Foi un dos dominadores do fútbol provincial. Líder sólido de principio a fin, o Fonsagrada chega á Segunda Galicia pola parte grande. E farao co bloque que conseguiu ese ansiado ascenso, liderado polo seu adestrador Nico Longhini. Co que falamos hoxe para analizar o que foi a súa primeira temporada no club vermello e o que aínda queda por vir.
FUTBOLINLUGO: Boas Nico! Dende fóra a temporada semella incrible. Como a cualificarías dende dentro?
NICO: Foi excelente, coa ‘espiniña’ de non ter rematado a Liga e ascender no campo. Fixemos un moi bo bloque, fomos de menos a máis para firmar un temporadón.
FIL: Os números meten medo: 12 vitorias, 3 empates e 1 derrota…
NIC: A derrota foi no último partido. Ía estar apretado o final de liga pero estou convencido de que non íamos pegar un baixón e seguir na mesma dinámica.
FIL: O final da competición semellaba apaixoante, con moitos duelos directos nas derradeiras catro xornadas…
NIC: A semana na que todo se parou xogábamos contra o segundo, o Matela. Xa lles ganaramos nun campo difícil para todos. Íamos sen medo pero sabendo que todos os rivais eran difíciles. Fomos sacando así o resto de partidos. Deixamos algún punto na casa en partidos que dominamos enteiros. Tiñamos ocasións pero non entraban.
FIL: Resulta curioso que hai un equipo ao que non fostes quen de gañarlle: o Lugo Unión, penúltimo clasificado.

Nico comandará a aventura do Fonsagrada na Segunda Galicia.

NIC: En casa, sen xogar mal, non poidemos gañarlles. O campo estaba encharcado e non chegábamos ben. Non fomos capaces de marcar aínda que nos xeraron pouco e defendíamos ben. No seu campo, saímos mal. Non tivemos a personalidade para pegar o golpe na mesa ese día, para deixalo pechado. Penso que nos superaron ata en intensidade. Igual foron os nervos de verse aí, non sei. Era un campo complicado e non merecemos gañar. Tampouco sei se merecimos perder.

FIL: E agora, como se presenta ese futuro ilusionante na Segunda?
NIC: Imos continuar todos ou case todos. Estamos pendentes dun máximo de dous xogadores que poidan vir. Non necesitamos máis se continuamos todos. Marcarémonos o obxectivo de desfrutar. Desfrutar do fútbol, que se bota moito de menos. Buscaremos salvarnos, asentarnos na categoría e despois ver que pasa. O obxectivo en si marcarao o compromiso do equipo e que se vaian dando resultados.
Comparte
            

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*