Hai aproximadamente un ano, mentres navegaba pola rede como de costume, din cun vídeo que, sen dúbida, quedará por sempre marcado na miña memoria. O seu título versaba así: “El fútbol es la vida”. Atraído por esas palabras, entrei nel.

Resultou que o vídeo xa era viral, a pesares de que eu o descoñecía. Para resumilo, un adestrador dun equipo de xuvenís arengaba aos seus pupilos na previa dun importante partido. Nun intre determinado, o preparador dicía: “Ya os lo dije el otro día, el fútbol… es la vida”.

Se cadra nese momento non me decatei de todo o que significaba e todas as aplicacións coas que contaba esa frase pero, a base de reflexionar nos ratos libres, descubrín que aquel home non podería estar máis acertado, especialmente se ao falar de fútbol referímonos a fútbol “amateur”, ese que nos cativa a todos domingo tras domingo na nosa vila, ou ao fútbol base, onde están máis que presentes todos os valores do deporte.

Para non afastarme do tema, simplemente expoñerei unha serie de exemplos cos que se pode reflexionar sobre a frase en torno á que xira este artigo.

O primeiro exemplo que me gustaría poñer é o da figura dun capitán. Aguerrido, valoroso, respectuoso, líder sobre o terreo de xogo… adoita ser unha persoa que, fóra do campo de fútbol, encarna tamén esta serie de valores. Tamén ese xogador que loita cada balón, non baixa os brazos, que resulta ser constante, traballador e incansable no seu día a día (laboral, familiar…).

Porén, cando aparece sobre o verde unha figura fachendosa, que abusa do balón, que pensa que está por riba dos demais, pódese observar que o seu actuar cando non hai un balón de por medio é exactamente o mesmo.

Sempre hai adestradores e xogadores que buscan o “tiki-taka”, deleitar aos seareiros co seu fútbol… e que outorgan máis importancia ao xeito no que xogan que a obter a vitoria, pero tamén os hai moito máis pragmáticos, aos que non lles importa ter un 30% de posesión do balón se ao final dos 90 minutos conseguiron 3 puntos grazas a un contragolpe. Na vida, de igual xeito, hai xente que da prioridade ao diñeiro (por exemplo, equivalente aos tres puntos) e outros que tratan de traballar no que aman, a pesares de que non obteñan moitos cartos…

Obviamente, ao meu modo de ver, ambas opcións son axeitadas e lícitas, ao igual que dentro dun mesmo equipo existen distintas interpretacións das propias situacións de xogo. Que se o “falso nove” ten que traballar de medio campo para abaixo, que se os centrais deben estar abertos para sacar o balón xogado, que se os laterais deben subir ou manter a posición…

Existe tamén nun partido a figura daquel que non cae ao chan ata que o derriban de verdade, ou aquel que en canto nota un contacto cae berrando, para obter o tiro libre e, con sorte, unha tarxeta amarela para o agresor. A diferenza salta á vista, cadaquén que xulgue a que tipo humano representa cada un destes seres humanos na súa vida cotiá.

Por non ser cargante non vou engadir máis exemplos, xa que a miña única intención é compartir o meu pensamento, non aburrir. Ao final, o fútbol e a vida real contan cunha gran cantidade de similitudes e, a grandes trazos, o que pasa no campo de fútbol reflicte todo o que pode pasar na vida…

Entón, é o fútbol a vida?

Gustaríame saber se as persoas que están a ler este artigo están de acordo ou en desacordo coa miña opinión. E seguro que en Futbolinlugo tamén teñen curiosidade, polo que se alguén quere poñer máis exemplos, afirmar, contradicir… este artigo, pode poñerse en contacto con eles no seu mail (futbolinlugo@gmail.com), no seu Twitter ou no seu Facebook!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*