Cambiou a hora e co horario de verán algúns «chegaron tarde» os seus partidos. Volveu ser esta unha xornada de derbis lucenses na Preferente Norte, en concreto dous, dos que Viveiro e Sarriana saíron triunfadores. Producíronse triunfos importantes tamén na parte alta e os xogadores deses equipos teñen, como non, salientable presenza no noso once.

Na Ribela o clásico duelo entre Sarriana e Lemos chegou nun momento case crítico para os dous equipos. Os locais leváronse o triunfo despois de seis xornadas perdendo e venceron por 1-0. Marino e o incombustible Samos volveron ser os máis sobranceiros dun choque que os deixa a cinco puntos da salvación directa. Aínda así, nesa posición estarían condicionados polos posibles arrastres. O Lemos queda con 31 puntos na clasificación, catro por riba do descenso directo.

A primeira praza de descenso márcaa precisamente o Chantada que perdeu noutro dos enfrontamentos provinciais da fin de semana e segue a un punto da salvación. O Viveiro levouse os tres puntos do Sangoñedo ao gañar por 0-2. Fidi e Erni foron os máis destacados no conxunto da Mariña e rescatamos a actuación de Alberto por parte do equipo chantadino. O Viveiro queda con 45 puntos, a once dos postos de play-off.

Félix, Dani Renda e Erni repiten no once por segunda semana consecutiva

Nos postos de promoción de ascenso si se asentou o Lugo B coa súa vitoria en Mugardos por 0-3. O conxunto de José Durán aproveitou a segunda derrota consecutiva do Paiosaco para deixar o quinto posto catro puntos por riba, e tamén a derrota do Estudiantil para quedar a 3 do ascenso directo. Nestes momentos o filial albivermello depende de si mesmo para ascender, xa que na vindeira xornada recibe o Laracha e en dúas ó Estudiantil. Ambos partidos na casa.

E esperando a que erren os de arriba atópase o Escairón que venceu onte por goleada ó Sada (6-1) e debutou na segunda metade o porteiro Sergio Cabanelas. O club do Saviñao é sexto, a oito puntos do Lugo B. Un pouco máis abaixo atópase o Ribadeo tamén con 45 puntos despois da súa vitoria ante o Soneira por 2-0. Destacamos a actuación de Yoel e do gardameta, Iván González que fichou hai un par de semanas e nos dous encontros disputados aínda non recibiu ningún gol.

Comparte
                        

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*