Os sobranceiros da Terceira na terceira xornada da 2ª fase

 

A igualdade impera no grupo da fase polo ascenso á Segunda Galicia porque ninguén foi quen de gañar todos os encontros disputados. Só o Corgo, cun partido menos, se mantén invicto cunha vitoria e un empate. No Trofeo Delegación o Friol B é o que sobresae nestes momentos no grupo norte á fronte da clasificación; no sur, o Laxosa e o Paradela comparten a cabeza da táboa. Foi unha xornada de descanso para o Rioaveso e o Guntín.

Na fase polo ascenso, dentro da igualdade, o que mellor números ten é o Catro Roldas que sae como líder do triple empate que hai nos primeiros postos da clasificación. O equipo de Román conseguiu unha importante vitoria diante do Cervo onde volveu a marcar bos goles como leva facendo dende que comezou o 2018. Arrieiro pegoulle dende 3/4 de campo a balón parado. Nun encontro no que o equipo amarelo, a pesar da vitoria, acabou con nove e co adestrador David tamén expulsado. O Goiriz é o segundo logo de vencer ó Fonsagrada nun gran traballo colectivo onde destacou Ramiro no manexo do xogo. Terceiro é o Incio que sufriu a primeira derrota da fase ante un Corgo que levou o peso do enfrontamento e aproveitou a súas ocasións. O Sober conseguiu a primeira vitoria da fase ao derrotar con claridade a Comercial. Unha Comercial que pasa por uns días difíciles despois do falecemento do que fora seu presidente e agora era o de honra, Manuel Díaz Souto ´O Neno´. Esta fin de semana gardarase un minuto de silencio en todos os encontros que se disputen na provincia.

No grupo norte do Trofeo Delegación, o Friol B mantén a súa boa xeira e empatou nun encontro de goles ante o Celta Barreiros. O lateral Mariano foi un dos máis sobranceiros nos locais; Choni e Iñaki destacaron nun Celta Barreiros que contou coa parada final de Fraga que lles permitiu sumar un punto importante a domicilio. Foi o último encontro de Djibi co equipo da Mariña xa que ten que deixar o club por motivos laborais.

O Muimenta é segundo logo de vencer na casa ao Cazás nun encontro pouco brillante no que un penalti claro a favor dos locais foi o primeiro paso para desequilibrar a balanza. Celeiro e Rábade tamén empataron nun duelo no que David Vázquez destacou nos locais e Jose e Marcos fixérono para o equipo adestrado por Óscar Jaime.

 

No grupo sur, o Laxosa mantense á fronte ao derrotar pola mínima a un Relámpago Taboada que chegou con moitas baixas e mesmo tivo que entrar na convocatoria algún futbolista lesionado. No coliderado do grupo tamén está o Paradela que venceu a un Río Sil afectado polas lesións, no descanso xa tiveron que trocar a tres mancados.  No equipo adestrado por Senén sobresaíu Cristian Magdalena “Termi”. No outro choque da xornada o FC Becerrea e o  Quiroga empataron a un gol. Nos visitantes volveu Juanmi a un gran nivel, despois de algunhas semanas de baixa. Sumou o seu primeiro gol do ano Mavilo.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*