O Guitiriz deixa a primeira posición na clasificación do grupo norte da Segunda Galicia e o novo líder é o Cabreiros despois da súa vitoria no campo do Iberia. No grupo sur, mantense o liderado do Friol aínda que o Chantada B, segundo clasificado, está a tres puntos cun partido menos.

No grupo norte, o Cabreiros aproveitouse dos duelos directos que había na xornada para sumar o seu quinto triunfo consecutivo e convertirse no novo líder da categoría. Venceu ao Iberia cun bo gol de falta de Vicente mediada a segunda parte. O Lourenzá gañou e sacou dos postos de ascenso ao Guitiriz que suma tres derrotas consecutivas. Pola contra, o equipo adestrado por Diego Rego está nun gran momento e leva catorce xornadas sen coñecela derrota. O Burela segue na pelexa logo de vencer nun dos duelos directos da xornada ao Folgueiro remontando cun dobrete de Javi Celes que leva 10 goles en 11 partidos. Tamén recuperou sensacións o Pol coa chegada de Roberto Rielo ao banco venceu con claridade ao Matela, despois dunha primeira parte desacertada en ataque para o conxunto de Outeiro.

 

Volveu vencer o Cospeito logo de tres xornadas sen facelo; fíxoo por 5-1 diante do Alfoz, unha derrota que supuxo a decisión definitiva do clube por cesar ao adestrador Martín. Na zona morna tamén está o Roupar que gañou ao Mondoñedo cun gol de Alen nos últimos minutos do choque. Importante vitoria da Candelaria ante o Meira, o equipo de Cervo conta os catro partidos do 2018 por vitorias. Tamén sumou tres puntos importantes o Abadín  diante do Ourol grazas a un gol do mediocentro Ángel.

No grupo sur, o Friol segue ao seu e mantén o primeiro posto logo de vencer ao domicilio ao Brollón. Segundo é o filial do Chantada que volveu ao camiño da vitoria ao vencer pola mínima diante dun bo Portomarín. Segue medrando na clasificación o Santa Comba que volveu gañar e leva catro vitorias consecutivas, desta volta a domicilio na Veiga do Olmo ante un Castroverde que mereceu algo máis pero que lle pesou a súa falta de gol. Na pelexa tamén está o Oural que venceu por 2-1 á Milagrosa. A derrota desta xornada na parte alta foi para o Chantada Atlético que caeu ante un Rubián que con estes tres puntos sae dos postos de descenso directo.

 

Dous dos equipos da zona media alta da táboa empataron entre eles. O San Lázaro e o Monterroso B quedaron igualados con dous goles para cada un. Pola súa banda, o Palas caeu ante a SD Becerreá por 2-4. O equipo becerrense sumou o seu segundo triunfo seguido e o seu primeiro fóra da casa, un dos puntos frouxos do conxunto neste curso.  O Sporting Lucense volveu vencer tras catro xornadas sen facelo; batiu con claridade ao Antas.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

1 ComentarioDeixa un Comentario

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*