Esta semana é máis que especial para as nosas guerreiras que, domingo tras domingo, deixan a súa pel no campo para defender unhas cores e unha provincia. Por iso, hoxe facemos o habitual repaso da xornada feminina en todas as categorías!

Na Segunda División, o PM Friol-CD Lugo sacou un positivo punto na visita do Real Oviedo á Reigosa, que lles permite seguir soñando. O choque estivo marcado pola choiva e o vento que atizaron o campo friolés nun primeiro tempo con poucas ocasións. Ao comezar a segunda metade Marta adiantou as lucenses cun bo disparo desde fóra da área. O gol «espertou» ás carballonas que se volcaron sobre a portería de Laura Gallego, ata conseguir o empate a poucos minutos do final.

Na Primeira Galicia, a SCD Milagrosa logrou un meritorio empate ante o Victoria FC «B» (3-3 no campo coruñés de Leyma) nun duelo totalmente tolo no que se pasou do 1-0 ao 1-2 con dous goles de Esther, despois ao 3-2, e finalmente ao 3-3 obra de Mariam. A SD Antas, porén, deixou escapar tres puntos ante o Arcadia nun choque que chegou ao descanso 2-0 tras unha gran primeira parte das rapazas lucenses, pero un nefasto segundo tempo permitiu a remontada visitante, 2-3.

Na Segunda Galicia, a esperas de que o filial do PM Friol-CD Lugo xogue o seu partido o próximo fin de semana ante a Unión Campestre, houbo un derbi lucense, SD Chantada-SG Comercial. As visitantes, contra pronóstico, levaron os tres puntos do Sangoñedo tras superar ás locais por 1-3. Tamén xogou o Carballedo CF, que caeu 4-1 na casa do Portazgo, nun partido no que unhas polémicas decisión arbitrais -que deixaron moi descontentas ao corpo técnico das visitantes- influiron no resultado final.

Xa no Fútbol-8, o único partido que se celebrou esta fin de semana foi a axustada victoria da SD Burela, 1-2, sobre o Sporting Cambre «B». No encontro destacou Carlota Baltar, e Cristina Carracedo asinou un doblete.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*