Sería lóxico pensar que os equipos recén ascendidos, neste caso a Preferente, tivesen un proceso de adaptación á mesma. No caso de Sarriana e Foz, que deron o salto de categoría este ano, as situacións son ben diferentes. O cadro sarriao comezou como un tiro, e conta os seus dous encontros por victorias. En troques, os mariñáns non foron quen de puntuar ata o de agora. Este domingo ás 19 horas na Ribela derbi provincial entre ámbolos conxuntos, que confirmará ou non a dinámica dos dous equipos.

Marzán retorna á Preferente esta temporada da man da Sarriana

A S.D. Sarriana comparte liderato con galos da categoría como As Pontes, Noia ou Arzúa logo de gañar na casa ao San Tirso, e a domicilio en Ordes. O conxunto adestrado por Alberto López reforzouse con xogadores contrastados na categoría como Omar, que xa marcou nos dous encontros, Quiroga, Diego Núñez ou Javi López entre outros. Un dos que continúa é Marzán. Para o centrocampista do Saviñao «sempre se ten a ilusión de comezar ben, pero era complicado facelo tan ben despois dun cambio de adestrador e de tantos fichaxes«. O encontro ante o Foz «será moi complicado, teñen moi bos xogadores e corpo técnico, ademáis con só dous partidos non nos podemos fiar da clasificación«, puntualiza Marzán.

O C.D. Foz pola súa banda, perdeu os dous encontros que disputou. A primeira xornada na Pobra do Caramiñal e a derradeira ante o Dubra no Martínez Otero. Malia que o gran obxectivo é a permanencia neste ano do retorno a Preferente, os de Gayol precisan sumar sen agardar para non verse afundidos na táboa clasificatoria. Un dos veteráns do equipo, Javi Chinchón di que «o encontro afrontámolo coa confianza que nos dá o míster e o traballo dos adestramentos, e tamén sabendo que temos que sumar canto antes«. Para o central focense «o que máis nos preocupa somos nós mesmos, máis que o rival. Temos que evitar cometer tantos erros defensivos, que nos están condenando. Temos un periodo de adaptación a esta categoría, pero vexo equipo para pelexar con calquera.»

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

Racing Vilalbés – C.D. Boiro (Domingo ás 18 horas na Madalena): logo do gran triunfo logrado polo conxunto chairego no Barco de Valdeorras, os de Peón quererán facer bos eses puntos derrotando ao Boiro, que chegará a Vilalba capitaneado polo histórico Changui, presidente e xogador do equipo do Barbanza.

Preferente Norte

Viveiro C.F. – San Tirso S.D. (Domingo ás 17:30 horas en Cantarrana): malia que a imaxe amosada nas dúas xornada iniciais foi boa, urxe unha victoria do Viveiro pra comezar a sumar e escalar postos. Recibe a un San Tirso que vén de gañar ao Estudiantil.

Ribadeo F.C. – S.D. Sofán (Domingo ás 12 horas no Pepe Barrera): dous conxuntos que non coñecen a derrota e chegan igualados  catro puntos. Os mariñáns buscarán facerse fortes no seu feudo.

C.D. Castro – Boimorto C.F. (Domingo ás 17 horas no Arturo Pereira): encontro ante un rival directo para os de Edrosa, que buscarán estrear o casilleiro de victorias ante a súa afección.

Gonzalo Edrosa afronta esta temporada o reto de manter a categoría no C.D. Castro

Primeira Autonómca

Club Lemos –  U.D. Xove Lago (Domingo ás 12 horas na Pinguela): comezo moi forte dos monfortinas goleando ao Pontenova. Reciben no seu feudo aos pupilos de Miguel Sancosmed, un rival sempre perigoso.

Juanjo, pichichi da pasada temporada buscará repetir fazaña na recén comezada

Chantada Atlético – S.D. Chantada (Domingo ás 17 horas no Sangoñedo): derbi chantadino, que suporá a estrea do Atlético logo de adiar o encontro da primeira xornada. A SD caeu no Acebreiro, polo que non fará concesións.

Segunda Autonómica

Mondoñedo F.C. -U.D. Folgueiro (Sábado ás 18 horas no Viñas da Veiga): os do Vicedo, liderados un ano máis por Aurelio, visitan a un rival que conformou un interesante plantel de cara a esta nova temporada.

Julio Corral regresa ao banquiño do Ferreira, logo de acadalo ascenso coa Sarrriana

Ferreira C.F. – A.D. Bóveda (Sábado ás 17 horas no Baliño): encontro entre conxuntos recén descendidos e que buscarán comezar con bo pé para situarse na zona alta desde o pistoletazo de saída.

Fútbol feminino. Primeira Autonómica

SD Antas – Dépor Abanca B (Domingo ás 18 horas no Castro Seoane): a temporada despois do ascenso comeza para o Antas como local ante o filial do Dépor que xa demostrou na temporada pasada que é candidato a estar arriba. Na Segunda Nacional, o primeiro equipo herculino enfróntase a outro lucense, o novo proxecto do PM Friol CD Lugo.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*