O Muimenta afianza o seu liderado no grupo norte da Terceira antes de visitar ao segundo clasificado que non foi quen de vencer no combativo Catro Ventos. A goleada da xornada e, ao mellor, da temporada protagonizouna o Alfoz con 9 goles. No grupo sur, o Quiroga reduce as diferenzas co líder e o Sober engánchase á loita polo ascenso.

No grupo norte, nun dos duelos da xornada, o Muimenta venceu pola mínima a un Celta Barreiros que podía poñerse a dous puntos do seu rival; en cambio agora ocupa a sexta posición, a última que dá acceso a promoción de ascenso. O cadro do Pichón consolida o seu liderado sumando seis vitorias consecutivas. Os visitantes adiantáronse no marcador, pero os locais empataron rápido para finalmente consumar a remontada por medio dun penalti. Adrián e Diego na liña defensiva e Edu na parte ofensiva destacaron no Muimenta, mentres que Álvaro, Rafa (que marcou un bo gol) e Álex Ferro fixérono no Celta Barreiros. O conxunto adestrado por Basi xa prepara a visita ao Fonsagrada na penúltima cita da primeira volta. Catro puntos de diferenza entre os dous porque o Fonsagrada non puido sacar máis ca un empate da súa visita a Cazás. O conxunto fonsagradino adiantouse cun gol de Brais de Felipe, un dos máis destacados, nunha das poucas opcións que houbo no partido e o Cazás empatou cun gol olímpico de Yago.

Na terceira posición, colocouse un Alfoz que venceu con moita claridade ao Rioaveso (9-1) nun choque no que o equipo local tivo sete goleadores e Pablo Souto e Martín Reigosa marcaron dobrete. De todos eles, sobresaíu o de Miguel que disparou dende lonxe e o balón entrou pola escadra. Cos memos puntos ca o conxunto alfocense, continúan o Catro Roldas e a Milagrosa. O equipo de Román foi quen de remontar o gol inicial do Lugo Unión para facerse cos tres puntos a domicilio. Pola súa banda, o equipo da Mila derrotou ao Celeiro nun partido no que o árbitro foi moi criticado polo cadro visitante. O partido correspondente a esta xornada entre o Friol B e o Matela xogarase o 6 de decembro (día festivo) por decisión dos dous equipos.

No grupo sur, o Quiroga atópase a 3 puntos dun Paradela que descansou esta xornada e que tamén o fará na vindeira. O equipo venceu no San Martiño ao filial do Taboada noutro bo encontro de Jose Gemelo (dobrete incluído) e Dani Gemelo (autor do outro gol para os seus).  O filial taboadense inquietou cando marcou o gol do 2-1 pero o cadro quirogués aproveitou o contragolpe para sentenciar. Do resto de equipos en fase de ascenso só gañou o Sober que se mete na pelexa cun triunfo a domicilio ante un rival directo como o Castroverde e afrontará con máis confianza o derbi soberino desta fin de semana.

O Río Sil chegará a cita logo de igualar ante o Antas. Nos pupilos dirixidos por Juan Diéguez destacou Castro que non faltou a súa cita co gol e tamén salientamos a estrea nesta tempada de Sergio Campos, despois de lesionarse na pretemporada. Polo cadro da Ulloa, Koeman na defensa e Álex Vázquez no lateral lideraron ao equipo nun campo difícil pola choiva. Aínda que está máis lonxe, non renuncia a nada o Relámpago Taboada que fixo os 7 puntos que ten nos últimos 12 que tivo en xogo. Desta volta venceu ao Rubián no anexo de Cerdeiriños nun bo encontro de Luismi e Borja e o gardamallas Casti que detivo un penalti.

 

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*