Mantéñense os líderes en ámbolos grupos da Segunda Galicia. No norte o Burela refórzase de cara o último tramo do campionato e no sur, entra un novo equipo nas posición de ascenso directo da clasificación, o San Lázaro. 

No grupo norte, o Burela continúa como líder por segunda xornada consecutiva ao vencer ao Abadín e sumar a súa sétima vitoria consecutiva e o seu undécimo partido seguido sen coñecela derrota. Segundo mantense o Guitiriz que volveu ao camiño do triunfo ao vencer con claridade na casa ao Roupar. Seguen preto dos postos de ascenso o Folgueiro que gañou ante a Candelaria, o Cabreiros que logo de dúas derrotas consecutivas venceu ao Matela e o Lourenzá que, ao igual ca o Cabreiros, volveu recuperala senda dos tres puntos despois de dúas xornadas ante o Cospeito. O Matela afrontou o encontro sen porteiro puro, e o capitán Pedro tivo que facer esas funcións tendo unha gran actuación, a pesar de encaixar dous goles. Na loita segue o Pol, aínda que foi o único dos seis primeiros clasificados que non gañou na pasada xornada, empatou sen goles a domicilio ante o Mondoñedo co porteiro Cancio parando penalti nos últimos minutos.

Ningún dos últimos catro clasificados puntou e algún equipo aproveitou para tomar certa vantaxe con eses postos baixos. Un exemplo é o Iberia que venceu por dous goles na casa do Alfoz e saca quince puntos con respecto ao descenso directo. Outro dos que sumou foi o Meira que venceu con claridade na Lomba ante o Ourol, último clasificado.

No grupo sur, o Friol mantén a cabeza da clasificación a pesar do seu empate no campo da SD Becerreá. Un encontro con alternativas no marcador que puido caer a favor de calquera equipo. Segundo colócase o San Lázaro que leva trece partidos sen perder despois de derrotar pola mínima ao Brollón. O porteiro Borja Figueiras deixou a portería do San Lázaro a cero e mantén o equipo como o menos goleado da categoría. Aproveitou tamén o empate do Chantada B na súa visita a outro dos equipos da zona alta, o Oural. Entre medias atópase o Chantada Atlético que venceu con claridade ante o Antas. Mantense na zona nobre o Santa Comba a pesar de sumar o seu terceiro empate seguido, desta volta ante o pechacancelas, o Rubián.

Na zona morna segue sumando o Palas que venceu a domicilio ante o Portomarín. Segue puntuando o filial do Monterroso que igualou ante a Milagrosa no Gorgoso. O xuvenil Raúl Antas xogou este encontro co filial e foi un dos destacados do choque. Na zona baixa, só conseguiu os tres puntos o Castroverde. O equipo adestrado por Diego Gigan venceu pola mínima a domicilio ao Sporting Lucense.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*