Quizais esta non sexa a semana máis alegre para o noso fútbol feminino, xa que o fin de semana deixou unha de cal e outra de area para as nosas rapazas. En canto ao PM Friol-CD Lugo, non xogou, pero sí que houbo xornada na Primeira Galicia.
Nela, confirmouse o descenso da SCD Milagrosa tras moitos anos na categoría, ao non pasar do empate a 3 ante o Tordoia. Porén, sabemos que estas xogadoras, a meirande parte moi novas, xa están traballando para volver ao seu sitio na vindeira campaña!

A SD Antas, pola súa banda, ten máis cerca a permanencia, despois de superar ao Deportivo Orzán 2-4 nun mal partido das de Melendo, pero que lles permite chegar á ultima xornada dependendo de si mesmas. Se superan ao Victoria «B» no Castro Seoane, continuarán competindo na Primeira.

Na Segunda Galicia, a competición chegou ao seu fin. Carballedo e Comercial despediron a liga cunha derrota (1-5 ante o Silva e 0-4 ante o Orzán, respectivamente), mentres que o PM Friol CD Lugo «B» empatou na casa ante o Xuventude de Crendes, 2-2. A SD Chantada descansou. Esta fin de semana comeza a promoción de ascenso, na que a Comercial se medirá ao Sporting Cambre e a SD Chantada á SD O Val nunha eliminatoria a dobre partido. Terán que superar catro para ascender. Por outra banda, ao filial do PM Friol CD Lugo bastaralle con superar unha eliminatoria tamén a ida e volta ante o Betanzos!

No Fútbol-8, o filial da SCD Milagrosa caeu 2-5 ante o Sporting Cambre «B», e a SD Burela venceu 0-3 en Sada ao Rayo Sadense.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*