O Cervo é o primeiro equipo da Terceira Galicia que está clasificado para a liga polo ascenso á Segunda que comezará en xaneiro. No grupo centro e sur, houbo cambio de líderes despois de varias xornadas; o Fonsagrada e o Sober encabezan nestes momentos a clasificación, nunha fin de semana na que descansaron o Rábade e o Río Sil.

Con 26 puntos e unha diferenza de catro sobre o Goiriz e o Catro Roldas, o Cervo aínda non ten fixo o seu posto na clasificación pero si é seguro que finalizará entre os tres primeiros, xa que ten unha diferenza de nove puntos (os que quedan en xogo) co Muimenta pero co gol average a favor. Aínda que finalizase terceiro, pasaría sempre a seguinte fase porque ningún terceiro dos outros grupos podería alcanzalo en puntuación debido aos duelos directos que aínda se teñen que xogar meses grupos. Todo isto despois de que derrotase a un Celeiro que fixo un dos mellores partido do curso, pero que non lle serviu para tumbar ao líder.

Agora o segundo é o Goiriz logo de vencer a un Catro Roldas que se adiantou no marcador cun gran gol de volea de Esteban Boo, pero que viu como os locais rapidamente igualaron para despois na segunda metade consumar a remontada. Cuarto segue o Muimenta que aproveitou o duelo directo da xornada para manter as opcións de clasificarse despois de derrotar ao Cazás. Pola contra, ó Celta Barreiros só lle queda unha mínima esperanza para estar nesa liga; tería que gañar todos os seus encontros e que o Goiriz perdese tamén os tres que lle quedan. Todo isto despois de golear ao Rioaveso e deixar ao conxunto vilalbés sen ningunha opción, ademais de cortarlle a súa xeira de tres vitorias consecutivas.

No grupo centro, o Fonsagrada é o novo líder ao vencer con claridade ao Laxosa e aproveitar a derrota dun Corgo que non lle chegou co regreso de Debasa e o seu gol e caeu pola mínima (2-1) diante da Comercial. Tamén gañou por goleada o Guntín (ante o Friol B) que segue na súa boa xeira e achégase a segunda praza. Neste grupo a clasificación está máis igualada e, incluso, o penúltimo clasificado que é o Friol B tería aínda unha remota opción de clasificarse. Tería que gañar todos os encontros que lle restan e que a Comercial perdese os seus, habendo un choque entre ambos na última xornada. Ademais, tería que contar con que o terceiro do grupo sur non o superase en puntos.

No grupo sur, agás o FC Becerreá ,o resto de equipos teñen opción de pelexar por estar na liga polo ascenso. O Sober é o novo líder, logo de golear ao Incio (ata entón primeiro clasificado) e dar un paso adiante de cara o segundo tramo de competición. O conxunto soberino segue sendo o equipo menos batido do seu grupo poñendo en valor o traballo de Víctor baixo paus. O Relámpago Taboada recupera folgos despois de vencer por 1-2 ao Quiroga nun partido no que o conxunto local mereceu algo máis. O Paradela desaproveitou a oportunidade de avanzar na clasificación (xa que o Río Sil descansaba) ao non pasar do empate ante o Becerreá FC.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*