Con todas as competicións femininas comezadas, retomamos unha das seccións máis importantes da nosa web, na que facemos un breve resumo do que foi a xornada para as nosas futbolistas e, como novidade, introducimos ás xogadoras máis destacadas de cada choque!

Comezamos, como non, polo PM Friol, clube do que non poderiamos estar máis orgullosos. As rapazas adestradas por Adrián levan 6 de 9 puntos posibles, vencendo a rivais de moita altura como  o Deportivo Alavés e o Racing de Santander. Precisamente a estas últimas se impuxeron o pasado domingo por 4-2, sendo capaces de reponerse dúas veces a un marcador contrario, xa que as cántabras foron quen de asinar o 0-1 e, tras o empate de Andrea Mirón, conseguir tamén o 1-2. A partires de aí, o choque só tivo unha cor e os goles de Alba García, Jone e Lucía Pardo permitiron que os tres puntos se quedaran na casa!

A outra cara da moeda foi para o PM Friol «B», que no seu terceiro partido na Primeira Galicia caeu por 2-1 na casa do Orzán, nun choque no que comezaron impoñéndose as lucenses, cun gol de Patricia, pero finalmente as locais déronlle a volta ao marcador na segunda parte. Así, o filial de Friol manténse con tres puntos, tras vencer na casa ao Concello de Boiro (4-2) e caer no seu debut ligueiro co Villestro (4-2).

O outro clube lucense que compite na Primeira Galicia é a SD Antas, que xa conta con catro puntos, tras vencer ao Arcadia por 1-0 na primeira xornada, perder co Victoria FC na segunda, e empatar co Matamá nesta terceira, un equipo moi traballado que se viu encerrado no seu campo toda a primeira parte, o que se traduciu no gol de Nuria no minuto 18. Na segunda metade, as visitantes deron un paso adiante e gozaron de ocasións até que conseguiron o empate tras un barullo na área ao final do partido.

Xa na Segunda Galicia, que comezou o pasado domingo, o Carballedo se estreou con derrota na casa do Once Caballeros. Tras ir case todo o choque empatadas a un gol, unha dubidosa decisión arbitral nun fóra de xogo non sinalado decantou o choque a favor das coruñesas (2-1). Porén, si que comezou con bo pé o CD Lugo, que derrotou ao Sporting Burgo nun bo partido das lucenses, que non pasaron apuros en defensa e puideron aumentar a diferencia que estableceran no minuto 23, polo que, ademáis de conseguir os tres puntos, as albivermellas deixaron moi bo sabor de boca.

O partido máis apaixoante da xornada tivo lugar no Sangoñedo, onde se mediron a SD Chantada e a SG Comercial, impoñéndose as da capital por 0-1, tras un gran gol de Jenny no minuto 70. Pese ao resultado, a SD Chantada estivo moi ben plantada sobre o terreo de xogo, deixando plasmados moitos conceptos tácticos traballado ao longo da pretemporada. A SG Comercial, pola súa banda, soubo aproveitar as súas ocasións e, a posteriori, defender ben a súa portería.

DESTACADAS:

PM Friol «A»: Andrea Mirón, Lucía Pardo e Fanny.

PM Friol «B»: Patricia, María Valcárcel, Irene.

SD Antas: Iria, Paula Cadete, Marta.

Carballedo CF: María Varela, Laura Delgado, Laly.

SD Chantada: Noelia, Eva, Nati.

SG Comercial: Sheila, Eva, Gómez.

CD Lugo: Esther, Carla, Raquel.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*