Pouco máis de trinta kilómetros separan as dúas vilas, que este domingo ás 16 horas na Pinguela se xuntarán cun balón de por medio. Lemos e Sarriana veranse as caras nun derbi ao que chegan os dous conxuntos logo de caer derrotados nas dúas últimas xornadas. Malia iso, e a pesar do que di a clasificación, o cadro monfortino afronta a este encontro con mellores sensacións que o seu rival.

O Lemos atópase na décimoterceira posición con dezaseis puntos. As derrotas ante dous rivais directos como Montañeros e Xallas distorsionan a remontada do equipo adestrado por Edu Rodríguez. Logo dun proceso de adaptación á categoría que lle costou moitos puntos nos primeiros encontros, tres triunfos consecutivos auparon aos monfortinos na táboa clasificatoria, e refrendaron o bo xogo que estaban a amosar. Un dos quebradeiros de cabeza para os lemistas é a facilidade coa que reciben gol. Son o segundo conxunto máis goleado da categoría. Só foron capaces de manter a portería a cero en dous encontros, e ata en dez xornadas recibiron dous ou máis tantos.

Gonzalo Torres, un dos referentes no centro do campo do Lemos

A Sarriana comezou a temporada como firme candidato a pelexar polo ascenso, tal e como fixera a pasada campaña. E fíxoo con paso firme. Logo do empate no Martínez Otero ante o Foz, chegaron tres triunfos que os situaron nos postos de privilexio. Aínda que o cadro de xogadores é practicamente novo, a adaptación foi rápida e presaxiabase un ano de bo fútbol na Ribela. Pero un triunfo nos últimos cinco encontros nos que a imaxe do equipo non foi positiva fai que, a día de hoxe, o conxunto adestrado por Dani Fernández, se esqueza momentameamente da clasificación e precise atoparse consigo mesmo.

Luisma, lesionado de longa duración, é unha baixa salientable na zaga da Sarriana

Non serán da partida no Lemos os sancionados Ramos e Guitián, ademáis de Brais Meco lesionado. Na Sarriana, Jacobo causará baixa por sanción e Luisma, Jimmy e Omar por lesión.

O último enfrontamente entre os dous equipos na Pinguela en Preferente tivo lugar o 30 de outubro de 2016 e rematou sen goles. Dos trinta e dous convocados para aquel encontros tan só dous poderán repetir: o lemista Tazos e o sarriao Lisboa.

Falamos de encontro e da traxectoria dos seus equipos con dous xogadores que están a rendir a gran nivel: Adrián Díaz (Lemos) e Javicho (Sarriana).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ADRIÁN DÍAZ (CLUB LEMOS)

Adrián Díaz debuta esta temporada na Preferente

 – O derbi. «Será un partido moi intenso e ademáis o rival necesita tanto coma nós esta vitoria antes do parón. Teremos que ter coidado, xa que teñen moito talento individual no mediocampo e na última zona de ataque«.

 – As dúas últimas derrotas. «Foron dous partido moi importantes nos que non alcanzamos a vitoria. No vestiario estamos convencidos de que temos que mellorar no aspecto defensivo para non recibir tantos goles como ata o de agora. E a súa vez debemos ser máis efectivos á hora de materializar as ocasións que xeramos. En definitiva, ser máis decisivos nas dúas áreas«.

O debut en Preferente. «Estoume adaptando ben, pouco a pouco. Logo da lesión de comezos de temporada, volvendo a coller ritmo e con expectativas de chegar ao máximo nivel canto antes como o resto de compañeiros«.

JAVICHO (S.D. SARRIANA)

Javicho, enfrontándose á Sarriana a pasada temporada nas filas do Ribadeo

 – O Lemos. «É un equipo que vén de menos a máis. A Pinguela é un campo grande no que intentan impoñer un xogo combinativo. Ao tratarse dun derbi, as forzas estarán parellas e ben seguro que se decidirá en detalles. Gañar a domicilio non é sinxelo nunca, e nós só o conseguimos este ano deixando a portería a cero. Ese debe ser o camiño«.

– Mala racha. «Levamos un mes con malas sensacións en xeral. Atopámonos nese momento no que calquer erro nos fai perder puntos. As lesións tampouco nos están axudando, pero non deben ser excusa«.

– Aspiracións. «Agora mesmo a Sarriana non está para mirar a clasificación, que son números e fume. Necesitamos recuperar a nosa mellor versión como colectivo, iso é o primordial. Logo paréceme unha Preferente moi igualada, coa excepción do Viveiro, que puxo terra de por medio».

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*