Foi unha fin de semana de contrastes con grandes goleadas de equipos lucenses e tamén con abultadas derrotas encaixadas polos clubs da provincia. A unha xornada de rematala liga, confirmouse o descenso á Primeira Galicia do Chantada que implica que o Chantada Atlético descenda á Segunda Galicia. Tamén se complica cada vez máis a salvación do Lemos e o Lugo B dependerá doutros resultados para ser terceiro.

O filial albivermello cumpriu na súa visita a Bertamiráns e gañou por 0-4. Unha vez máis Dani Renda e Cuadrado con dous goles volveron ser os xogadores máis destacados do encontro, xunto con Julio Camba. O conxunto adestrado por José Durán rematará a liga ante o Sada ao que deberá gañar e agardar unha derrota do Estudiantil para quedar terceiro e poder xogar o play-off de ascenso. A promoción valerá de algo se sube á Segunda B máis dun equipo en Terceira.

Dani Renda e Cuadrado do Lugo B repiten no once por segunda semana consecutiva

Por outra banda o Chantada confirmou o seu descenso ao perder 4-0 ante o Arteixo. A pesar de colleitar tres vitorias consecutivas no último tramo de liga encaixou varias derrotas nos últimos encontros que lle impediron seguir con vida. É o segundo equipo lucense que descende este ano, tras o da Sarriana que encaixou unha goleada por 5-0 ante o Paiosaco na súa última saída. Os descensos da provincia poderían ser tres, xa que o Lemos ten a salvación moi complicada. Perdeu por 7-3 ante o Arzúa. Deberá, cando menos, empatar ante o Bertamiráns na última xornada e agardar os ascensos de todos os equipos da Terceira á Segunda B para que así, os equipos da promoción da Preferente Norte poidan tamén optar ao ascenso.

O outro gran foco da xornada estivo na goleada do Viveiro por 10-1 ante o Soneira en Cantarrana. O conxunto de Germán Amil enfrontouse a un equipo moi mermado que non opuxo resistencia. Pola contra, no Viveiro destacaron Arturo con catro goles, Aurelio que na súa despedida do seu club de sempre anotou un gol e deu catro pases de gol e tamén Xenxo que entrou na segunda metade e marcou un hat-trick. O Viveiro segue oitavo na clasificiación con posibilidades de ser sexto. Sétimo é o Escairón que venceu tamén por 5-0 ante o Sofán. No equipo do Saviñao destacaron Caio (inaugurou o marcador) e Marcos Vázquez na defensa e David Calo que anotou tres goles. Por último, o Ribadeo empatou por 1-1 na casa do Betanzos. Nunha xornada na que os porteiros tiveron moito traballo por un lado e un papel case testemuñal por outras, destacamos a actuación de Iván Parapar no Ribadeo a pesar de encaixar un gol o final e tamén ao mediocentro Martín que anotou o gol do conxunto da Mariña.

Comparte
                     

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*