A Primeira Autonómica chega ao seu fin. E faino con moito en xogo. Cos postos de descenso xa adxudicados a Sporting Pontenova, O Páramo e San Ciprián e un de ascenso para o Lemos, resta por saber que equipo será o que acompañe aos monfortinos o vindeiro ano na Preferente. A emoción estará en dous campos: na Cheda e no Sangoñedo. Será tarde de nervios, de transistores, de ledicias e tamén dalgunha bágoa por ver como o esforzo de todo un ano quedou ao borde do gran premio do ascenso.

S.D. RESIDENCIA – U.D. PASTORICENSE (DOMINGO ÁS 18 HORAS NA CHEDA)

A Residencia parte como o gran favorito para acadalo ascenso. Parte no segundo posto e depende de si mesmo para rematala xornada festexando o salto de categoría, tan só un ano despois de perdela categoría. Un triunfo outorgaríalle de xeito directo o ascenso a Preferente. O empate tamén lle valería sempre que o Chantada non gañase ao Outeiro de Rei.

O conxunto adestrado por Álvaro Meilán afronta o encontro «igual que tódolos que levamos nesta liga. É un partido máis e temos que facelo da mesma maneira, que foi o que nos levou  a estar nesta posición. Confío moito neste equipo, demostraron todo o ano a súa implicación e estou seguro que non vai ser menos neste encontro«, afirma o preparador lucense. A traxectoria convida ao optimismo, xa que o cadro lucense no perde desde o mes de febreiro, cando caera derrotado na Marosa ante o Burela.

Enfronte estará un Pastoricense que certificou a pasada xornada a súa continuidade en Primeira unha temporada máis, e xa van dez consecutivas, na Primeira Autonómica. Aínda que lonxe do Acebreiro o rendimento dos de Fran Veiga baixa de xeito considerable, a competitividade dos da Pastoriza é innegable e poranlle as cousas complicadas aos capitalinos.

Lograr o ascenso ás primeiras de cambio sería un éxito para a Residencia, sobre todo dos xogadores, xa que, «o equipo sufriu un cambio importante na plantilla, aínda que as ideas foron as mesmas. Os futbolistas que continuaron tiveron moito que ver na forma de afrontar adestramentos e partidos, e os novos integráronse moi ben nesa dinámica. Ao comezo pagamos o peaxe, pero entre todos fomos quen de subir o nivel co paso dos meses, o que nos da a posibilidade de estar tan preto de voltar a Preferente. Xogar nesta categoría sería moi apetecible para que os xogadores de base se esforcen  para poder xogar e disfrutar«, di Álvaro Meilán.

O último enfrontamento entre ámbolos dous equipos na Cheda tivo lugar o 15 de xaneiro do ano 2017, saíndo vitorioso o conxunto local por 4-0 con goles de Borja Álvarez, Dieguito, Diego Simón e Raposín.

S.D. CHANTADA – S.D. OUTEIRO DE REI (DOMINGO ÁS 18 HORAS NO SANGOÑEDO)

As posibilidades de ascenso do Chantada pasan por gañar no Sangoñedo ao Outeiro de Rei. Calquera resultado que non sexa o triunfo apearía automaticamente aos chantadinos de calquer opción de xogar a vindeira temporada en Preferente. Ademais da vitoria, precisan que a Residencia non gañe na Cheda ao Pastoricense.

Para Juan Rodríguez, adestrador do Chantada, «debemos ser conscientes de que para subir temos que gañar, temos que centrarnos neso e non mirar o que pasa na Cheda, ata que fagamos o noso traballo. Enfronte teremos un rival moi complicado que nos esixirá ao máximo«. Logo de catro triunfos consecutivos e de tan só unha derrota en todo o curso como local, o Chantada parte como favorito ante un dos conxuntos máis potentes da categoría como o Outeiro de Rei, pero que xa non poñen en xogo máis que a honra de acadar os tres puntos.

Logo de dúas temporadas en Primeira o ascenso «sería un premio. Vinte xogadores e todos do pobo e da canteira. Chegar á última xornada con opcións xa debe ser un orgullo para tódolos afeccionados. O ascenso significaría poder disfrutar o 50 aniversario do clube nunha categoría con nome no fútbol galego«, afirma Juan Rodríguez.

O último enfrotamento en Primeira Autonómica entre os dous conxuntos no Sangoñedo remóntase ao 1 de febreiro do ano 2004 e rematou con triunfo chantadino por un gol a cero.

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . . 

Terceira División

 – Racing Vilalbés – U.D. Ourense (Domingo ás 18 horas na Madalena): os de Simón Lamas despiden a temporada co obxectivo da permanencia acadado. Tentarán brindarlle unha vitoria á súa afección ante un conxunto que sufriu un baixón no último tercio de liga, que lle impediu xogar o playoff de ascenso.

– Polvorín – U.D. Paiosaco (Domingo ás 18 horas no Ceao): un ano atrás ámbolos conxuntos celebraban o ascenso a Terceira. Agora, os lucenses xa teñen o obxectivo da permanencia acadado, mentras que os da Laracha buscan un triunfo que lles garantice seguir unha temporada máis en categoría nacional, sen posibilidade de descenso por arrastre.

Preferente Norte

 – C.D. Foz – Ribadeo F.C. (Domingo ás 18 horas no Martínez Otero): derbi mariñán no que o conxunto local pode certificala súa permanencia na categoría. Un triunfo garantizaríalle a continuidade na Preferente ao cadro de Gayol. Non o terá doado ante un Ribadeo que chega nun gran momento de forma, aínda que mermado polas baixas.

– Viveiro C.F. – Estudiantil (Domingo ás 18 horas en Cantarrana): sen marxe de erro logo da derrota na Ribela, os de Chusky precisan o triunfo ante o pechacancelas e agardar a derrota do Arzúa para chegar á derradeira xornada de liga con opcións de ser segundos.

Primeira Autonómica

 – U.D. Xove Lago – C.F. Riotorto (Domingo ás 18 horas no Municipal): na pasada temporada os dous equipos loitaban por un posto de privilexio. Nesta, con máis dificultadas das agardadas, lograron a permanencia nunha Primeira cada vez máis disputada.

Copa Deputación

 – C.D. Alfoz – U.D. Folgueiro (Domingo ás 18 horas no Municipal): cos obxectivos marcados máis que acadados logo de sendos ascensos, os dous conxuntos buscarán chegar o máis lonxe posible na competición copeira.

– C.D. Guntín – Ferreira C.F. (Domingo ás 18 horas en Ladairo): o conxunto local, logo de dous ascensos en dous anos, afronta a copa sen presión algunha. O conxunto de Pantón, logo de non realizar unha boa temporada, buscará rematala cun bo sabor de boca.

– S.D.C. Roupar – S.D. Gutiriz (Domingo ás 18 horas no Novo): despois dunha gran temporada o Roupar tentará facer un bo papel na Copa. Recibe aos de Delfín Romero, que un ano máis voltaron quedar ás portas do ascenso a Primeira.

Fase de ascenso a Primeira Galega Feminina

 – S.D. Chantada – S.D. O Val (Sábado ás 17:30 horas no Sangoñedo): logo do gran resultado acadado na ida, as chantadinas buscarán acceder á segunda rolda da fase de ascenso, nun fin de semana que pode ser histórico no Sangoñedo.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*