«Sempre cun sorriso en cada adestramento, de bo humor. Pedíaslle calquera cousa e sempre dicía: sen problema hombre; daba gusto con xente así». Estas son as palabras de Suso, xogador do CD Castro e ex-xogador do Racing, a Rosendo Rouco Lozano, máis coñecido como Rosen. Un asiduo axudante nas tarefas do Racing Vilalbés querido por todos, polos que están e os que se foron. Marchou con 61 anos logo dunha dura enfermidade. As redes sociais enchéronse estes días de dedicatorias especiais e boas palabras, porque ninguén lle quería mal a Rosendo. Marcha un deses homes de club que son tan imprescindibles e que fan tan grande ao noso fútbol. Xogadores, adestradores, ex-xogadores e xente do Racing recórdano como unha gran persoa, amante do fútbol e do Racing Vilalbés.

Marcha un dos homes máis queridos pola familia do Racing Vilalbés

«Transmitirlle todo o ánimo e forza do mundo a súa familia. Nós recordarémolo sempre como unha gran persoa que fixo medrar ao club a través do seu traballo e da súa humildade«, Hugo Criado un dos capitáns do Racing Vilalbés.

«Era unha persoa de club total. Representaba todo o que é o Racing Vilalbés: os seus valores, o seu traballo, nunca tiña unha mala palabra con ninguén…Era unha persoa 10, das que marcan pola súa forma de ser», Ángel Fraga, porteiro do Celta B e ex-xogador da canteira racinguista.

«Sempre levaba un sorriso. Feliz en todo momento. Nos partidos do Roca sempre se poñía detrás da portería, conversábamos sobre o partido. Un fiel acompañante, nunca o esquecerei», Lois Gayoso, porteiro cadete do RC Deportivo da Coruña e ex-xogador da canteira racinguista.

«Penso que nos clubs de fútbol son fundamentais persoas como Rosendo, sempre cun sorriso e trato exquisito, pasase o que pasase», Simón Lamas, adestrador do Racing Vilalbés Xuvenil

«Somos moitos os que fomos medrando ao seu lado mentras éramos pequenos. Para todos nós foi un exemplo, unha persoa que todos queríamos», David Vérez, capitán do Racing Vilalbés Xuvenil

A principios do 2016, cando se lle diagnosticou a enfermidade, o cadro de xogadores do primeiro equipo do Racing enviáballe ánimos a Rosen antes de xogar un encontro da Terceira División.

«Ca súa presenza animaba ao vestiario. Calquera cousa que lle pediras traíacha sempre coa mellor das caras. Un home que a todo o mundo lle caía ben porque era un gracioso. Penso que foi en infantiles de primeiro ano cando pasaramos a final da Copa: acabaramos un partido e foramos correndo a súa esquina, mollándoo con botellas de auga e el escapándose a correr por todo o campo para que non o mollaramos. Todos os xogadores que pasaron polo Racing, tanto no primeiro equipo como en categorías inferiores, lle querían ben«, Manu Gayoso xogador da SD Muimenta e ex-xogador da canteira do equipo vilalbés.

«Un exemplo como persoa e racinguista. Sempre ao servizo dos demais» Óscar Gilsanz, adestrador do primeiro equipo do Racing Vilalbés.

«Era unha persoa a que eu admiraba e recordareino sempre», Justino ex-capitán do Racing Vilalbés-

«Tiña un sexto sentido para atopar os balóns que saían do campo, cando ninguén os daba atopado ía el e traíao sempre. Nunca lle recordo un «non» a algo que se lle pedira. Lembro unha anéctoda graciosa que estaba unha mañá cortando a herba do Roca (en pleno inverno) co terreo moi complicado para poder cortar sin que se chantara. E alí estaba el. Estaba algo enfadado co tempo», Alberto Lamas «Make» xogador da SD Compostela e ex-futbolista do Racing Vilalbés.

«Poucas persoas souberon representar os nosos valores como el o fixo. Traballo, honradez, bondade e discreción foron os seus sinais de identidade. Donde esté seguirá facendo gala delas» Paco Ruiz, presidente do Racing Vilalbés.

Que a terra che sexa leve Rosen, ogallá os que quedamos poidamos coidar tan ben do noso fútbol como ti o fixeches.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*