Que foi de...Pablo Fernández: o cervense que puido disfrutar da Champions

Pablo Fernández Segurado (Cervo, 1983) foi probablemente dos maiores talentos que deu o fútbol mariñán nas últimas décadas. Xogador de moita calidade, mediapunta, ao que as lesións lle privaron de poder competir máis anos en categorías superiores. Pero deulle tempo a poder xogar na categoría de bronce do fútbol español, na súa etapa no Montañeros, e uns anos antes, de formar parte da convocatoria do R.C. Deportivo da Coruña nun encontro da Champions League en Atenas. E tamén de xogar no equipo do seu pobo, a S.D. Cervo con xogadores aos que admiraba sendo un cativo

Falamos con él pra recordar a súa traxectoria, dentro e fóra dos terreos de xogo.

FUTBOLINLUGO: Lembras o día que te vestiche de curto por primeira vez?

PABLO FERNÁNDEZ: Naqueles tempos os comezos eran no fútbol sala. As ANPAS dos colexios organizaban torneos entre escolas, así que o primeiro equipo do que formei parte era o do Colexio de Cervo, no que estábamos os que hoxe son a miña pandilla de amigos. Xogabamos contra os de Burela, Xove, San Cibrao…Foi unha época moi bonita e encima gañabamos bastantes veces (risas). Xa no fútbol comecei en idade alevín a xogar cos infantiles do Cervo contra nenos dous ou tres anos máis grandes ca min. Recordo que un día gañámoslle ao Viveiro na Bidueira 2-1, cando eles eran os que sempre nos metían unhas boas palizas…aquel día foi como gañar a Champions. Foron uns comezos moi bonitos.

“Coincidir con Abilio ou Suso da Marosa , xente á que admiraba e lle tiña moito respecto era un sono cumprido”

FIL: Moi xoven debutache co primeiro equipo do Cervo…

PF: Si, logo dunha gran temporada na División de Honra Cadete co San Cibrao. Aquel ano quedaramos terceiros, sendo o único equipo que lle logrou gañar ao Celta de Vigo. Ese verán chamoume o Viveiro, que xogaba na liga galega xuvenil, pero tras varias charlas co adestrador decido non ir. Aquel equipo estaba composto por moitos xuveniles de último ano e ante a posibilidade de non xogar moito decido voltar ao Cervo. Logo duns adestramentos cos xuveniles, comezo a facelo co primeiro equipo, ao que adestraba Rafa Blas en Primeira Rexional. Foi algo estupendo, porque daquela as miñas aspiracións non eran xogar en grandes equipos, senón cos maiores do Cervo. Coincidir con Abilio ou Suso da Marosa, xente á que admiraba e lle tiña moito respecto, era un sono cumprido. O equipo estaba formado por moita xente que saira das categorías inferiores e iso facía que nos sentíramos todos moi identificados. Ademáis logramos a permanencia nas últimas xornadas, foi unha satisfacción moi grande.

FIL: Despois rematas por ir ao Viveiro, pero enseguida chega a chamada do Deportivo. Como viviche aquel momento?

PF: Ao rematar no Cervo volve chamarme o Viveiro da Liga Galega Xuvenil, e desta vez decido aceptar. Comecei cos xuveniles pero logo súbenme a adestrar co primeiro equipo que estaba en Terceira División con Saavedra á fronte. Vou varias veces convocado con eles e debuto na quinta xornada en Cangas contra un clásico da categoría como é o Alondras. Lembro que perdemos, pero a min saírame un bo partido e valeume para quedar no primeiro equipo o resto da temporada, tendo unha participación bastante asidua. Ao pouco recibo a chamada do Deportivo, e ao final de campaña, tras decidir que me ía estudiar a Coruña acepto esta proposta. Evidentemente foi unha gran alegría que un clube como é o Depor se interesara por min e afrontei esa etapa con moita ilusión ao poder vivir unha experiencia enriquecedora tanto no aspecto deportivo como persoal.

“Cando me chamou Tito Ramallo pensei que me ía botala bronca polas horas ás que chegara a noite anterior e díxome que estaba convocado para a Champions”

FIL: Estiveche varios anos no Fabril en Terceira. Albergabas esperanzas de poder dar o salto ao primeiro equipo?

PF: Naqueles tempos o Depor viña de gañar a liga, logo chegou o Centenariazo, semis de Champions…estaban xogadores como Fran, Valerón, Mauro Silva, Diego Tristán, Djalminha…eran plantillas  con moita calidade e moi amplas, de ata trinta xogadores. Todo isto unido a que non había unha forte política de canteira facía complicado pensar que algúen do Fabril chegase ao primeiro equipo.

Pablo, con Valerón no estadio do Olimpiakos

FIL: Tiveche a oportunidade de poder ir convocado a un encontro de Champions a Atenas. Imaxino que serían uns días pra recordar. Quen che deu a nova?

PF: A aquel partido foramos convocados Pita e máis eu. Recordo que o sábado xogaramos co Fabril e pola noite fixeramos cea de equipo. A noite deu bastante de si (risas) e algúns ata as seis da mañá non chegamos á residencia. Poucas horas despois, o domingo pola mañá chamoume Tito Ramallo que era o meu adestrador. O que se me veu á cabeza cando vin a chamada era que me ía botala bronca polas horas ás que chegamos e resulta que era pra decirme que ía convocado co primeiro equipo a Atenas pra xogala Champions contra o Olimpiakos!!!! Recordo aproveitar aquela experiencia fixándome en todo, no adestramento antes do partido, na charla de Irureta, no ambiente que había no campo. Lembro estar sentado no banquillo entre Mauro Silva e Pandiani. Quen me ía decir que ía estar eu alí…

FIL: Dos compañeiros teus no Fabril, quen chegou a xogar no fútbol profesional de xeito continuado?

PF: Está Carlos Pita no Lugo, Álex Bergantiños cedido polo Deportivo no Sporting, Xisco que agora está no Osasuna, Dani Cancela leva moitos anos en Hong Kong no Kitchee, os irmáns Jonathan e Iván Carril estiveron por diversos equipos europeos, e seguro que algún aínda se me escapa.

FIL: Como foi a saída do Deportivo? Vas ao Laracha e de novo eres un xogador importante en Terceira.

PF: Ao rematala miña cuarta temporada no Fabril, Tito Ramallo e Ernesto Bello falan conmigo e comunícanme que non me renovarían un ano máis. Ese verán recibín varias chamadas de equipos de Terceira entre elas a de Mouriz para incorporarme ao Lugo. Pero pasaba o verán e aquelo non se concretaba e atopeime a finais de xullo sen fichar en ningún equipo, polo que decidín ir ao Laracha. Era un equipo que se interesara moito, tiña bos xogadores que xa coñecía, como Iván Pérez, Javi Angeriz, Jesús, Casal na portería… e ademáis permitíame seguir estudando na Coruña. Estaba José Luis Vara de adestrador e logramos quedar terceiros e xogar o play off de ascenso a Segunda B, algo impensable para un clube como o Laracha, e incluso disputándolle o segundo posto ao Lugo, que remataría por subir.

FIL: A túa seguinte estación queda preto: o Montañeros. Que tal foi esa experiencia?

PF: Fixéronme unha boa proposta económica e deportiva, a varios anos, malia a comezar en Preferente. O primeiro ano fíxose un gran equipo e acádase o ascenso a Terceira, creo que con récorde de puntuación, nunha categoría na que estaba o Compostela, Cidade de Santiago, Boiro, o Iberia que fixera unha gran inversión…pero tiñamos xogadores dun nivel moi alto. No segundo ano, aínda que se trata de facer un bo equipo as cousas non saen e non nos metemos entre os catro primeiros. Acadámolo ao ano seguinte, quedando segundos e facendo un fútbol moi interesante en varios tramos da temporada. Na fase de ascenso quedamos eliminados polo Hellín na primeira eliminatoria o que resultou ser un pao, xa que tiñamos moitas ilusións postas en ascender. Ao final tras a desaparición do Cidade de Santiago, subimos a Segunda B.

FIL: Puideche xogar uns partidos na categoría de bronce. Como a recordas? Moita diferencia respecto da Terceira?

PF: Disputei varios encontros ao comezo de temporada, pero xa estaba moi castigado polas lesions o que non me permitía estar a tope e perdínme moitos partidos na primeira volta. Despois co equipo moi rodado, decido en decembro fichar polo Cerceda co ánimo de ter máis oportunidades. Lembro aquela Segunda B con grandes equipos como o Lugo de Setién, PonferradinaZamora, Racing de Ferrol…equipos profesionais con grandes estadios e afeccións que apoiaban. Con respecto á Terceira o cambio era moi importante pola rapidez e a intensidade do xogo, así como pola historia e medios dos equipos aos que nos enfrontábamos.

“Poder coordinar a base do Real Avilés foi unha experiencia estupenda da que gardo un grato recordo”

FIL: Os teus últimos destinos foron de novo o Laracha en Preferente e o Bergantiños en Terceira onde te retiras. Foi unha retirada prematura, antes dos 3o.

PF: Chamoume Lemos, que fichara no Laracha como adestrador e decido ir para alí porque era un clube que xa coñecía e no que estivera moi contento. Ademáis con Lemos tiña unha boa relación e entendiamos o fútbol dunha maneira moi parecida. Era un proxecto moi bonito e ambicioso, pero as cousas non marcharon ben, nin deportiva nin extradeportivamente e xa o di Sabina “al lugar donde has sido feliz no debieras tratar de volver...” polo que ao rematala temporada decido non seguir alí. Xa me rondaba a idea de deixalo, as lesións limitábanme moito. Pero ao final decido ir ao Bergantiños coa ilusión de xogar en Terceira de novo. Salvamos a categoría sen problema pero foi un ano difícil cun adestrador e un estilo de xogo ao que non estaba acostumado nin pegaba coa miña forma de entendelo fútbol. Fíxoseme a temporada larga, polo que ao rematala decido deixalo.

FIL: Botache de menos a etapa de futbolista?

PF: A verdade é que para min foi unha liberación. Os últimos anos vínme moi limitado polas continuas lesións e cheguei a sentir moita impotencia. Os anos seguintes matei o gusanillo cos veteranos do Depor ata que nunha pachanga cos amigos rompín o Aquiles e desde aquela case non xogo nada.

FIL: Posteriormente seguiche vinculado ao fútbol, sendo director da canteira do Real Avilés. Como surxiu a oportunidade?

PF: Durante o ano seguinte a deixar de xogar fixera un máster en Xestión e Dirección Deportiva e no verán unha xente coa que tiña relación e estaban a xestionar o Real Avilés propuxéronme a oportunidade de coordinar a base. Foi unha experiencia estupenda da que gardo un recordo moi grato. A amabilidade da xente de Avilés, o ben que estiven durante ese ano e medio, o grupo humano que logramos xuntar, etc. Conseguimos endereitar unha base que os anos anteriores se descoidara bastante e con moito traballo os rapaces do Avilés poideron estar de novo entre os mellores de Asturias.

Pablo Fernández, na súa época no Real Avilés. Foto: El Comercio

FIL: Agora a que te adicas? Segues ligado ao fútbol?

PF: Nestes momentos axudo na base do Atlético Coruña Montañeros, un proxecto que se empezou fai uns anos ante o perigo que o clube desaparecese, xa que estivo nunha situación delicada. Con moito esforzo estamos logrando que volte a ser un clube importante na cidade.

EN CURTO…

Mellor xogador co que compartiche vestiario: Gonzalo García “Recoba”. Xogaba no Compostela B e coincidimos na selección galega sub 18. Tiña un talento incrible e ao ano seguinte fichou no Real Madrid.

Mellor xogador ao que te enfrontache: Acórdome de Oubiña, no Celta B e tamén de Carlos Palmas, un zurdo que xogaba no Alondras.

Un gol pra o recordo: Un que lle marcara ao Malpica co Viveiro. Enganchara unha boa volea.

O adestrador que máis te marcou: Sempre me identifiquei con Lemos porque entendiamos o fútbol da mesma maneira e sabía case sempre o que estaba a pedir. Outro que me marcou foi Xosé Ramón, aprendín moitas cousas del.

Quen tiña condicións de estrela e non puido chegar: Coincidín con Iván Campos, un mediocentro de Lugo, cunha visión de xogo e un toque espectacular.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*