligado a el sempre. Un pracer escribir estás verbas, e que sigades así compañeiros de FutbolinLugo, xa que facedes un inmenso traballo polo fútbol lucense.

Álex Vázquez. Todoterreo do noso fútbol. Adestrador e colexiado.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*