Os sobranceiros da Terceira na sétima xornada da segunda fase

 

Rematou a primeira volta tanto na fase polo ascenso como no Trofeo Delegación de Lugo na Terceira Galicia. O Inicio lidera a fase que da acceso á Segunda Galicia que xunto con Corgo, Goiriz, Comercial e Catro Roldas ascenderían de categoría. O Muimenta consolídase como líder no grupo norte e o Paradela mantén as diferenzas no sur nunha fin de semana na que Celeiro e FC Becerreá descansaron.

O Incio venceu con claridade ao Fonsagrada a domicilio para sumar a terceira vitoria consecutiva, a quinta desta fase e manterse na cabeza da táboa. Torres, con tres goles, xunto con Urdi foron do máis destacado do encontro. Segundo é o Corgo que colleitou a súa primeira derrota diante do Sober. O Goiriz é terceiro ao empatar a un gol no Ventiño diante do Cervo. Cuarta é a Comercial que gañou ao Catro Roldas nun duelo de alternativas e de goles que decidiu finalmente un tanto de Javi Saavedra. Foi unha fin de semana de dous partidos tanto para Fonsagrada como Sober que xogaron o seu encontro suspendido  que finalizou con empate a un gol. O equipo soberino fixo nunha fin de semana catro puntos, máis ca os que fixera ata o momento (tres).

 

No grupo norte do Trofeo Delegación Lugo o Muimenta deu un golpe na pesa ao vencer no Pichón ao seu inmediato perseguidor, o Friol B. Agora o equipo adestrado por Basi ten unha diferenza de sete puntos sobre o filial friolés. Recuperou sensacións o Celta Barreiros que, despois de dúas xornadas, volveu gañar e con claridade diante do Rábade. Roberto con dous goles e Choni foron do máis destacado nun choque no que os locais quedaron con dez pola lesión de porteiro Xosé na segunda parte; Andina cumpriu baixo paus. Pola súa banda, o Cazás sumou a segunda vitoria consecutiva ao derrotar a un Rioaveso que empezou gañando cun gran gol de Esteban Gil e acabaría o encontro con tres xogadores expulsados. Palito marcou dous dos tres goles do equipo xermadino.

O Paradela mantén o seu pleno de vitorias que lle permite seguir como líder do grupo sur. Aínda cun partido menos, ten unha vantaxe de tres puntos sobre o Guntín logo de vencer a domicilio a un Quiroga no que destacaron Bolés e Gachan cun gol. Broni estreouse como goleador no Guntín cun dobrete. O equipo guntino colleu unha boa liña ao sumar o seu terceiro triunfo seguido diante do Relámpago Taboada. Na mesma situación de puntos e de xeira atópase o Río Sil que gañou tamén con claridade a domicilio no seu enfrontamento co Laxosa.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*