Unha das datas sinaladas en vermello no almanaque dos xogadores e siareiros de Chantada e Taboada é a deste domingo. Enfrontamento directo entre equipos veciños, entre amigos e compañeiros, pero durante os noventa minutos grandes rivais.

A cita será ás 17:30 horas deste domingo día 16, pero o encontro non poderá disputarse no Sangoñedo, ao estar en obras, e trasládase ao concello de Rodeiro, xa na provincia de Pontevedra, polo que o campo de A Raña albergará un partido ao que ben seguro se desprazarán as dúas afeccións en número abundante.

Os chantadinos terán que sobrepoñerse á ausencia dunha das súas referencias: Kadete

Os dous conxuntos, SD Chantada e Taboada CF parten igualados a tres puntos na clasificación. Nunha categoría a priori tan igualada como vai ser este ano a Primeira Autonómica cada encontro terá unha importancia capital de cara á consecucción dos obxectivos. O conxunto chantadino comezou a liga con derrota ante o Pastoricense nun dos campos máis complicados da provincia, o Acebreiro, pero refíxose e impúxose noutro derbi ao Chantada Atlético por un gol a tres. Mantivo a maior parte da plantilla do pasado ano e deu a alternativa a varios rapaces do filial, na procura de novo de estar na parte alta. «A temporada anterior había unha gran autoesixencia para acadalo ascenso, pero ao non facelo toca darlle máis protagonismo ás novas xeracións, pois xa lles toca asumir outro papel para que este proxecto teña continuidade«, afirma Juan Rodríguez, técnico da S.D. Chantada.

Para o adestrador do conxunto do Sangoñedo «a victoria do outro día da a tranquilidade de sumalos tres primeiros puntos da temporada. Incluso ante o Pastoricense, pese a perder as sensacións foron boas, pero cada partido é diferente e agora chega un rival moi duro«. E é que Juan Rodríguez non escatima eloxios para o Taboada, «creo que será unha das revelacións da temporada. É un grupo consolidado e realizou fichaxes que lle dan profundidade de plantel e logo ten xogadores cunha tremenda calidade e poder para marcalas diferencias arriba. Nos derbis do ano pasado pesounos o papel de favoritos, pero este ano creo que estamos co cincuenta por cento de posibilidades«. Que o encontro se dispute en Rodeiro, «é un handicap co que teñamos que convivir varias xornadas e que pode lastrarnos, agardo que non. O Taboada ten adestrado alí máis ca nós e as forzas na grada estarán igualadas«, apunta Juan.

Da mesma maneira, o Taboada comezou tamén a liga caendo derrotado no campo do Santaballés, e impúxose na Medela a un dos galos da categoría, a Residencia. Cun plantel inmensamente de xogadores nados na vila, os de Martín Murado afrontan esta temporada coa ambición de superala clasificación da última temporada. Un dos poucos «foráneos» é o lucense Manu Vila, que chegou esta temporada procedente da Milagrosa. É optimistta ante o encontro do domingo, «chegamos ben, temos un moi bo grupo e traballamos duro toda a pretempada. O triunfo ante a Residencia axuda a estar máis positivos, pero todos sabemos que isto nada máis vén de comezar«. Sobre o Chantada, afirma Manu que «son un equipo forte, xa xogamos contra eles en pretempada e a priori van a estar arriba. Teremos que estar ao cento por cento, é un derbi. Un partido moi bonito de xogar, aínda que sexa en campo neutral. Iso non nos ten que preocupar»

Once inicial do Taboada no campo da Liga en Santaballa no primeiro encontro da temporada

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

O sábado durante todo o día, e en tódolas librarías e quioscos da nosa provincia xunto co diario El Progreso, a guía máis completa do noso fútbol. 96 páxinas de «Fútbol en Lugo«, coas fotos de tódolos xogadores desde Preferente ata Terceira Autonómica, coas fichas máis completas de cada un deles. Desde o equipo de Futbolinlugo puxémoslle tódalas ganas do mundo para que sexa do voso agrado.

Preferente Norte

C.D. Foz – Agrupación Estudiantil (Domingo ás 18 horas no Martínez Otero): os de Gayol atópanse no proceso de adaptación á categoría e seguen co casilleiro de puntos a cero. Reciben a un Estudiantil que tampouco coñece a victoria.

Unha temporada máis, Canario volve a levar a manixa do Foz no medio do campo

Primeira Autonómica

Atlético Escairón – S.D. Outeiro de Rei (Domingo ás 18 horas no Municipal): encontro entre aspirantes ao ascenso. Os do Saviñao gañaron e convenceron nas dúas primeiras xornadas. Non o terán doado ante o Outeiro.

O encontro entre Escairón e Outeiro de Rei promete igualdade, tal e como sucedeu a pasada temporada en Preferente

C.F. Riotorto – S.D. Residencia (Domingo ás 18 horas na Veiga): non foi o comezo agardado para ningún, pero as sensacións son cada vez mellores. Choque para non perderse entre dous dos conxuntos máis fortes da categoría.

Segunda Autonómica

U.D. Folgueiro – A.D.C. Valadouro (Domingo ás 17 horas en Boa Vista): os de Anxo caeron derrotados en Mondoñedo e quererán resarcirse, pero reciben a un Valadouro que comezou forte no Árbol.

Julio Castro sinala o camiño de volta a Primeira do Valadouro

S.D. Oural – S.D.C San Roque (Sábado ás 17 horas no Luis Pallín): os locales buscarán mellorar sensacións logo da goleada sufrida en Portomarín, mentras que os lucenses loitarán polo primeiro triunfo, nunha temporada que están chamados a ser punteiros na categoría.

Terceira Autonómica

A.D. Matela – Muimenta S.D. (Sábado ás 17 horas en San Lourenzo de Aguiar): complicado encontro para o recén descendido Matela, ante un Muimenta que non quere comezar con mal pé o seu camiño cara o ansiado ascenso.

Club Lemos B – C.D. Río Sil (Sábado ás 20 horas no Luis Bodegas): primeiro encontro na historia do filial lemista. Os de Manu Rodríguez recien a un Río Sil disposto a repetir cando menos a boa labor do ano pasado.

Primeira División Feminina

S.C.D.Milagrosa – U.D. Mos (Domingo ás 17 horas no Municipal Rodríguez Lago): logo da goleada sufrida en Compostela ante o Villestro, as lucenses reciben a un rival que comezou moi forte.

Segunda División Feminina

P.M. Friol Lugo B – Sporting Burgo (Domingo ás 18:15 horas na Reigosa): baixo o paraugas do Club Deportivo Lugo, as rapazas de Friol buscarán comezar cun triunfo ante a súa afección.

Carballedo F.C. – Orzán S.D. B (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): primeiro encontro na historia para as rapazas do Carballedo. Coa ilusión por bandeira, e cun plantel amplo comezan unha temporada pra consolidarse.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*