*San Roque-Riotorto: Partido pouco vistoso marcado polo exceso de xogo directo na Polvoreira. Os goles quedaron para a segunda metade. Pablo Ruiz mantense coma pichichi dos da Veiga despois de materializar un novo penalti. Andrés deixou un punto na casa despois de aproveitar unha saída en falso de Parapar. O poderoso xogo do Riotorto no balón parado non pasou do empate. En parte, debido á melloría dos capitalinos neste apartado.

*Pol-Taboada: O fútbol práctico do Pol impúxose nunha tarde de cans, na que houbo que ata repintar o terreo de xogo por mor da auga e a saraiba caídas. Os de Fernando Corredoira xa mandaban por 2-0 antes da hora de partido. E todo semellaba encarrilado coa expulsión do visitante Dieguiño. Porén o Taboada meteuse no encontro, cun penalti que marcou Guerreiro por dúas veces (tivo que repetilo). E os da Medela morreron matando cun home menos. Iso sí, o gol postreiro volveu caer do lado local.

*Pastoricense-Santaballés: A homenaxe ao lesionado Kanu quedou nun traballado punto ante un Santaballés que non termina de arrancar esta temporada. A igualdade transformouse en goles pasada a media hora de xogo. O Pastoricense abriu a lata despois dunha serie de rexeites a un saque de esquina. A reacción foi instantánea. Dani San empataba logo dunha boa xogada colectiva chairega. Na reanudación, as ocasións brillaron pola súa ausencia. Só unha moi clara por barba. Especialmente discutida unha no remate, que derivou nun tanto anulado a Álex Novás por supostas mans.

*Chantada Atlético-Castro: Efectiva primeira metade marcada pola igualdade. Dúas ocasións claras, dous goles. Yelko inaugurou o marcador cun disparo axustado e Dani puxo ás táboas de novo ipso facto. Tralo descanso, cada conxunto tivo o seu momento de levar o encontro. O Castro, despois das lesións de Anxo e Samu nos locais. E o Chantada Atlético, nun arreón final que quedou sen gol. Quiñones debutou nos de Vitín, que viviron o regreso do seu gran capitán Dumi. Xa está como un rapaz despois de recuperarse da súa lesión de menisco.

*Monterroso-Friol: Semellaba unha tarde plácida en Cerdeiriños, co gol do pichichi Lorenzo no minuto 2 ante un Friol cunha defensa de circunstancias. Cinco dous seus seis zagueiros causaban baixa. Pasou todo o contrario. En medio das imprecisións de ambos equipos, David Quintá aumentou as diferenzas ante un rival que tamén perdeu a ese único defensa por lesión. Non foi definitivo nin moito menos. A partires de aí, os de Jon Vázquez tiraron de casta. E metéronse de cheo no partido co gol de Isaac. Os da Reigosa tiveron oportunidades para empatar ante un Monterroso que soubo defenderse para seguir unha semana máis na zona noble.

*Guntín-Lourenzá: Alternativas en Ladairo pero os puntos quedaron na casa. Un Guntín á alza impúxose pola mínima a un Lourenzá que mandou na primeira metade. No entanto, foron os locais os que se adiantaron. Tendo os laurentinos que empatar sobre a hora de encontro. No tramo final, os de Martín solventaron a papeleta ao contragolpe. E mesmo se permitiron o luxo de fallar un penalti.

*Folgueiro-Xove Lago: Heroico Folgueiro no seu regreso a Boavista. Non se conformou con neutralizar a un Xove Lago, que se adiantou por dúas veces no marcador. Sinatura de Juanjo os goles. Ademais, sacou o punto xogando máis de cincuenta minutos en inferioridade numérica. Os dez últimos, só con nove xogadores pola expulsión de Oki. Aí, os de Jandri Rego viron como lles era anulado un tanto. E tamén como Pedro Infante, rescataba o empate cun soberbio lanzamento de falta directa pola escadra cando o encontro xa estaba morto.

*Outeiro de Rei-Burela: Duelo de poder a poder, cheo de emoción e intensidade. De feito, os goles quedaron para o último cuarto de hora. Tempo que o Outeiro xogou cun home menos. Felipe Varela adiantou aos mariñáns. Aos de Josito Jul non lles quedou outra que subir liñas. O Burela non xestionou ben a superioridade numérica e deixou dous puntos no desconto. Trigo igualou nun saque de esquina. Golazo para pechar un partido cos ingredientes necesarios para certificar que estamos ante dous dos aspirantes a todo.

*Atlético Escairón-Chantada: Emocionante derbi que non se resolveu ata os compases finais. O Atlético Escairón aproveitou a súa mellor posta en escena para facer o primeiro da tarde. Os de Montoto aumentaron as diferenzas despois do descanso nun erro visitante. O Chantada non se veu abaixo. Reaccionou ao grande, dispoñendo de ocasións suficientes para empatar. No entanto, chegou a sentenza definitiva. De penalti e no 94. Os do Saviñao son así no novo líder da categoría.

 
Comparte
                              

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*