O PM Friol disputou o seu partido nº400 en competición oficial na casa do Pozuelo de Alarcón. Alí, tras un gran partido de ambos equipos, Jone decantou a balanza a prol das lucenses cun solitario gol no minuto 74, conseguindo así as da Reigosa tres puntos vitais para a súa permanencia no Reto Iberdrola!

Alén diso, o PM Friol «B» asaltou o Municipal de Santa Isabel, derrotando por 1-2 ao Victoria FC «B», tras remontar nunha primeira parte tola na que se anotaron os tres goles e controlar o marcados na segunda metade. A SD Antas, pola súa banda, caeu 0-3 ante a SD O Val, un resultado máis que enganoso xa que o dominio do choque correspondeu ás de Chapa, pero as innumerables ocasións coas que contaron non se traduciron en goles, mentres que as visitantes si gozaron da efectividade necesaria para vencer.

Na Segunda Galicia, o Carballedo CF superou ao Betanzos «B» no Carregal por 0-4, cunha actuación sobresaínte de Diana Picos, quen anotou un hat-trick o día do seu cumpreanos. O CD Lugo tamén venceu (0-11) ao Brexo Lema, nun duelo moi serio das lucenses. A SD Chantada conseguiu os tres puntos ao imporse 4-0 ao Olímpico, tras traballar ben durante a semana e ao longo dos 90 minutos. Para completar o pleno de victorias, faltou a victoria da SG Comercial, que pese a facer un bon partido ante a UD Carral, non pasou do empate a dous goles. Influiu no resultado a falta de concentración en dúas accións puntuais na primeira metade que se traduciron no 0-2 a prol das visitantes, pero as vermellas reaccionaron ben e conseguiron anotar outros dous tantos na segunda metade para igualar o electrónico.

No Fútbol-7, a SD Burela sufriu a primeira derrota da temporada ante o Deportivo Orzán (3-0) e a SCD Milagrosa venceu por 1-3 ao Liceo de Monelos!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*