A novena xornada de Primeira Autonómica ofrécenos un enfrontamento entre dous dos candidatos ao ascenso. Atlético Escairón e Outeiro de Rei ocupan o primeiro e segundo posto da táboa respectivamente, e enfrontaranse este domingo ás 16:30 horas no Municipal do Saviñao.

O Atlético Escairón de Javier Montoto ocupa o liderato de Primeira cun punto de vantaxe sobre o seu rival nesta xornada. Cinco triunfos consecutivos auparon aos do Saviñao ao máis alto da táboa. Tres deles chegaron ante rivais directos como Chantada, Burela ou Monterroso. Foi clave para esta boa xeira a súa fortaleza defensiva, encaixando tan só catro tantos nos oito encontros disputados, así como o acerto cara a porta contraria de Toti, que con seis dianas é o segundo máximo realizador da categoría.

Enfronte estará o Outeiro de Rei. O único conxunto invicto do grupo lucense da Primeira Autonómica. Malia ceder dous empates como local nas dúas últimas xornadas ante Burela e Chantada, os de Josito Jul xa colleitaron sete puntos lonxe do seu feudo, postulándose unha campaña máis como firmes candidatos ao ascenso.

O último enfrontamente entre ámbolos conxuntos no Municipal tivo lugar o 16 de setembro de 2018 e rematou con triunfo do Outeiro de Rei cun solitario tanto de Diego Seijas.

Falamos do encontro con dous xogadores de ataque: Rubén Díaz (Escairón) e Jorge Pereira (Outeiro de Rei).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

RUBÉN DÍAZ (ATLÉTICO ESCAIRÓN)

Foto: Melanie De la Fuente

 – Racha positiva e liderato. «Comezamos moi ben a liga, mellor do que ninguén podía agardar. Pero as diferencias son escasas e aínda que agora as cousas están a saír de cara temos que estar preparados para sufrir, porque o nivel dos equipos está bastante parello. Polo momento a clasificación non di moito, xa que os tres primeiros estamos moi apretados e equipos como Chantada, Burela e Santaballés estarán ata o final cercando os postos de ascenso«.

 – O Outeiro. «Agardo un encontro igualadísimo, con dous equipos que sairán con moito respeto, xa que ocupamos os dous primeiros postos da táboa. Será un partido bonito e atractivo, aínda que con dous estilos distintos. O Outeiro toca máis o balón e nós somos máis verticais. Se logramos ter a intensidade e o ritmo co que vimos xogando como locais, o rival terá difícil sacar algo positivo do Saviñao«.

 – O retorno á casa. «Atopeime un vestiario moi unido.  A maioría somos amigos desde pequenos e xa conseguimos dous ascensos a Preferente xuntos con este club. Para min non foi fácil comezar este ano, porque xa tiña a cabeza en competir noutro clube e noutra categoría, pero estou aquí que é a miña casa e este grupo anima a calquera a dar o cento por cento. Ademáis coñecín a un adestrador que merece moito a pena«.

JORGE PEREIRA (S.D. OUTEIRO DE REI)

 – Invictos. «A clave de chegar a esta xornada sen perder é o traballo de todo o equipo. Somos un grupo moi unido e traballamos todos xuntos para acadalos obxectivos. Polo momento, a repercusión deste esforzo é seguir invictos«.

– O Escairón. «Será un partido dificilísimo ante o líder da categoría. É un gran equipo que seguramente nos porá as cousas moi difíciles. Ademáis contan co plus de xogar ante a súa afección, pero nos imos con gañas de acadalos tres puntos«.

 – A zona alta de Primeira. «Creo que vai ser unha liga moi aberta. Ademáis de nós e Escairón, tamén estarán ahí na pelexa Burela e Chantada. Ademáis Santaballés e Monterroso darán moito que falar«.

Foto de portada: Melanie De la Fuente.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*