Desde antes de comezala temporada, na gran maioría de quinielas figuraban Chantada e Lemos como máximos candidatos a rematar ascendendo de categoría no vindeiro mes de maio. Este domingo ás 17 horas, o Sangoñedo será testigo dun duelo entre o segundo clasificado e o líder de Primeira. Un encontro con claro sabor a Preferente.

A pasada temporada, Chantada e Lemos víronse as caras na derradeira xornada do campionato, nun encontro sen nada en xogo maís que a honra de gañar un partido de rivalidade. O triunfo fora para os de Monforte 0-2 con goles de Lucas Costa e Adrián Armesto. En cambio, nesta xornada, con todo por decidir, o encontro do domingo será determinante. Un triunfo local deixaría aos chantadinos nunha inmellorable posición para o que resta de temporada, mentras que unha vitoria lemista poríaos cun pé na superior categoría.

Anxo Otero, un dos xogadores máis diferenciais do Chantada

A actual temporada do Chantada ten dúas fases ben diferenciadas. Por un lado, as dez primeiras xornadas nas que encaixou cinco derrotas, todas elas como visitante, e por outro a segunda metade que comezou cun triunfo na Mina ante o Sporting Pontenova. Desde aquel xa lonxano 11 de novembro tan só unha derrota en Outeiro de Rei, un empate en Taboada e o resto vitorias, que fixeron que o conxunto adestrado por Juan Rodríguez asaltase os postos de ascenso con catro puntos de ventaxa sobre os seus perseguidores. Malia non poder xogar tódolos seus encontros como local no Sangoñedo, o Chantada tan só cedeu un empate no seu feudo ante o Santaballés.

Ao contrario que o seu rival, o Lemos mantivo unha gran regularidade desde o comezo de liga, amosándose como o conxunto máis forte da categoría. A clasificación así o demostra. Líder, con dez puntos de ventaxa sobre o Chantada, dous encontros perdidos e tan só once goles encaixados, tendo en Arturo ao «zamora» de Primeira. O cadro de Edu Rodríguez basea unha parte do seu éxito na solidez defensiva, pero tamén na súa fortaleza no ataque. Son o equipo máis goleador, marcando tres ou máis goles en nove encontros ligueiros. Denis, con once tantos, e Adrián Castañer con dez son dous dos máximos realizadores do campionato.

Denis, o pichichi do Lemos esta temporada

Serán baixa para o partido do domingo no Chantada, Brais e Sergio, ámbolos dous con lesións musculares, mentras que no Lemos non serán da partida os mancados Iván, Emilio e Fabio.

Falamos deste encontro con dous homes da retagarda, dous fixos nas alineacións de Chantada e Lemos cada domingo: Traste e Borja Castro.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

TRASTE (S.D. CHANTADA)

Traste é un fixo na zaga da S.D. Chantada

– A melloría ao longo do campionato. «O comezo de liga foi consecuencia de varios factores. Tivemos que encaixar tódalas pezas do puzzle tras algún pequeno cambio no plantel e precisamos certo rodaxe. Sobre todo destacaría que xusto ao comezala temporada deron comezo as obras no Sangoñedo. Tivemos que facer un gran esforzo por manter a dinámica de adestramentos, e malia conseguilo, sempre afecta. Ademáis tivemos saídas complicadas, ao campo do Lemos, Residencia ou Riotorto. Unha das claves da melloría é que agora somos un equipo máis asentado nas saídas fóra da casa. Temos mentalidade gañadora e medramos moito nese aspecto. Por exemplo, tivemos máis ocasións na primeira xornada na Pastoriza que na décimoterceira no Páramo, pero conseguimos ser moito máis efectivos».

– O encontro co Lemos. «Afrontámolo como unha gran oportunidade. Estamos con confianza e nunha boa dinámica. Sabemos que será un encontro complicado, xa que, xogamos co mellor equipo da categoría. Contan con xogadores moi contrastados como Gonzalo Torres, Varela, Dafonte, Denis, etc. Teñen un enorme potencial e experiencia. O Lemos sempre trata de dominar os partidos a través da posesión. Trataremos de quitárllelo, e cando o teñan sexa para profundizar o menos posible. Outro perigo son as transicións, contan con xente moi rápida e con capacidade para dar o último pase. Debemos ser nós mesmos e repetir a idea que nos levou a onde estamos, sendo o mellor conxunto como local».

 – A ilusión da Preferente. «É moi cedo, quedan moitas xornadas e somos catro candidatos para un só posto, xa que o Lemos ten ventaxa suficiente para saber que vai dar o salto de categoría. Nós pensamos en ir semana a semana, esa mentalidade foi a que nos fixo ter esta boa racha, polo que non imos cambiar agora porque sería un erro. Ogallá sexamos capaces de logralo e que a vindeira temporada este derbi contra o Lemos sexa en Preferente. A clave será seguir sendo regulares e sumar nos duelos directos ante Residencia e Outeiro no Sangoñedo e co Santaballés como visitantes».

BORJA CASTRO (CLUB LEMOS)

Borja Castro asinou polo Lemos o pasado verán, procedente do Atlético Escairón

 – A visita ao Sangoñedo. «Sabemos que vai ser un encontro moi complicado. Eles na casa veñen nunha dinámica moi positiva e a afección de Chantada apreta moito no seu campo. Nós intentaremos facer o mesmo que cada partido, ter o balón o máximo tempo e apretar cando o teña o rival. Se afrontámolo encontro coas mesmas ganas e intensidade que sempre creo que somos favoritos para traer os tres puntos para a casa e dar outro golpe enriba da mesa«.

– O Chantada. «Son un equipo moi forte na casa e si lles deixas xogar cómodos a xogadores como Manu ou Anxo Otero, que son os que moven o equipo, poden crearnos moito perigo. Se está ben, Anxo para min é o xogador con máis calidade da categoría».

– Intratables desde o comezo. «Creo que a superioridade chega co traballo diario que facemos e co gran compromiso de tódolos xogadores e corpo técnico. Se isto non se dá, claramente non teriamos estes resultados en toda a temporada. Este era o obxectivo e seguiremos así ata o final«.

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . . 

Preferente Norte

 – C.D. Foz – C.D. As Pontes (Sábado ás 17 horas no Martínez Otero): os de Gayol reciben ao líder. O conxunto focense, nun bo momento competitivo tentará arañar puntos ante os de Marco Roca, ata o de agora practicamente intratables.

– C.D. Castro – Noia C.F. (Domingo ás 17 horas no Arturo Pereiro): os chairegos reciben a un dos favoritos ao ascenso. Os de Brais Prados buscarán dar a campanada ante a súa afección.

– Ribadeo F.C. – Atlético Arteixo (Domingo ás 12 horas no Pepe Barrera): logo de seis encontros sen perder, os mariñáns queren darlle continuidade ao bo momento que atravesan ante un dos conxuntos que mellor fútbol practican da categoría.

Primeira Autonómica

 – C.D. San Ciprián – U.D. Pastoricense (Domingo ás 16:15 horas na Veiga): trascendental encontro para os de Lekumberri, aos que lles urxe gañar. Os do Acebreiro encadean tres triunfos consecutivos que lles serven pra aventaxar ao seu rival en cinco puntos.

– S.D. Páramo – C.F. Riotorto (Domingo ás 17 horas nas Rapadas): sete encontros sen gañar os de Fontal e oito os de Labrada. Tres puntos en xogo imprescindibles para ámbolos conxuntos.

Segunda Autonómica 

 – Iberia C.F. – Mondoñedo (Domingo ás 16:15 horas nas Valgas): os locales, en posto de descenso a Terceira non poden permitirse ceder máis puntos no seu feudo. Reciben aos mindonienses situados na metade da táboa.

– Palas C.D. – S.D.C. San Roque (Sábado ás 16:30 horas nos Chacotes): encontro entre os dous equipos situados en postos de ascenso no Grupo Sur. O que acada a vitoria dará un paso importante de cara ao ascenso.

Terceira Autonómica

 – A.D. Catro Roldas – Fonsagrada (Domingo ás 16:15 horas na Canteira): partido decisivo de cara a entrar na promoción de ascenso. O conxunto que se faga cos tres puntos deixará encamiñada a súa clasificación.

– S.D. Castroverde – S.D. Paradela (Domingo ás 16:15 horas na Veiga do Olmo): os locales, logo de tres empates consecutivos, buscarán un triunfo fronte ao líder, que ten sete puntos de marxe sobre o segundo.

Segunda División Feminina

 – P.M. Friol C.D. Lugo – C.D. Oceja (Domingo ás 12 horas na Reigosa): un encontro, a priori, asequible para os de Josito Jul, xa que reciben ao pechacancelas. Tres puntos importantes para seguir en postos de ascenso.

Primeira División Galega Feminina

 – S.D. Antas – S.C.D. Pastoriza (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): trascendental encontro para as rapazas de Melendo. No caso de gañar, deixarán a seis puntos os postos de descenso, que ocupa o seu rival.

Segunda División Galega Feminina

 – S.D. Chantada – S.D. Silva (Domingo ás 13 horas no Sangoñedo): logo de tres encontros sen gañar, as chantadinas buscarán unha vitoria que as acerque á zona alta.

– P.M. Friol C.D. Lugo B – Carballedo C.F. (Domingo ás 18 horas na Reigosa): derbi lucense no que o filial lucense, logo de empatar coa Comercial, buscará un triunfo que lle garantice o liderato. As visitantes buscarán dar a sorpresa e sumar o cuarto triunfo da temporada.

Liga Feminina Fútbol 8

 – S.D. Burela – S.D. Silva B (Domingo ás 13 horas no Anexo á Marosa): as mariñás tentarán sumar os tres puntos e que o Victoria C pinche para asaltalo liderato.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*