Chega o derbi mariñán máis repetido nos últimos anos en Preferente. O Ribadeo e o Viveiro veranse as caras este domingo ás 16 horas nas Valgas (San Miguel de Reinante), un dos campos máis utilizados polo conxunto ribadense mentres dura a posta a punto do Pepe Barrera.

Desde a temporada 2013/2014, temporada na que o Ribadeo rematou ascendendo a Terceira División, ámbolos conxuntos nunca se voltaran a enfrentar nunha situación clasificatoria tan privilexiada. Fora precisamente un 22 de decembro, a mesma data que a deste domingo cando no Pepe Barrera, o equipo daquela adestrado por Manolo Vilachá ocupaba o segundo posto por detrás do Bergantiños, recibía a un Viveiro situado na cuarta praza. Os tres puntos foran para os viveirenses que venceran por un contundente 0-3, con dous goles do hoxe ribadense Erni e outro de Rego.

Na actual temporada, o Ribadeo ocupa a cuarta praza con vinteoito puntos, a cinco do Boiro, segundo clasificado. O conxunto de Rafa Casanova, logo dun comezo irregular, foi quen de encadear oito encontros sen perder, o que propiciou que se achegase á zona de privilexio. A derrota diante do Dubra, conxunto situado na zona baixa da clasificación, foi rapidamente esquecida cun solvente triunfo no sempre difícil campo do Puebla. Aínda que o Viveiro se amosa practicamente intratable, o conxunto local tentará facer das Valgas, o seu feudo nesta primeira volta un fortín, onde só perdeu un encontro no que vai de temporada, fronte ao San Tirso.

O Viveiro chega ao derbi na primeira posición, posto que ocupa desde a primeira xornada de competición na que goleara en Cantarrana ao Boimorto. Non deixou o liderato o cadro adestrado por Chusky, que se mantén invicto como local, sendo soamente capaz o Noia de arrancar un punto do campo viveirense. E como visitante, o rendimento do Viveiro é moi semellante. Un empate na Ponte dos Brozos ante o Arteixo, e a única derrota do curso, a que lle infrinxiu a Sarriana na sexta xornada ligueira. Nun derbi non hai favoritos, pero non poñerlle a etiqueta a este Viveiro semella imposible.

O último enfrontamente entre os dous conxuntos tivo lugar o 7 de abril deste mesmo ano e rematou con empate a dous tantos. Fernando, hoxe nas filas da Sarriana, anotou os dous tantos do Ribadeo, mentres que Arturo fixo o propio para o Viveiro.

O vindeiro fin de semana, Ribadeo e Viveiro volverán a enfrontarse, desta volta na eliminatoria de oitavos de final da Copa Deputación.

Falamos con dous dos protagonistas do encontro. Dous xogadores que vestiron as camisetas de ámbolos dous equipos: Erni (Ribadeo F.C.) e Tichu (Viveiro C.F.)

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

 ERNI (RIBADEO F.C.)

 – O equipo que o viu medrar. «Será un encontro especial, xa que o Viveiro é o equipo no que me formei e no que pasei a maioría da miña carreira deportiva. Non vou negar que cando saiu o calendario o primeiro que mirei foi a data do derbi. Serei dúbida para o partido por lesión, e fastidiaríame bastante no poder disputalo. Téñolle un cariño e respecto especial ao Viveiro e sempre lle desexarei todo o mellor, excepto os dous partidos nos que nos imos enfrontar».

 – O derbi. «Son partido distintos nos que é difícil saber o que vai suceder. Os xogadores estamos máis motivados e hai moita intensidade, así que creo que os detalles nas dúas áreas marcarán a diferencia. O Viveiro é un equipo moi rápido, que controla moi ben as transicións e con xogadores moi desequilibrantes, polo que teremos que estar moi atentos e concentrados se queremos lograr a vitoria«.

 – A boa clasificación do Ribadeo. «É inevitable non mirar a clasificación. Vémola domingo tras domingo e sempre queres estar o máis arriba posible. Pretendemos seguir nesta liña para non baixar dos postos altos, competindo tódolos partidos. Cando cheguemos ao último tramo de competición veremos se temos a sorte de loitar por algo bonito, pero de momento queda moita liga e debemos ir partido a partido«.

– A porra. «Váleme calquera resultado que sexa un triunfo do Ribadeo, pero voume mollar e apostar por un 2-1 ao noso favor«.

TICHU (VIVEIRO C.F.)

 – Sen relaxación no liderato. «Afrontamos o partido como contra o resto de rivais da liga, con moitas gañas e coa ambición de ir a polos tres puntos, ao igual que en tódolos encontros. Ademáis un derbi sempre se vive ao máximo, independentemente da situación de cada un. Quizais chegamos no mellor momento das últimas temporadas, pero non podemos caer na relaxación, xa que o que nos levou ao liderato foi o traballo e a intensidade de tódolos días«.

– O derbi. «Agardo un partido complicado como tódolos derbis, con moita intensidade e moita disputa por parte dos dous equipos. Encima as condicións climatolóxicas seguro que levan a un encontro con moitas interrupcións e posiblemente a un xogo máis directo e máis bronco do habitual. Chegamos os dous equipos nun bo momento de forma, e creo que será un partido igualado e agardo que o disfrute o espectador. O Ribadeo destaca polo seu bloque. É un equipo ao que custa bastante crearlle ocasións porque deixa poucos espacios e teñen perigo a balón parado. Ademáis teñen xogadores moi rápidos para saír á contra como Luki ou Aitor e logo a Poratti, que todos coñecemos a súa calidade, e Criss que é un goleador«.

– Encontro especial. «Un sempre deixa boas amizades nos equipos nos que xoga e no Ribadeo hai xente dunha calidade humana espectacular, de feito sigo falando coa maioría dos seus xogadores. Sempre é bonito xogar contra os amigos«.

 – A porra. «Non me vou mollar. Esperemos que a vitoria sexa para o Viveiro e que non se manque ninguén no partido«

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*