Pouco a pouco voltamos á rutina nos nosos campos. Polo menos nos de Terceira. A pasada fin de semana o balón voltou a rodar en Cantarrana coa posta de longo do Viveiro e o Racing Vilalbés.

Co calendario ligueiro xa coñecido, este sábado 26 de setembro dous dos tres representantes lucenses da terceira división xogan amigables de preparación de cara ao comezo da competición, marcado para a fin de semana do 18 de outubro.

Logo de sobresaír no Ribadeo, Aitor, ao fondo da imaxe,  buscará facerse un oco no once titular do Racing Vilalbés

O encontro máis atractivo terá lugar na Madalena o sábado ás 11:30 horas. O Racing Vilalbés recibe ao R.C. Deportivo da Coruña. O que era a posta de longo do cadro coruñés nos seus anos gloriosos, convertiuse logo do descenso a Segunda División B, nun choque importante de pretemporada. Logo da derrota pola mínima ante o Viveiro, os chairegos tentarán apurar a súa posta e acadar un bo resultado coa motivación que sempre supón enfrentarse ao cadro coruñés. Para Aitor, un dos fichaxes do Racing Vilalbés esta temporada «xogar contra un equipo con tanta historia como o Deportivo sempre é bonito e emocionante e afróntoo con moitas gañas e ilusión. Non tódolos días te enfrontas a xogadores da talla de Celso Borges ou Álex Bergantiños«. O ribadense retorna ao clube onde xa se formou en xuvenís e fíxoo «con gañas, despois de estar seis meses sen xogar un partido. Sentinme moi cómodo, xa que coñecía a moitos compañeiros da miña etapa no clube. A pesar do resultado en Viveiro as sensacións son boas, o importante é ir coñecendo o estilo de xogo e collendo ritmo de cara a competición«.

Arturo será un dos referentes ofensivos do Viveiro en Terceira

Para o domingo ás 18 horas queda o encontro do Viveiro, que recibirá en Cantarrana a un Somozas chamado a ser un equipo punteiro na categoría. O conxunto de ferrolterra reforzouse con xogadores de renome, como os ex racinguistas Pablo Rey e Marcos Álvarez ou o viveirense Aldán Naval procedente da canteira do Celta de Vigo. «Nós afrontamos tódolos partidos da mesma maneira, sexa contra o rival que sexa. Será unha boa preparación e serviranos para seguir collendo ritmo de competición e acoplando as novas fichaxes ao equipo«, afirma Arturo, dianteiro do cadro mariñán, que asegura que o encontro da pasada fin de semana ante o Racing Vilalbés «deixounos boas sensacións, aínda que agora o importante é ir cargando as pernas de minutos e competir o máximo posible en tódolos encontros de pretemporada para chegar da mellor maneira ao comezo de liga. Despois de seis meses sen competir xa se botaba en falta, e máis aínda podendo disfrutar do noso público».

O C.D. Lugo B tiña previsto o seu debut para mañá en Oira as 11 horas diante dun dos clubes punteiros da categoría, o Ourense C.F, pero un positivo en Covid-19 no cadro ourensán fixo que o encontro quedase suspendido. Polo tanto, a posta de longo de Álex Ortiz, que sustitúe no banquiño a José Durán, terá que agardar.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*