Poucas persoas poden presumir de defender as cores do seu país en compromisos internacionais. Menos aínda son as que o fan lucindo o brazalete de capitán. E incluso menos as que poden dicir todo isto con tan só 26 anos. Maria Amanda Monterroso, internacional con Guatemala e dianteira do PM Friol desde este pasado agosto, pode facer alarde de todas estas fazañas.

O PM Friol afronta a súa segunda temporada no Reto Iberdrola, categoría moi complicada e dura na que se medirán con clubes da talla de Sporting de Gijón, Oviedo, Osasuna, Alavés, Rácing de Santander… e con filiais de conxuntos como Real Madrid, Atlético de Madrid ou FC Barcelona. É por isto que o equipo da Reigosa busca todos os veráns xogadoras que podan dar ese «plus» de calidade para manterse na división.

Unha delas é, como sinalabamos antes, María Monterroso. A guatemalteca chega procedente da UD Extremadura e conta con experiencia en ligas de Colomnbia e nos Estados Unidos. Hoxe, en Futbolinlugo, falamos coa atacante para saber máis sobre ela e as súas ambicións no PM Friol!

María, celebrando un tanto coa camisola da selección.

Futbolinlugo: Como te atopas ante esta nova etapa?

María Monterroso: Moi contenta e ilusionada coa oportunidade que me está a dar PM Friol, sei que se estou aquí é porque teño as capacidades que se necesitan en Reto Iberdrola e teño moitas ganas de empezar a liga.

FIL: Como están a ser os teus primeiros adestramentos na Reigosa?

MM: Ao principio costou, despois de estar paradas durante seis meses. Pero agora xa temos un bon físico, estamos mais adaptadas. Pouco a pouco estamos adestrando mais o táctico. O corpo técnico preocúpase por nós, o cal é moi importante, para que nós teñamos confianza e podamos devolverlles o que eles nos dan.

FIL: Que tal o ambiente no vestiario?

MM: Ben, moi ben. O primeiro día estaba algo nerviosa por ver como me levaba coas miñas compañeiras, pero a verdade é que a acollida foi moi boa por parte de todas: as que xa estaban e as novas coma min. Hai moi bo rollo.

«Tratarei de aportar calidade e goles.»

FIL: Cales son os obxectivos do clube para a 20/21?

MM: Manter a categoría, como todo equipo. O primeiro é salvar ao clube e despois poderemos mirar máis arriba. Trataremos de ir paso a paso, pouco a pouco, sumando minutos en pretemporada. Estou confiada de que as cousas van saír ben.

FIL: E os teus obxectivos individuais?

MM: Aportar calidade, goles como dianteira que son. Axudar ás miñas compañeiras cando o necesiten. Buscar que haxa compañerismo e ser unha líder dentro do campo, demostrar por qué estou aquí.

FIL: Que fixo que decidises  fichar polo clube friolense?

MM: Unha vez rematei en Extremadura tiña varias ofertas, pero cando falei co presidente, Ángel, transmitiume positivismo, boa vibra… eu sempre busco que a persoa encargada das fichaxes se preocupe. Estou convencida do proxecto deportivo do PM Friol e a onde queren chegar e estou aquí para axudar. Tan só queda agradecer a confianza e a oportunidade que me están dando, así como a boa acollida desde o día 1 que cheguei.

FIL: Pensas que a pandemia pode facer perigar a competición?

MM: É complicado para todos. Todos temos o risco de coller a Covid-19, pero será unha liga diferente e bonita. Esperemos que todos se cuiden como deben, sigan as normas de higiene e os protocolos, se queden na casa na medida do posible… e así podamos xogar. Se todos ponemos o nos gran de area, poderemos vencer ao virus.

Agradecemos, coma sempre, a boa disposición do PM Friol e o seu presidente Ángel Villar para atendernos, así como a amabilidade de María!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*