O novo ano comezou poñendo a Segunda Rexional ao día ao xogarse o encontro adiado entre o Ferreira e a SD Becerreá. O cadro de Pantón venceu pola mínima e colocouse en postos de ascenso directo apretando aínda máis a clasificación na parte alta. Os tres primeiros clasificados (Palas, Ferreira e San Roque) teñen 26 puntos. Tamén comezará o ano con cambios no grupo norte, xa que Abel Eijo (ex adestrador do Burela, entre outros) é o novo adestrador da Candelaria despois da saída de Loiso.

Esta fin de semana regresa a competición coa última xornada da primeira volta. Antes diso quixemos saber cales son os desexos para o 2019 dos 32 equipos que conforman a Segunda Rexional nos dous grupos (orde segundo a clasificación actual):

Grupo norte: 

Anxo Fernández (adestrador do Folgueiro): “Aínda que soe a tópico, pedimos saúde porque se nos respectan as lesións, traballando como o estamos facendo, as cousas boas teñen que chegar”.

Fran García (xogador do Xermade): “O máis importante é que non se perda este grupo de amigos que formamos; que desfrutou dos bos tempos e mantívose unido nos malos. Futbolisticamente, desexamos poder competir ata o final e, sobre todo, que as lesións deixen ter por fin un ano tranquilo a algúns compañeiros que levan pelexando moito tempo”.

Delfín Romero (adestrador do Guitiriz): “Que non haxa lesións, seguir co bo ambiente que hai e competir ata o final”.

Diego Dopico (adestrador do Roupar): “Pediríalle que siga tendo a todos os meus xogadores comprometidos como ata agora e que lles respecten as lesións para poder seguir competindo e intentando manternos no bloque alto da táboa”.

Diego Rego (adestrador do Lourenzá): “Seguir desfrutando do fútbol como ata agora, que nos respecten as lesións e que as próximas eleccións nos traian ese campo de herba artificial que tanto ansiamos e necesitamos”.

Moncho Gato (presidente do Cabreiros): «Manter un grupo unido e divertido».

José Manuel Rey Cora (presidente e adestrador do Goiriz): “Que o Goiriz siga sendo un referente en canto a grupo familiar e ninguén sufra ningunha lesión de gravidade”.

Abel Eijo conseguiu o ascenso a temporada pasada á Primeira Rexional co Burela. Foto: Sonia Paleo

Abel Eijo (adestrador da Candelaria): “Consolidarnos na categoría e intentar quedar o máis arriba posible”.

Israel Cruz (adestrador do Mondoñedo): «Saúde e esforzo para seguir medrando día a día e seguir ilusionando aos nosos afeccionados».

Marcos Rodríguez (capitán do Iberia): «Conseguir matematicamente a permanencia canto antes na categoría e consolidar a xente nova que compón o cadro de xogadores para ter un proxecto futuro. Tamén saúde para todos (que non haxa lesións)».

Marcos (directivo do Abadín): “Acadar a salvación o antes posible para non ter que depender do rendemento de equipos semiprofesionais. E que nos respecten as lesións máis do que o fixeron nas dúas últimas temporadas”.

José Ramón “Cuchi” (adestrador do Meira): “O noso desexo é salvarse o máis cedo posible e competir contra todos os equipos”.

Julio Castro (adestrador do Valadouro): “Que todas as desgrazas que sufriu o club en canto a lesións graves no 2018 desaparezan. A título persoal, desexo despedirme do club deixándoo o mellor posible para o próximo que asuma o cargo”.

Lolo (directivo da Comercial): “Encadear un par de vitorias consecutivas para que o grupo confíe e faga valer o potencial que realmente ten”.

Jose Carlos Fernández (adestrador do Cospeito): “Conseguir a permanencia na categoría e seguir na liña dos últimos seis partidos, ese será o camiño para lograr o obxectivo”.

Jesús Martín (adestrador do Cervo): “Desfrutar do fútbol con compromiso, vontade e ilusión; intentar mellorar e salvarnos”.

Grupo Sur

José Quintela (adestrador do Palas): «O desexo como todos sería ascender; pero para nós é realizar un equipo de futuro coa mistura de canteira e veteranía; e ser competitivos cada partido co noso estilo».

O Ferreira venceu a SD Becerreá no primeiro encontro na Segunda do 2019. Foto: Leti Fernández

César (directivo do Ferreira): “Desexamos que nos respecten as lesións para poder competir e facer unha boa segunda volta”.

Manolo García (adestrador do San Roque): «O máis importante é que non se manque ningún xogador e que poidamos desfrutar deste deporte que tanto nos gusta. E se poder ser con moitas vitorias; mellor que mellor».

Edu Fernández (presidente do Guntín): “O ascenso a Primeira Rexional”.

José “Cabanelas” (adestrador do Bóveda): “O noso desexo é ter unha 2ª volta moi parecida á 1ª. E tamén que non haxa lesións graves”.

Diego Piñeiro (presidente do Corgo): «Na directiva levamos pouco tempo polo que o obxectivo é seguir medrando. Melloráronse as instalacións e queremos seguir traballando moito co fútbol base. Non somos Lugo, o Corgo é un pobo pero queremos chegar as 200 fichas neste ano. No tocante ao equipo sénior loitar polos postos altos e se se pode ascender á Primeira, mellor; pero o ascenso é secundario».

Ángel Merino (adestrador do San Lázaro): “Que nos respecten as lesións e intentar estar o máis arriba posible”.

Fernando Sánchez “Fer” (adestrador do Portomarín): “Manter unido este gran grupo de persoas e facer feliz ó pobo de Portomarín”.

Jorge Negrete (adestrador do Oural): “Que nos respecten as lesións e que os rapaces me axuden a facer deste Oural algo máis grande, sen deixar de ser unha gran familia. Por suposto, animar a xente nova a practicar este gran deporte do que estou profundamente namorado”.

Rodrigo Amarante (adestrador do Chantada B): “Que nos respecten as lesións, seguir medrando e mellorando ata o final de tempada para quedar o máis arriba posible e axudar, así, ao noso primeiro equipo como ata agora”.

Juan Carlos Gallardo “Chura” (adestrador do Brollón): “Que todos sigamos desfrutando do fútbol, manter o gran grupo humano que temos, non perder a ilusión e ter saúde para competir en igualdade”.

José Antonio Guerra (presidente da SD Becerreá): “Non baixar á Terceira”.

Lolo (adestrador do Sporting Lucense): “Que a cohesión e o compromiso do grupo co club sigan como ata agora. Recuperar aos xogadores lesionados para contar con máis recursos. Seguir mantendo o nivel competitivo das últimas oito xornadas”.

Diego Mejuto (adestrador do Santa Comba): “Para empezar que non se manque ninguén, empezar sumando e acabar salvando a categoría”.

Pedro Castro “Monarca” (adestrador do Incio): “Conseguir a permanencia na categoría sería un gran obxectivo para este 2019”.

Brais Vázquez (adestrador do Monterroso B): “Desexamos continuar acompañando e axudando ao primeiro equipo estando preparados para arrimar o ombreiro. Continuar abrindo camiño aos xuvenís en competicións sénior e, xa en segundo plano, mellorar os nosos números clasificatorios”.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*