A Preferente achéganos un derbi provincial do máis interesante. Este sábado ás 17:30 horas, no Pepe Barrera mídense Ribadeo e Sarriana. Para o conxunto local, un partido máis, co oxectivo de mantela boa dinámica da segunda volta, mentras que para os visitantes é unha das nove finais que lle restan para tentalo asalto á segunda praza.

Santi volta a disfrutar de minutos logo duns meses de baixa por lesión

O Ribadeo quedouse sen obxectivos demasiado rápido. Sumou puntos suficientes para non pasar apuros, pero non foi quen se seguilo ritmo infernal dos equipos de cabeza. A mala xeira dos meses de novembro e decembro penalizou aos de Rafa Casanova, que nen con nove encontros sen coñecela derrota foron quen de achegarse á pelexa pola promoción. Na última xornada, os mariñáns caeron no Baleato ante o Dubra, probablemente o equipo máis en forma da competición.
Pola súa banda, a Sarriana chega pletórica ao derbi do Pepe Barrera. Os de Alberto López situáronse na última xornada terceiros, tras golear ao Castro, a catro puntos do Viveiro, aproveitando o empate dos de Chusky e a derrota do Noia, que le costou o posto ao seu adestrador Pose. A falta de nove encontros, os sarriaos son un serio candidato a xogar o vindeiro ano en Terceira, tan só uns meses despois de celebrar outro ascenso, daquela a Preferente.
Serán baixa para este choque Roi, Cube e Poratti no Ribadeo, mentras que na Sarriana non serán da partida Quiroga, Josito, Marzán e Diego Núñez.
O último enfrontamento entre Ribadeo e Sarriana no Pepe Barrera tivo lugar o 2 de outubro do 2016 e rematou con vitoria visitante por un gol a tres. Para o conxunto local anotou o hoxe adestrador Rafa Casanova, mentras que para a Sarriana Fran, Marino e Carlitos, esta temporada pichichi da Primeira nas filas do Pol.
Falamos con Brais (Ribadeo) e Álvaro (Sarriana), dous fixos nos onces titulares dos seus equipos.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
BRAIS (RIBADEO F.C.)
 – Nove xornadas sen un obxectivo claro. «Agora temos que gañar o maior número de partidos e poder superalos puntos que fixemos na primeira volta. Sempre se pode mirar cara arriba e intentar perseguilos equipos de cabeza, aínda que é difícil polos poucos puntos que perden».
 – O encontro ante a Sarriana. «Vai ser un partido entretido de ver e moi disputado, como xa foi o da primeira volta. Teremos que estar moi concentrados para darlles as menores oportunidades posibles de que nos marquen, xa que, si se poñen por diante será complicado marcarlles. Son un equipo que se defende moi ben».
 – A primeira temporada en Ribadeo. «Está sendo moi bo, os compañeiros acolléronme moi ben e foime fácil adaptarme ao equipo, xa que son bos xogadores e boas persoas. Creo que dentro dun equipo o máis importante é a relación entre os xogadores para sacalas cousas adiante, e en Ribadeo é incrible».
ÁLVARO (S.D. SARRIANA)
– Ilusionante final de temporada. «Sabemos que estamos nunha boa posición, pero somos conscientes de que temos que ir partido a partido. Nada vale que teñamos enfrontamentos directos, que o Viveiro teña que vir á Ribela . . .  se antes nos deixamos puntos noutros partidos. Temos nove finales preciosas, a primeira delas este fin de semana co Ribadeo. Ilusión e dificultade máximas».
 – O Ribadeo. «Vai ser un partido moi difícil. Contan con 12 ou 13 xogadores que non son xogadores de fútbol, son futbolistas, e iso fai que sexa moi complicado. Xente como Fernandito, Javicho, Luki, etc, teñen moita calidade. Temos que facer as cousas moi ben para gañarlles. O bonito é que independentemente do resultado seguro que logo convidan a unha cervexa (risas)  e iso é o verdadeiramente bonito do fútbol».
 – A clave da gran tamporada. «Quedaríame coa clave H (humildade), a S (sacrificio de toda a plantilla por facer algo bonito), e o máis importante, a F (familia, tanto para apoiar no campo como para saír de festa). Coñeces máis aos compañeiros nunha cea ou de festa que que adestrando dúas horas».

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

 – Polvorín – Laracha C.F. (Domingo ás 17:30 horas na Cheda): o filial lucense, logo da derrota no campo do Arenteiro, buscará voltar á senda da vitoria ante un Laracha en situación crítica, que só acadou un puntos nos últimos cinco encontros.

Preferente Norte

 – C.D. Castro – Estudiantil (Domingo ás 17 horas no Arturo Pereiro): encontro entre os dous últimos clasificados, con só un triunfo en toda a temporada. Unha boa oportunidade para os chairegos de evitalo farolillo vermello.

Nico, un dos destacados do Castro nesta temporada difícil

Primeira Autonómica

 – S.D. Chantada – S.D. Residencia (Domingo ás 17 horas no Sangoñedo): dous dos chamados a ocupar unha praza de ascenso cítanse no feudo chantadino. Un triunfo local deixaría a seis puntos aos lucenses, mentras que unha vitoria dos de Álvaro Meilán apretaría aínda máis a zona alta.

 – S.D. Monterroso – S.D. Santaballés (Domingo ás 17 horas en Cerdeiriños): logo de cinco xornadas sen coñecela derrota, o conxunto local ve a permanencia ao alcance da man. Recibe a outro dos candidatos ao ascenso, aínda que só sumou un punto nas dúas últimas xornadas.

Segunda Autonómica

 – E.D. Lourenzá – A.C.D. Xermade (Domingo ás 16:30 horas en Santa Cruz): logo do triunfo no Suso Cruz, os de Diego Rego xa están en postos de ascenso a Primeira. Reciben a un Xermade que se xoga a última bala para poder pelexar ata o final por retornar á categoría perdida.

Jorge, un fixo no mediocampo do Lourenzá

– A.D. Bóveda – C.D. Palas (Domingo ás 16:30 horas no Hermanos Somoza): o conxunto local, despois da goleada ante o filial do Monterroso, volta a estar a tiro de pedra dos postos de ascenso. Reciben ao líder, un Palas reforzado logo do triunfo ante o Oural.

O Palas encabeza o Grupo Sur da Segunda Autonómica

Terceira Autonómica

 – C.D. Alfoz – Celta Barreiros (Domingo ás 16:30 horas no Municipal): encontro no que se pode decidir unha temporada. O conxunto local se gaña é matemáticamente equipo de Segunda. Enfronte, os barreirenses, que precisan un triunfo para non verse fóra da promoción.

O Alfoz tentará repetilo mesmo resultado que na primeira volta no Cascabeiro

 – S.D. Muimenta – Fonsagrada Balompé (Domingo ás 16:30 horas no Pichón): cun ollo no Municipal de Alfoz, o Muimenta tamén pode certificalo seu ascenso. Cun triunfo non tería que mirar ao encontro do Matela. O Fonsagrada, ao igual que o Celta Barreiros, xogarase cos mariñáns unha praza na promoción.

– Quiroga F.C. – S.D. Antas (Domingo ás 16:30 horas no Municipal): o cadro local, se gaña será equipo de Segunda, mentras que o Antas xa ten praza fixa na promoción de ascenso.

Primeira División Galega Feminina

 – S.C.D. Milagrosa – Viajes Interrías (Domingo ás 12 horas no Luis Gorgoso): moi difícil o compromiso das lucenses nesta xornada. Reciben ás segundas clasificadas, invictas nesta temporada.

Segunda División Galega Feminina

 – S.D. Chantada – Torre S.D. (Domingo ás 13 horas no Sangoñedo): as chantadinas reciben ás pechacancelas da categoría con tan só dous puntos. Encontro propicio para acadar un triunfo que as asente no sétimo posto.

Liga Feminina Fútbol-8

 – S.C.D. Milagrosa B – Vioño C.F. B (Sábado ás 16 horas no Rodríguez Lago 1): as lucenses reciben a un dos conxuntos da zona baixa, co obxectivo de recurtar diferencias cos tres primeiros clasificados.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*