Despois de cinco xornadas desputadas na Segunda Rexional só o Guitiriz conta todos os partidos xogados por vitorias. O cadro adestrado por Delfín Romero lidera en solitario o grupo norte cunha fiabilidade alta como o acredita que ata o momento non encaixara ningún gol. Por outra banda, o recén ascendido Guntín faise co primeiro posto no grupo sur nunha xornada de protagonistas destacados que a final de temporada, como xa anunciamos, poida que teñan premio.

No grupo norte, o Guitiriz aproveitou o empate do Xermade para ser o único en cabezar a clasificación. O conxunto guitiricense venceu a domicilio ante un Cervo que acabou con tres expulsados no primeiro partido logo da marcha do adestrador Iván Pernas. O delegado e o xogador Adrián Álvarez están facendo polo momento as funcións de dirixir. Pola súa banda o Xermade tivo o primeiro tropezo da tempada (segue sen perder) ao empatar sen goles ante a Candelaria. Achégase ao segundo posto o Folgueiro que sumou a cuarta vitoria seguida ao vencer na Fonte a un Cospeito, que xunto con Cervo e Meira, non conseguiu ningún triunfo polo de agora.

O Roupar comezou o curso con boas notas e consolídase na parte alta ao logar os tres puntos por terceira semana consecutiva; desta volta venceu con claridade no marcador á Comercial. O Valadouro volveu á senda do triunfo ao derrotar no Árbol ao Meira despois de desequilibrar a balanza cun penalti e unha gran actuación de Iñaki, entre outros. O Cabreiros empatou na casa ante un Goiriz no que se estreou como goleador Javi Lozano. Nesta xornada tamén chegou a segunda vitoria da campaña para o Mondoñedo que venceu a un Iberia que encaixou a terceira derrota seguida. Outro dos grandes protagonistas da xornada foi o Lourenzá que gañou o primeiro choque ante o Abadín. O adestrador Diego Rego avanzaba na previa en Futbolinlugo que era o momento idóneo para vencer.

No grupo sur hai novo líder, neste caso por diferenza de goles xa que o Guntín ten un balance máis positivo ca o Portomarín. O cadro laranxa conseguiu o cuarto triunfo ante o Chantada B nun partido xogado, de novo, fóra dos marcos da provincia (na Raña en Rodeiro). Os irmáns Ivi e Óscar, xunto con Yelko por partida dobre, foron os autores dos bos goles que se viron no partido. O filial chantadino deu a cara, pero o gardamallas Javi tamén apareceu. Colidera a categoría o Portomarín ao derrotar nun partido de dez goles ao Corgo. No cadro visitante Debasa estreouse na Segunda Rexional con dous goles, a pesar da derrota do seu equipo.

Preto do ascenso directo están os dous equipos que aínda non perderon no grupo. Máis arriba está o San Roque que derrotou ao Palas e impediu que o cadro da Ulloa continuase no liderado. Por outra banda, o Ferreira empatou por terceira semana consecutiva; desta volta ante o San Lázaro. Nesa parte alta tamén se atopa o Santa Comba que derrotou pola mínima a un Sporting Lucense que, xunto co Monterroso B, non gañou ningún dos cinco partidos . Logo de dúas derrotas consecutivas, volveu ao carreiro da vitoria o Brollón con goleada ante o Oural. O dianteiro monfortino Berto foi un dos grandes protagonistas ao marcar tres goles. Emocionante ata o final foi o duelo entre o Becerreá e o Monterroso B xa que o filial monterrosino empatou nos últimos instantes de encontro. Por último, colle pulo o Bóveda que venceu por segunda xornada consecutiva; derrotou ao Incio na súa casa nunha boa actuación de Lucas e Blanco.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*