Foto de portada: Mariluz Fagín

O Covid – 19 marca tamén a axenda do noso fútbol. A suspensión da competición nas dúas próximas xornadas provoca parón en todas as categorías. Xusto cando a Terceira Rexional se atopa no seu tramo final. Esta suspensión pilla ao Sporting Lucense con todos os víveres. Porque xa volve ser equipo da Segunda Rexional. O equipo adestrado por Lolo non deixou escapar a súa primeira posibilidade de ascenso. Quedouse ás portas a Milagrosa. Namentres no grupo norte, o Fonsagrada perdeu o primeiro encontro en toda a temporada. O Matela e a SD Viveiro apertan. O Cazás e o Sober foron os equipos que descansaron nesta fin de semana. Repasamos máis detalles no Tres en Raia da 17ª xornada da Terceira.

No grupo norte o Fonsagrada segue líder, pero por primeira vez no curso rematou o partido con inferioridade no resultado. Foi a gran sorpresa da xornada. Caeu pola mínima ante o Lugo Unión. O técnico do conxunto fonsagradino, Nico Longhini recoñeceu que foran os peores noventa minutos dos seus en todo o campionato. A diferenza co segundo e o terceiro clasificado é de dous e tres puntos, respectivamente. O triunfo dálle algunha opción aínda o Lugo Unión de loitar ata o final por entrar nos postos de promoción. Pola súa banda, o Matela confirma que é o mellor equipo da categoría nestes momentos. Nove vitorias seguidas. A última ante unha Comercial que tamén viña á alza. A suspensión da seguinte xornada déixanos polo de agora sen o Fonsagrada – Matela que podía ter unha gran repercusión clasificatoria. Logo de dúas derrotas, a SD Viveiro volveu gañar e segue metida no allo. Derrotou ao Friol B na Reigosa. Nun cuarto de hora o cadro viveirense xa levaba tres goles. Disminuíu o rtimo na segunda metade, pero os locais xa quedaran cun xogador menos. No tramo final, os visitantes aínda marcarían dous tantos máis.

Á sexta posición volveu nesta xornada o Rioaveso. A súa vitoria na Canteira no derbi ante o Catro Roldas alimenta as esperanzas do club de Paraños de xogar a fase de ascenso. Tres puntos axustados nun encontro con cinco goles. Moha marcou o primeiro na súa conta particular da temporada no Catro Roldas. A pelexa por entrar na fase semella que vai ter punto de atención ata o final. O Celeiro tamén quere ter algo que dicir. A catro puntos queda despois desta xornada. O Nausti aguantou do empate ata o segundo tempo en Trasvías. Gran papel do gardamallas Guillermo. No segundo acto o Celeiro conseguiu batir a portería rival e levar os tres puntos.

No grupo sur, o Sporting Lucense subiu de categoría a falta de catro partidos por xogar. Era a primeira oportunidade que tiña para facelo e non a desaproveitou. Venceu pola mínima ao Lemos B, outro dos equipos da zona alta. Aquí pódense ver algunhas das imaxes do encontro grazas a Mariluz Fagín. “A chave foi o traballo e o compromiso dos xogadores. Levamos adestrando tres días desde finais de xullo case todas as semanas”, afirmou Lolo. Máis declaracións poderanse ler proximamente en Futbolinlugo nun especial sobre o ascenso do Sporting Lucense.

Á beira quedou na pasada finde a Milagrosa. Pasou a depender de si mesma coa vitoria do Sp. Lucense. Pero o equipo capitalino non fixo todos os deberes na Veiga do Olmo. Empatou a un gol ante o Castroverde cando necesitaba a vitoria para ascender. O único que podería alcanzalo sería o Antas que vai terceiro. A diferenza é de 8 puntos cando ao equipo da Ulloa só lle quedan 9 por desputar. Mentres que a Mila aínda ten 12 puntos en xogo. Se por algún casual, a situación chega sen resolverse ata a última xornada haberá un enfrontamento directo entre os dous. O Antas recurtou dous puntos na pasada xornada porque venceu na súa visita ao Taboada B. Non afectou o Palabra de… Melendo no devir do equipo. Aínda que comezaron con dificultades, despois de marcalo primeiro todo foi máis fácil. Aitor cun bo gol dende a frontal da área e Andrés cun dobrete foron protagonistas. Cinco partidos despois volveu gañar o Carballedo. Foi ante o Rubián. Tres puntos que lle permiten seguir en promoción de ascenso. Estivo ao tanto en gañar porque doutro xeito quedaría igualado a puntos co Relámpago. O cadro taboadense enlazou a súa terceira vitoria seguida ante o Monterroso B e está moi metido na pelexa. Aínda que o Castroverde e o Taboada B mateñen algunha posibilidade remota, semella que a loita pola sexta praza será cousa do Carballedo e do Relámpago. Dous dos equipos máis novos en creación da provincia.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*