Os Máxicos dos cuartos de final de Copa xa están aquí á espera do encontro entre Atlético Escairón e Residencia. O cal se disputará o próximo 19 de marzo e decidirá o último semifinalista.

*Santaballés-Sarriana (0-3): O cadro de Juan Peón avanza de rolda despois de castigar en exceso a un Santaballés que plantou cara durante 80 minutos. Omar abriu a lata na reanudación despois dunha primeira metade sen apenas ocasións. Aos de Dani Moirón non lles quedou máis que arriscar e a Sarriana aproveitou os espazos. Os visitantes mataron o encontro con dous goles no tramo final e seguen adiante na Copa.

*Chantada Atlético-Taboada (0-0): Anxo Sampayo, xuvenil de primeiro ano, é o gran culpable do pase do Chantada Atlético á seguinte rolda. Os locais tiveron máis balón ante un serio Taboada que buscou a contra e reclamou ata tres posibles penaltis. Ambos conxuntos tiveron a súa opción de levar o partido na segunda metade. Fallou a puntería e todo se decidiu na lotaría dos once metros, onde Anxo Sampayo tivo moitos máis boletos gañadores que os demais.

*Chantada-Ribadeo (1-1): O Ribadeo levouse o gato á auga nos lanzamentos dende os once metros. Adiantouse o Chantada en medio da igualdade reinante, ao culminar Javi Ramos unha boa acción colectiva. A partires de aí, os mariñáns asumiron a iniciativa ante un rival ben posicionado. Os de Rafa Casanova non foron quen de romper a orde defensiva local ata o tramo final, cando Aitor empatou o choque de novo.

Ademais, neste domingo de Entroido disputouse un encontro aprazado da competición doméstica:

*Folgueiro-Monterroso (4-3): Emoción e goles en Boa Vista cun Folgueiro que segue moi forte na casa. Aos vinte minutos, Aurelio xa marcara dous goles. O Monterroso non se foi do partido e igualou tras o descanso. Un erro defensivo e un penalti terminaron de encarrilar o encontro a favor dos de Jandri Rego. Diego Fente maquillou o resultado co derradeiro 4-3. Aurelio brillou no Folgueiro e Diego Fente no Monterroso.

Comparte
                        

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*