Os catro primeiros do grupo norte non fallan. E o Muimenta continúa afianzando o liderado. No sur, o Paradela e o Quiroga ampliaron a súa vantaxe nos postos de ascenso directo nunha xornada na que o Castroverde e o Rubián descansaron.

No norte, o líder Muimenta volveu ao camiño da vitoria despois do empate da fin de semana anterior. O equipo celeste venceu en Román pola mínima ante o Catro Roldas. O gol de Miguel Morán resultou decisivo. Aínda así, no Catro Roldas sacaron algo en positivo. O dianteiro Cleno confirmou a súa recuperación tendo minutos por segundo encontro consecutivo. En postos de ascenso directo continúa o Alfoz quen tamén gañou pola mínima ao Matela cun gol nos derradeiros instantes de partido. Legaspi, Jonathan e Dani Río sobresaíron no cadro alfocense. O porteiro Álex e Pedro destacaron no Matela que se queixou pola actuación arbitral.

Agardando o fallo dos de arriba está a Milagrosa que venceu a domicilio ao Lugo Unión. O cuarto é o Fonsagrada que marca distancias co sétimo posto no que está o Celta Barreiros ao gañarlle por 2-1. Hugo marcou para o cadro de San Cosme por segunda semana seguida. Tamén destacaron Roberto e Máquina. Kike guiou ao cadro fonsagradino. Fóra dos postos de promoción, o Rioaveso conseguiu a vitoria a domicilio ante o Celeiro con gol incluído de Paulo Sousa de xeito olímpico. Payu foi o destacado do cadro viveirense que se meteu tarde no econtro. Ademais o Cazás logrou a súa primeira vitoria fóra da casa ao vencer ao Friol B. Juan sobresaíu no Cazás, mentres que Carlos fíxoo no Friol.

No grupo sur, o Paradela mantense no máis alto da táboa clasificatoria ao vencer ao Sober. O equipo visitante conseguiu empatar o gol inicial de Romi, pero a aprtir de aí o Paradela foi superior cun golazo de Esteban que completou con outro gol e un pase. En postos de ascenso directo continúa o Quiroga que volveu ao camiño da vitoria ante o filial do Lemos. Marquiños completou un gran partido como central e o xuvenil Jato marcou un dobrete. O Lemos B deu a cara.

A catro puntos do ascenso directo queda o Antas logo de empatar sen goles ante o Taboada B. O cadro adestrado por Melendo viuse lastrada polas lesións de Miguel, Xurxo e Cristian ao longo do partido. Koeman e Pereiras lideraron ao equipo dende a defensa. Dieguito, Hugo e David Potente fixérono no lado do filial taboadense. Pola súa banda, o Río Sil afianzou o seu posto de promoción ao vencer pola mínima ao Relámpago Taboada. Canteiro volveu ao equipo despois da súa paternidade e marcou o gol do triunfo. O Relámpago afrontou o encontro con só nove xogadores.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*