O regate non está de moda no fútbol de hoxe en día. Vémolo cada día no mundial de Rusia onde é raro ver un contra un no que un extremo encare ao lateral. Por sorte, no noso fútbol aínda temos futbolistas que che fan erguerte do teu asento. Un deles é Miguel Gomes, que nas últimas catro temporadas gambeteou pola banda do Pepe Barrera defendendo as cores do Ribadeo F.C. Na vindeira farao pola Marosa, logo de asinar pola S.D. Burela volvendo así ao clube no que se formou.

FUTBOLINLUGO: Como surxiu a oportunidade de voltar á S.D. Burela?
MIGUEL: A raíz dos amigos que forman parte do club. Xa levaban un tempo intentando convencerme, e así poder xuntarme con parte daquela xeración do 94 cos que fixemos cousas bastante boas, na que divertirnos era o obxectivo principal, e por suposto levar o Burela o máis arriba posible.

“ No Ribadeo perxudicounos moito a falta de instalacións para poder adestrar”

FIL: Resultouche complicado tomala decisión de cambiar de equipo?
M: Si, foi unha decisión difícil, xa que lle teño un cariño especial ao Ribadeo polo bo trato que tivo sempre conmigo, e tamén polos amigos e irmáns que fixen ao longo destes catro anos, pero era algo que tarde ou cedo tiña que pasar.

FIL: Catro anos no Ribadeo, dous en Terceira e dous en Preferente. Que valoración fas do teu paso polo club ribadense?
M: Creo que foron catro anos de altibaixos. Tiven bos momentos nos que me saían as cousas bastante ben e os adestradores dábanme moita confianza, e outros nos que non daba o nivel que se esixía e tocábame ter menos minutos. A pesar diso, os adestradores sempre puxeron toda a súa confianza en min, e iso é de agradecer.

“Fomos quen de gañarlle a equipos como Depor B ou Pontevedra”

FIL: Que pensas que vos faltou este ano para logralo ascenso a Terceira?
M: Futbolísticamente creo que fixemos as cousas moi ben. Houbo algún momento que non estivemos acertados, pero á temporada poríalle un oito. Penso que si tivésemos unhas instalación en mellores condicións para poder adestrar o conto sería outro. Ao final son cousas que pasan factura e non che permiten facer as tarefas programadas e perxudica tamén en forma de lesións.

FIL: Creo que fuche dos xogadores máis queridos pola afección do Pepe Barrera. Que momento lembras máis especialmente do teu paso polo Ribadeo?
M: O primeiro ano en especial, no que debutei en Terceira División. Houbo momento espectaculares, sobre todo en Ribadeo no que lle gañamos a equipos como o Depor B ou o Pontevedra.

“O Burela dará o máximo posible para non defraudar aos nosos afeccionados”

FIL: Agora unha nova etapa no Burela en Primeira ás orde de Jaime. Ilusionado de cara a este novo reto?
M: Si, paréceme un proxecto interesante no que todo o mundo está con ganas de comezar e poder dar o mellor de sí. Queda un bo grupo de anos anteriores, no que a maioría se coñece e iso pode facilitalas cousas.

FIL: O Burela é un recén ascendido pero é club histórico. Pensas que dará a talla nunha Primeira que se presume a máis competida dos últimos anos?
M: Vai ser un ano bastante complicado pola gran cantidade que hai de equipos competitivos e de nivel. O Burela dará o máximo nivel posible e intentaremos non defraudar aos nosos afeccionados, aos que lles debemos un ascenso a Preferente desde fai bastantes anos. Arriba Verdes!

Entrevista de Marcos Fernández

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*