A alguén se lle escapa que o fútbol é moito máis ca 90 minutos? Ou que incluso dentro deses 90 minutos pasan cousas que nunca se contan? Para moit@s o fútbol é un xeito de entendela vida, por iso a través del se entende a vida de moit@s. Pasa no fútbol e noutros deportes. Algo así é o que amosa Martiño Suárez (Burela, 1978) no seu segundo libro “Bestiario do vestiario. Segundo Tempo”. Historias sobre deportes e deportistas que van máis aló do que a competición marca. Hai dúas semanas vén de presentalo seu libro na capital da provincia e aproveitamos para falar con el nesta semana especial para a literatura. Centrámonos, por deferencia, nas historias sobre o fútbol. E semella que para Martiño teñen un denominador común: A Marosa.

Futbolinlugo: Festexas dalgún xeito especial o día/semana do libro?

Martiño Suárez: Si que se colle algún libro para regalarlle a familia, pero non demasiado. Eu son lector todo o ano entón para min todos os días son días do libro (risas).

Fil: Que sensacións che deixou a presentación do teu libro en Lugo?

MS: Xenial. Sempre me gusta ir a Lugo. Non é a miña cidade pero practicamente. Gustoume moito que Millán Gómez (presentador do acto) e Carlos Meixide (editor do libro) me convidasen a ir á Trama porque é unha libraría con moitísima historia, das máis emblemáticas de Galicia creo eu. Ademais que nos deixasen montar todo para tocar é un privilexio. Xa cando tocaba con máis regularidade gustábame tocar en sitios diferentes e isto tamén mo permite.

Fil: Como aparece este proxecto?

MS: Os primeiro artigos apareceron nunha revista dixital que se chamaba Dioivo por iniciativa de Carlos Meixide. Sempre falabamos das historietas estas de deportistas, de anécdotas, de cousas da historia…El encargábase da parte de deportes desa revista e propúxome poñer por escrito esas historias que nos contabamos. Cando a revista deixou de editarse, démonos conta de que tiñamos un volume de artigos suficientes como para sacar un libro. Tamén é unha maneira de darlles unha segunda vida. Así saíu o primeiro. O segundo foi a continuación. Os artigos sempre saíron en Praza Pública. Volvemos xuntalos cando tiñamos un volume suficiente.

«Ata hai uns cantos anos decir que che gustaba o fútbol en certos ambientes era como dicir `es un pailán, non dás para máis´»

Fil: Pola nosa liña temática imos centrarnos no fútbol. Canto ten o fútbol de cultura?

MS: Cultura é todo o que fai o ser humano máis aló de alimentarse, reproducirse e morrer. Todo ten a súa parte cultural. O que é certo é que o fútbol nos últimos tempos tomou tal relevancia que ocupa moito tempo na vida das persoas. Non de todas. Unha parte parcial das persoas. Ata hai uns cantos anos dicir que che gustaba o fútbol en certos ambientes era como dicir “es un pailán, non das para máis”. Agora non hai problemas por recoñecer que che gusta o fútbol, que che gusta ler,… Unha cousa non está reñida coa outra. Xenaranse moitas obras culturais arredor do fútbol (novelas, películas, documentais).

Futbolinlugo: Cres que esa parte cultural do fútbol escasea no día a día dos medios de comunicación?

MS: Eu creo que por fortuna hoxe hai máis onde escoller. Por unha banda hai publicacións como a vosa que tende a algo que eu teño medo que se quede atrás. O fútbol local emulado por todo o mediático no que os futbolistas o que menos fan é xogar o fútbol. Son máquinas de vender. Por outra parte hai publicacións de fútbol que se dedican a unha parte máis cultural, máis de historia, de análise,…E logo está o que predomina que é o fútbol espectáculo. Non deixa de ser como o “Sálvame” pero para outro tipo de públicos. Xa sabes a que programas me refiro. Iso pasa. Non é moi agradable nin vai moi a favor da nosa profesión. Pero por fortuna hai alternativas.

Adentrámonos un pouco no libro e remexemos nas similitudes ou relacións coa nosa provincia. Sen desvelar nada. Hai que lelo.

Os dous libros de Martiño Suárez baixo o título «Bestiario do Vestiario». Á dereita o último en saír

Fil: Nunha das historias falas do Avant que viaxan en tractor. Aquí na provincia celébranse moitos ascensos en tractor…

MS: Tamén si si. En Avant gústame por iso de ser un club rural desprezado pola metrópole. Ese é o tipo de fútbol que a min me interesa. Non o fútbol de cellas depiladas e estrelas mediáticas.

Fil: Contas a historia do porteiro Bartram que quedou illado na súa área en Stamford Bridge por mor da néboa. Podería pasar no Fiouco?

MS: (risas). Seguramente. Recordo ir a Marosa que certos días de noroeste había faltas dende o medio do campo que era difíciles de parar. Segundo de que lado do campo che tocasen. Así que máis ou menos o mesmo.

Fil: E a historia de Diego Armando. Podemos dicir que Maradona ten raíces en Lugo? Igual aínda ten algunha leira herdada a xestas….

MS: Eu creo que si. E senón que máis dá (risas). A historia do apelido a min paréceme verídica. Por que non? Ten bastante sona italiana como bastantes apelidos arxentinos. Pero hai Maradonas de Ribadeo e de Trabada. Eu prefiro crer que é así.

Martiño Suárez en curto…

As presentacións do libro de Martiño están amenizadas por Grampoder, do que el é vocalista ademais de tocala guitarra

Un libro sobre fútbol: O primeiro que me deslumbrou foi «Fever Pitch» («Fiebre en las gradas» en español) de Nick Hornby

Un campo da provincia: A Marosa

Un equipo da provincia: Sociedade Deportiva Burela

Un xogador da provincia: Uff. Practicamente todos os do Burela que estivera a punto de ascender á 2ªB. Pero recórdome especialmente de Tomás. Era un atacante cunha clase que non se vía naquela categoría. Flipante. Ademais de ser moi bo tipo.

Unha canción sobre fútbol: Probablemente unha das que tocamos o outro día. As dúas que tocamos de Jorge Ben. Seguramente a de “Fío Maravilha” é a mellor canción que se fixo sobre fútbol porque descríbeche o éxtase cando o teu equipo marca un gol a través dun futbolista marabilloso como era Fío.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*