Como todos os xoves, hoxe traemos a sección semanal de fútbol feminino. As nosas rapazas, domingo tras domingo, compiten por deixar o nome dos seus clubes e da provincia o máis alto posible. Así, o PM Friol, que compite na Liga Reto Iberdrola, deu todo por puntuar na súa casa ante o Real Oviedo, pero as asturianas foron moito máis efectivas que as lucenses ao longo de todo o choque e conseguiron a victoria por 1-4. Tras chegar 0-2 ao intermedio, as da Reigosa reaccionaron e a piques estiveron de remontar tras o 1-2 asinado por Andrea. Porén, cando mellor estaban as locais, as carballonas asinaron o 1-3 que deixou o partido morto até o 1-4 final.

Tampouco tivo sorte o filial do PM Friol na Primeira Galicia. As de Covi, recén ascendidas, pecaron da súa mocidade e caeron por 0-6 ante un dos favoritos a acadar o ascenso, a UD Mos. Pese a iso, o resultado non reflicte o que se viu no xogo, un choque moito máis igualado do que semella ao observar o marcador. O outro equipo lucense da categoría, a SD Antas, conseguiu a súa segunda victoria do ano na casa do Victoria de Santiago (1-2). As de Chapa pasaron a maior parte do primeiro tempo repregadas e cedendo a posesión as compostelanas, o que fixo que ao descanso o resultado fose 1-0. Porén, na segunda metade foron moito máis valentes e, froito diso, Nuria asinou dous goles -un deles, de penalti- que completaron a remontada.

Na Segunda Galicia, a SD Chantada caeu 4-0 na casa do Sporting Cambre, un rival que lles puxo as cousas moi difíciles e que lles serve ás chantadinas para aprender e mellorar de cara ao próximo duelo. O Carballedo tamén perdeu, 1-2, ante o Sporting Burgo, tras un gran partido no que fallou a pólvora, xa que as locais perdoraron catro mans a mans e erraron un penalti.

As boas noticias da xornada viñeron dadas pola SG Comercial, que venceu ao Once Caballeros (3-2) nas Gándaras nun partido no que o resultado tería sido máis amplo de manter a concentración os 90 minutos. Precisamente amplo foi o 11-0 que lle endosou o CD Lugo ao Portazgo, cunha enorme actuación de todas as xogadoras. Máis aló de iso, destacou Esther, con catro goles, e o ritmo que impuxeron as albivermellas todo o partido.

Con isto, só restan por comezar as categorías de Fútbol-8, nas que compiten SD Burela e SCD Milagrosa!

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*