A Terceira Rexional xa pasou ao formato eliminatorias. Por un lado as da promoción con dous postos de ascenso en xogo. Polo outro, as da fase previa da Copa 2019 para evitar que o resto de equipos paren. A ida deixou mestura de vitorias locais e visitantes e os equipos buscarán que a temporada non remate definitivamente antes da Semana Santa. Agás o duelo Celeiro – Fonsagrada que se retrasou unha semana e xogarán este sábado a ida.

Na fase de ascenso do grupo norte o Celta Barreiros é o que maior renda sacou. Venceu por dous goles como local ao Matela. Aproveitáronse dos erros defensivos dos visitantes para marcar. Puido recurtar distancias o Matela pero tamén os locais poideron sentenciar a eliminatoria. Álvaro, que xogou de central, Dani Chin, Celeiro e Roberto foron os mellores nunha boa actuación coral do cadro de Barreiros. Joserra foi o único que deixou a porta a cero na zona norte. Nos visitantes, o gardamallas Pedro evitou que a diferenza fose maior e xunto con Kevin e Soto foron do máis sobranceiro nos seus. Máis igualada quedou, a priori, a eliminatoria entre a Mila e o Catro Roldas. Os capitalinos desaproveitaron a diferenza de dous goles que tiñan. O tanto de Seijas dálle moitas opcións ao Catro Roldas de cara o partido de volta na Canteira. Diego e Roberto tamén foron protagonistas nunha mellor segunda parte do cadro de Román.

Na zona sur, o Castroverde sacou un resultado favorable da súa visita ao Castro Seoane (0-2). O Antas xerou perigo principalmente no primeiro tempo. Non estivo acertado. O Castroverde aproveitou a situación e leva dous goles de vantaxe para o partido de volta na súa casa. O gardamallas visitante Rois foi unha das chaves do encontro. Dous goles a favor tamén leva para a volta o Río Sil. Tentará rematala faena na casa do Sober. O primeiro derbi soberino da promoción tivo en Isma un dos seus protagonistas. O dianteiro marcou os dous goles do partido. Un dos sobranceiros a nivel defensivo do encontro foi tamén o lateral Luis Eduardo.

Na ida da primeira eliminatoria da fase previa da Copa 2019 todos os equipos marcaron. O que lles deixa moitas opcións para os partidos de volta, incluso aos que perderon. Un dos atractivos estivo nos duelos directos entre os catro equipos que ascenderon. No norte, o Alfoz e o Muimenta empataron a un gol. Todo se resolverá no Pichón cunha lixeira vantaxe para os celestes. Dani, Souto e Jose luciron nunha boa primeira metade local. Tanto o Cazás como o Friol B traen resultados favorables para tentar pasar de rolda na casa. O cadro xermadino venceu ao Lugo Unión (1-2). Partido igualado. Resolveuse cun bo gol de Héctor. Unha boa xogada persoal que lle dá vantaxe o Cazás para a volta no Catro Ventos. Pola súa banda, o Friol B derrotou ao Rioaveso (2-3). Rubén Dorado e Casanova, cun dobrete, guiaron ao filial friolés.

Na zona sur, o Quiroga manda na eliminatoria co Paradela (2-1). Repetiuse un gran ambiente no San Martiño. Mavilo fixo un gran partido e encetou o marcador cun lanzamento dende o pico da área. Tamén destacou Gachán que ademais de marcar completou un bo encontro. Raúl e Romi destacaron nos visitantes. O gol de Hugo dálles moita vida para o Gandarón. O único equipo que ten unha diferenza de dous goles co seu rival é o Taboada B. Venceu no Posto ao Rubián (2-4). O partido púxoselles de cara aos visitantes. Dobrete de Jony, que foi dos mellores sobre o terreo de xogo, xunto con Noé e Álex Rodríguez. Gerardo e Miguel destacaron nun Rubián que apelará a remontada. Tamén foi vitoria visitante a do Relámpago. Venceu na Pinguela ao Lemos B (2-3). Os locais dominaron con moito posesión no campo rival. Pero con escaseza de acerto de cara o gol. O Relámpago aproveitou os erros defensivos do filial lemista. Pablito, Sabadelle e Jonny guiaron o triunfo.

Foto de portada: Mariluz Fagín

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*