O pasado fin de semana deu comezo a Primeira Autonómica, e fíxoo como ben sendo habitual, con igualdade. Tan só o Monterroso foi quen de golear ao seu rival, o recén ascendido Guntín. Outros dous equipos que voltaban á categoría como o San Roque e o Lourenzá puxeron en serios apretos a Pol e Xove Lago respectivamente, e o Riotorto que ata fai poucos días contaba con moi poucos efectivos no seu cadro de xogadores foi quen de empatar en Burela, un dos aspirantes a ocupar postos de privilexio.

Os dous protagonistas do Partido da Xornada, Castro e Pastoricense, enfrontaranse no Arturo Pereiro o domingo ás 17 horas, nun derbi chairego ao que chegan logo de empatar ámbolos equipos no primeiro encontro da temporada.

O capitán Dumi, en proceso de recuperación da súa lesión, será peza clave na defensa do Castro

O conxunto local debutou nesta campaña cun empate a dous tantos acadado ante o Folgueiro no campo de Cantarrana. Boa imaxe en liñas xerais dun Castro moi renovado logo do descenso desde a Preferente, no que xa se comeza a notar a man do seu adestrador, o meirego Víctor López «Vitín», que se enfrontará ao seu ex equipo. Condicionou aos da Ribeiras do Lea a expulsión aos poucos minutos de comezala segunda metade de Pedro Díaz cando tiñan o marcador en vantaxe, e viron como Aurelio estableceu a igualada xa co tempo cumprido.

Agora, xa no seu feudo mediranse ao Pastoricense, conxunto que de maneira habitual baixa o seu rendemento lonxe do Acebreiro. Pero é un derbi, un encontro entre equipos veciños, un partido de rivalidade sá, con moitos coñecidos en ámbolos dous conxuntos. E Fran Veiga, adestrador do Pastoricense, e axudante de Vitín na súa etapa no clube, tentará sacar proveito do seu coñecemento do estratega rival.

O Pastoricense tentará celebralo seu décimo aniversario en Primeira mantendo a categoría

A U.D. Pastoricense afronta a súa décima temporada na categoría, na que se mantén desde o histórico ascenso acadado da man de Fiz Rodríguez. E outro ano máis que pelexarán por mantela categoría, coa dificultade que conleva na Primeira Autonómica. Cos reforzos de Juanma, que chega logo de tres anos no Ribadeo, Antón e Gabi, con experiencia na categoría nas filas do Riotorto, Víctor, Álex ou Dani Celeiro, confeccionaron un equipo moi competitivo, que o discurrir das xornadas dirá se pasará ou non apuros, pero ben seguro que o Acebreiro será o fortín de cada temporada.

Serán baixa no Castro Pedro Díaz e Torito por sanción e Dumi por lesión , mentres que no Pastoricense, os lesionados Antón, Javi, Leivas, Álex e Juanma non serán da partida.

O último enfrontamente ente ámbolos dous equipos no Arturo Pereiro remóntase ao 1o de febreiro de 2013 e rematou con empate a un. O Castro rematou subindo a Preferente xunto coa Residencia, e o Pastoricense salvou a categoría sen apuros.

Falamos con dous pesos pesados de ámbolos conxuntos. Nico (C.D. Castro) e Raúl (U.D. Pastoricense).

NICO (C.D. CASTRO)

– O empate co Folgueiro. «A verdade é que eles leváronse demasiado premio. Tivemos ocasións moi claras para sentenciar, incluso xogando con dez. E logo chegou o gol deles, no desconto e coa man….cousas do fútbol».

– O derbi do domingo. «Seguramente será un partido moi igualado, no que teremos que estar moi atentos, sobre todo a balón parado. Teñen un bo grupo de xogadores con moita calidade e levan moitos anos xogando xuntos».

– O Castro en Primeira. «Estamos a traballar moi ben. Temos un gran adestrador e hai un grupo de xogadores moi bos, tanto os que nos quedamos como os que viñeron. Todos temos ganas de traballar para ver o Castro o máis arriba posible».

RAÚL (U.D. PASTORICENSE)

 – O comezo de liga. «Podemos considerar como bo o punto. Enfrontámonos a un equipo moi reforzado respecto ao ano pasado, cun xogador como Anxo Otero, que me parece diferencial nesta categoría. Levaron a iniciativa e foron lixeiramente superiores, pero fomos quen de comezar sumando».

– A nova U.D. «Vexo un grupo moi comprometido. Adestramos cada día vinte xogadores e iso faime ser positivo de cara a conseguir a permanencia en Primeira un ano máis. Ese é o obxectivo».

– O Castro. «Vitín foi adestrador noso e é un gran amigo meu, e polo que o coñezo creo que tentarán dominar o partido a través da posesión. É un equipo moi renovado ao cal non coñezo demasiado, pero sempre me gustou Dani Pedreira, polo que en ataque serán perigosos. Ben seguro que terán gañas de agradar diante da súa afección».

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*