O mellor plan para o Nadal: fútbol lucense

Lonxe quedan os tempos nos que o balón paraba no Nadal. Nos que nos conformabamos con ver a cativiños das mellores canteiras de España no vello Canal Plus. Agora, aínda que as competicións fagan un pequeno paréntese; o noso fútbol empéñase en seguir presente. Estas vacacións invernais, queirades ou non, teñen un epicentro esférico. En forma de balón. Neste artigo, explicámosvos o porqué e os múltiples plans que tedes a elixir.

0 21 de decembro no Hotel Ceao teremos unha xornada de actualización para adestradores. Será impartida polo técnico do Castro, Javi López. Un curso intensivo teórico-práctico sobre o adestramento táctico no fútbol. O prezo das xornadas é de 49,99 euros que inclúen diploma, as presentacións de todo o día, descontos en libros e cursos en liña da editorial Entrenar Fútbol así como seis libros en formato PDF da súa páxina web valorados en 60 euros. Coidado, só hai 25 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscripción.

Sen deixar o ámbito formativo, os máis pequenos poderán disfrutar de dous Campus nestas datas tan sinaladas. O CD Lugo volve cun novo CDLU Camp de tecnificación, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos así coma na Cheda. Será en sesión matinal entre o 26 e o 30 de decembro. A actividade acollerá un máximo de 45 participantes nados entre os anos 2004 e 2011. Para máis información, podedes consultar a web www.cdlucamp.org. Así mesmo, este curso estamos de estrea. A Pontenova pon en marcha o seu I Campus de inverno, dirixido a nenos entre 4 e 16 anos. O evento celebrarase dos días 26 ao 29 de decembro. Contará coa presenza do técnico Fabri González e do xogador do Celta Jonny Otto. Podedes formalizar a inscripción no seguinte correo electrónico: sportingpontenova@gmail.com . Para máis información, ollade o cartel da imaxe!

A previa do día de Noitevella teremos dúas emotivas citas en forma de encontros. No campo da Lomba en Meira, Xosé da Flor terá a súa homenaxe. Xogadores do Pastoricense e Meira, amigos seus reuniranse no verde para honrar a súa memoria. Ademais, o Peluquería Mixta Friol recibirá á Selección Galega feminina sub18 na Reigosa. Será un partido benéfico para recaudar fondos para a familia Campete.

E non podemos olvidarnos de dous ‘clásicos’ destas sinaladas datas. A Peña de Árbitros 9’15 organiza a X Edición do Torneo Nacional de Árbitros de Fútbol-7. Coma tódolos anos, agardamos a presenza de colexiados de diferentes partes do país. A cita, 0 30 de decembro no Campo do Polvorín. Por último, abriremos o ano coa XV Edición do Torneo de Reis da Milagrosa. Nesta ocasión só teremos unha fase (2,3 e 4 de xaneiro) porén auméntase unha categoría ás xa tradicionais. O infantil feminino súmase aos prebenxamíns, benxamíns e alevíns. E ollo que este ano hai sorpresa, coa participación dun equipo de fóra de Galicia no Luis López Gorgoso de Frigsa. Iso sí, xogarase co maltreito tapete actual, posto que semella que o novo non chegará ata o verán.

Comparte
                                             

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*