O futuro da Terceira Rexional é agora unha das grandes incógnitas no fútbol lucense. Despois da medida optada para rematar as ligas por mor da Covid, cada vez quedan menos equipos en cadanseu grupo. Tres ascensos en cada un deles e sen ningún descenso. Deixarían en 8 equipos como máximo en cadansúa zona. E o máis probable é que sexa con menos porque a continuidade dalgún dos que participou na temporada 19/20 é seria dúbida. Ademais as circunstancias non convidan a que sexa o momento propicio para formar unha nova entidade.

Este xoves recollemos a opinión dos tres clubs da Terceira Rexional sur que estaban clasificados en postos de play off no parón das competicións. Os tres adestradores coinciden na necesidade de reformular a categoría. Agora é a quenda dos tres clubs que estaban na mesma posición no grupo norte. O cambio de criterio con respecto ao inicio da competición, significou que quedaran sen opcións de subir de división. No grupo norte, o Fonsagrada e o Matela conseguiron o ascenso de xeito directo. A terceira praza foi para a SD Viveiro por mellor coeficiente deportivo. Acompañábana no play off o Friol B, a Comercial e o Rioaveso. Conversamos cun representante de cada club para coñecer as súas impresións.

Javi Serén Pájaro, adestrador do Friol B: «Creo que a decisión é oportuna ante algo que nunca pasara»

A resolución: Pareceume que era o que tiñan que facer. Sei que haberá equipos coma nós, que quedamos en play off e que nos gustaría xogar; pero creo que a decisión é oportuna ante algo que nunca pasara.

Futuro da 3ª Rexional: Penso que deberían proporse outras ideas. Como xuntar os dous grupos ou, incluso, eliminar a categoría e facer grupos entre os de Segunda e Terceira. Con 8 equipos vaise facer moi corta a competición e vai haber moitos paróns.

Continuidade na próxima temporada: O club vai seguir competindo e seguirei outro ano máis de adestrador.

Valoración do curso: Penso que a temporada foi boa, sobre todo a primeria volta. Logo entre as baixas e o baixón que tivemos, fomonos desmoronando. En xeral, penso que foi boa; mágoa de non poder xogar o play off.

Nivel do grupo: O nivel este ano penso que subiu en xeral en todos os equipos. De feito, a clasificación estivo moi apertada entre os tres – catro postos de arriba. Tamén meterse no play off estivo competido. Aí podería pasar calquera cousa.

Gallo, secreatario da Comercial: «Na Federación din que a Terceira é a única forma de equilibrar equipos»

A Comercial non puido festexar este ano como o fixera hai dúas campañas. Daquela si conseguira o ascenso á Segunda

A resolución: Calquera das solucións non ía ser acertada. Cando falamos de saúde non hai que facerlle, está por riba de todo.

Futuro da 3ª Rexional: Se queren respectar os dous grupos vai ser un desastre. Optaría por tres grupos de Segunda. A terceira nun grupo só é inviable polos costes. Xa nos están machacando as mutuas e as arbitraxes. Sen desprazarse moito a un equipo de 3ª Rexional fanlle falta uns 6000€ de orzamento. Pero na Federación creo que non están moito polo labor de suprimir a categoría. Din que é a única forma de equilibrar equipos.

Continuidade na próxima temporada: A maior parte dos xogadores vai continuar. A intención é que siga habendo continuidade. Nós temos claro que imos seguir, pero falta saber como. Ademais temos un grave problema coas instalacións. A día de hoxe tal e como están non nos quere vir xogar ninguén. Continuamos agardando por unha obra xa demandada dende hai moito tempo.

Valoración do curso: Un primeiro tramo malo. Pero estabamos nunha dinámica moi boa. Foi unha pena. En play off entrariamos sen problema. O equipo estaba sendo unha piña.

Nivel do grupo: É normaliño, pero tampouco podemos esixir. Hai catro ou cinco equipos medianamente competitivos. A categoría está moi descompensada, hai que buscarlle algunha fórmula.

Manuel Veiga, adestrador do Riaoveso na 19/20: «A decisión de ascender o terceiro en play creo que foi incorrecta»

Veiga pon fin a súa etapa de dous anos dirixindo ao equipo de Paraños

A resolución: O normal era parar. A decisión de ascender o terceiro en play off creo que foi a incorrecta. Véxoo inxusto. Tamén se podería acabar e deixar todo como estaba.

O futuro da 3ª Rexional: Creo que está acabada. Ou a xuntan coa Segunda ou está acabada. A ningún equipo lle merece a pena xogar catorce partidos. Non ten ningún sentido.

Continuidade na próxima temporada: Non vou seguir por motivos persoais. Co club acabei sen ningún problema.

Valoración do curso: Pillounos o parón no mellor momento. Creo que iamos afrontar os play offs con moitas opcións. As fichaxes que fixeramos en inverno estaban acabando de adptarse. Claro que ao mellor nos tocaba o Viveiro e era o mellor. Pero sinceramente, creo que estabamos en opción de pelexar contra calquera.

Nivel do grupo: Sorprendeume bastante. Cría que cada vez ía baixar máis, pero non. A Fonsagrada mantivo o nivel, o Viveiro naceu novo pero non era un equipo de Terceira Rexional; o Matela segue sorprendendo que siga pelexando así,… quizais esperaba algo máis da Comercial. Pero en liñas xerais, vin máis nivel ca o ano anterior. E iso que estaba o Alfoz que acaba de subir a Primeira Rexional.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*