Os onces da vixésima segunda xornada na Segunda

 

Mantéñense os líderes en ámbolos grupos da Segunda Galicia. No grupo norte, Cabreiros e Folgueiro empataron nun dos duelos da xornada na que Burela e Guitiriz seguen en postos de ascenso directo. No sur, o Friol, primeiro clasificado, venceu ao Chantada Atlético nun dos encontros importantes pola zona alta. O San Lázaro mantense por segunda xornada seguida nos postos de ascenso directo da clasificación.

O Burela suma a terceira semana a fronte da clasificación ao conseguir a oitava vitoria consecutiva vencendo pola mínima nun duelo clásico da Mariña ante o Mondoñedo (noutras épocas en superiores categorías). A tres puntos segue o Guitiriz que derrotou con claridade a domicilio ao Ourol. Preto deses postos de ascenso está o Lourenzá que derrotou por un gol de diferenza ao Roupar; tamén o Pol que segue sen perder dende a chegada do adestrador Roberto Rielo logo de gañar ao Alfoz. Seguen na loita Folgueiro e Cabreiros que empataron sen goles no campo da Cea.

 

Na zona morna o Cospeito sumou a súa undécima vitoria da temporada diante da Candelaria coa boa nova da estrea na portería de Alberto Cruz que non encaixou ningún gol. O gardamallas, natural de Támoga, ten 17 anos e forma parte dos xuvenís do equipo cospeitense. Vitoria contundente do Iberia diante do Meira que se afasta dos postos baixos da táboa clasificatoria. Na zona baixa tampouco pasaron do empate o Matela e o Abadín.

O Friol mantén a diferenza na cabeza do grupo sur despois de gañar ao Chantada Atlético pola mínima. Segundo é o San Lázaro que mantén a súa gran xeira e xa leva catorce enfrontamentos sen perder logo de remontar un 3-1 en contra ante o Antas. Empatado a puntos na terceira posición está o filial do Chantada que venceu ao Castroverde. Despois de tres empates, o Santa Comba volveu ao camiño dos tres puntos ao superar nos últimos minutos ao Palas. O segundo equipo que non sumou de tres nos postos altos foi o Oural que empatou a dous goles diante do filial do Monterroso.

A SD Becerreá conseguiu unha importante vitoria ao gañarlle ao Sporting Lucense xa que os dous conxuntos se presentaban ao choque empatados a puntos. Segue na boa dinámica o Portomarín que venceu (cun dobrete de Óscar López) a domicilio a un Brollón que lle impide tomar máis vantaxe cos postos baixos da categoría. De similar importancia foi o triunfo colleitado pola Milagrosa diante do último clasificado, o Rubián.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*