Chega a derradeira xornada de competición na Primeira Autonómica. Co peixe vendido na parte alta desde fai un par de xornadas, a atención céntrase na loita pola permanencia nunha categoría que pode ser moi castigada polos arrastres por mor da cascada de descensos de categorías superiores.

Sen saber aínda se algún equipo de Terceira acada o ascenso, ou en que categoría xogará o Coruxo, co Laracha pendente de si se ve empuxado cara Preferente, e con Residencia e Viveiro no arame, a Primeira vive na incertidume e pode ver como nen máis nen menos que seis equipos perden a categoría. A día de hoxe, catro xa o fixeron matemáticamente: Xermade, Bóveda, Ferreira e San Roque. E cinco máis non teñen a permanencia asegurada a falta da última e decisiva xornada: Sporting Pontenova, San Ciprián, Páramo, Valadouro e Pastoricense.

U.D. Pastoricense – Taboada C.F. (Domingo ás 18 horas no Acebreiro)

O conxunto que o ten máis doado, pola súa situación clasificatoria é o conxunto da Pastoriza. Enfróntase na casa a un Taboada cos deberes feitos. «Debéramos ter chegado a esta xornada tranquilos pero non puido ser, tivemos que enfrontarnos nas últimas xornadas a equipos con moito en xogo que foron moi competitivos e agora non podemos dar marcha atrás. Qúedanos unha xornada na que temos que dar o mellor de nós. Iremos a pola victoria, sabendo que un punto é suficiente para acadala permanencia«, afirma Víctor López «Vitín», adestrador local.

A U.D. Pastoricense é un dos conxuntos fortes no seu feudo, o Acebreiro, polo que o factor campo pode ser diferencial, tal e como nos conta Vitín, «só perdemos tres encontros na casa, e dous foron con Foz e Sarriana que foron os equipos que subiron, polo que sabendo que somos fortes no noso campo e coa motivación que temos para afrontalo partido debera ser suficiente para acadalo obxectivo»

Vitín agarda «ter unha despedida feliz» xa que será o último encontro que dirixa no banco do Pastoricense, para continuar coa súa formación como adestrador. «Prefiro prepararme ben, con calma e logo voltar con máis ánimo e ganas»

 

Sporting Pontenova – A.D.C. Valadouro (Domingo ás 18 horas na Mina)

Encontro entre rivais directos pola permanencia. O conxunto da Pontenova, con 41 puntos, tres menos que o seu rival do domingo busca unha victoria que lle de a continuidade na categoría un ano despois do seu regreso á mesma. «O equipo afronta o encontro como unha final. Todo o traballo da temporada se vai decidir en noventa minutos. Chegamos moi mentalizados e nun bo momento de forma, xa que dos últimos sete encontros logramos vencer en cinco, e vimos de acadar un punto moi importante en Riotorto» nos conta Dani Moirón, técnico do Sporting, que ten claro que esta temporada «será un éxito pase o que pase o domingo. Temos 21 puntos de ventaxa sobre os equipos que ocupan o descenso directo e somos o mellor equipo dos que subimos o ano pasado e non lle podo pedir máis a este grupo de rapaces. Temos o mesmo equipo que en Segunda, case non fichamos e a campaña pode considerarse como exitosa«.

O Valadouro chega con 44 puntos ao último convite da campaña. Julio Castro, míster do conxunto do Árbol di que «afrontamos o partido con tódalas ganas e ilusión do mundo. Foi unha temporada na que sufrimos desgracias de tódalas índoles, e que o equipo se atope con 44 puntos con todo o que pasamos dice moito dos rapaces que seguen no barco e non o abandonaron cando viñeron mal dadas«. Un empate pode ser suficiente para que o Valadouro acade a permanencia, pero non queren manterse pendentes dos arrastres. Julio Castro amosoume moi crítico con este sistema de descensos, «é un sin sentido e unha barbaridade que equipos con vinte puntos sobre os postos de descenso se vexan nesta situación porque outros equipos fagan mal o seu traballo, tanto nesta como en calquer categoría. Os descensos deberan ser fixos, e se hai que facer competición de vinte equipos faise, e se era preciso poñer catro postos de descenso saberíamos a que aternos»

A.D. Bóveda – S.D. O Páramo (Domingo ás 18 horas no Hermanos Somoza)

O Páramo visita ao xa descendido Bóveda na procura de tres puntos que lle den a permanencia na categoría. Cinco triunfos nos seis últimos encontros, case todos antes rivais directos, fan que o conxunto de Carlos Fontal chegue a esta xornada dependendo de si mesmo. «Afrontamos este encontro coa máxima ilusión, sabendo que un triunfo danos a permanencia, polo que temos que gañar e non pensar o que ocorre noutros campos, tendo claro que vai ser moi complicado, xa que o Bóveda na casa é un equipo complicado«, opina Fontal.

Para o preparador do Páramo, o seu conxunto non merece o castigo do descenso, «levamos unha temporada complexa, con cambio de adestrador, e o equipo está moi comprometido. Nos anos que xa estiven como xogador, nunca houbo unha plantilla con tanta calidade e competencia, de feito será o ano que rematemos con máis puntos»

C.D. Foz – C.D. San Ciprián (Domingo ás 18 horas no Municipal)

O conxunto de San Cibrao afronta posiblemente o encontro máis complexo de tódolos equipos que se xogan a permanencia, ante un Foz xa co ascenso no peto, pero que ben seguro quere rematar a campaña como campión de Primeira. «É un partido moi difícil, xogamos contra o líder na súa casa, pero estamos nun bo momento e cremos nas nosas posibilidades. Temos que estar moi concentrados porque teñen moi boa xente en tódalas liñas, pero nós tamén, e iremos a polos tres puntos«, apunta Tomás Costa, adestrador do San Ciprián.

Para o técnico do conxunto cervense «esta última xornada é moi incerta, calquera dos implicados podemos gañar ou perder nos encontros que temos. Incluso o Bóveda, xa descendido pode facer dano ao Páramo. Van ser dúas horas moi intensas».

 

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Fase de ascenso a Segunda División B

Racing Vilalbés – Atlético Pulpileño (Domingo ás 17 horas na Madalena): Encontro histórico na fútbol provincial. Os de Óscar Gilsanz reciben na primeira rolda da fase de ascenso a Atlético Pulpileño, co obxectivo de acadar un bo resultado para afrontar con garantías a volta na provincia de Almería.

Preferente Norte

S.D. Outeiro de Rei – Polvorín S.D. (Domingo ás 18 horas no Municipal): un triunfo dos de Durán daríalles automáticamente o ascenso á Terceira División. Visitan a un Outeiro que chega nun gran momento a este final de temporada.

O filial do C.D. Lugo pode acadalo ascenso a Terceira se vence en Outeiro

C.D. Castro – U.D. Paiosaco (Domingo ás 18 horas no Arturo Pereiro): os chairegos tamén poden ser xuíces da outra praza de ascenso a Terceira. Unha victoria visitante outorgaríalle o ascenso ao Paiosaco.

C.D. As Pontes – Ribadeo F.C. (Domingo ás 18 horas no Poboado): última oportunidade para o Ribadeo, logo da derrota ante o San Tirso. Un triunfo no Poboado mantería aos de Fiz con opcións de ser terceiros ata a última xornada.

Última oportunidade para o Ribadeo, no que voltará Rafa logo da sanción

Boimorto C.F. – S.D. Residencia (Domingo ás 18 horas no Carballal): derradeira oportunidade para os de Álvaro Meilán. Un triunfo ante o Boimorto manteríaos con vida para loitar pola permanencia na Cheda. Con outro resultado practicamente dirían adeus á categoría.

Xallas F.C. – Viveiro C.F. (Domingo ás 18 horas na Fontenla): un empate ante As Pontes sería un gran resultado en calquer xornada menos agora. Aos de Chusky só lles serve gañar en Santa Comba para poder sentenciala permanencia no seu feudo.

Segunda División Feminina

Xuventú Aguiño S.D. – Antas S.D. (Domingo ás 17 horas na Tasca): un triunfo das da Ulloa, sempre que non o faga o Villestro daríalle o ascenso ao Antas.

Copa Deputación

Celeiro Club del Mar – S.D. Burela (Domingo ás 17 horas no Municipal): logo de avanzar nos penaltis, os viveirenses buscarán dar a sorpresa ante un Burela moi enchufado tamén na Copa.

S.D.C. Cabreiros – S.D. Pol (Domingo ás 18:30 na Cea): encontro entre grandes rivais polo ascenso na competición ligueira, e polo visto na anterior eliminatoria, afrontan a Copa a tope.

C.D. Río Sil – O Incio Terra Brava (Domingo ás 18 horas na Carqueixa): o cadro soberino tentará desquitarse logo de quedar preto do ascenso a Segunda, acadado polo Incio.

S.D.C. San Lázaro – Friol C.F. (Domingo ás 16:30 na Ponte): enfrontamento entre dous equipos punteiros na liga, que comezaron moi fortes a Copa. Os lucenses vencendo no derbi á Milagrosa e o Friol goleando ao Rubián.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*