Acumúlanse as novidades no noso fútbol! Inicio das pretemporadas, clubes apurando a confección dos planteis… ou mesmo o establecemento de novos amistosos! Todo iso e máis na edición de hoxe no noso Diario dun mercado.

Comezamos hoxe por unha noticia obligada. Onde estaba Hugo Criado? Moitos andaban coa mosca detrás da orella despois de non velo co seu Racing Villalbés. Pois ben, según puido saber Futbolinlugo; Hugo atópase adestrando ao outro lado da Chaira, co Castro. Veremos se finalmente fai ficha ou non. Pronto se sabrá.

Pasamos xa á Primeira Autonómica. Xove Lago de Miguel Sancosmed afronta a nova campaña coas baixas de seis xogadores con respecto á 2016/2017: Pedro Prieto e Guijarro poñen marcha ao Valadouro, Pablo Costa ao San Ciprián, Charly xogará no Ortigueira e Mario Gómez e Borja están sen destino coñecido polo momento. Tamén os mariñaos contarán con cinco novas caras (Álvaro Otero da SD Ourol, Pablo Rego e Joao do Valadouro, Hugo Río do Foz e Alex Sandro do Porto Burela) e coa renovación de doce homes: Saúl, Ángel, Rubio Yáñez, Felgo, Bustelo, Maikel, David Rivas, Moya, Aitorín, Diego Chao e Juanjo. 

En canto aos amistosos, o Xove disputará o seu primeiro choque ante a SD Ourol o próximo sábado no Campo de Beltrán. Máis cara o sur, o Bóveda chega con máis novidades na Primeira. Davicín e Diego Blanco, xogadores do Brollón, despertan certo interés no equipo bovedense, que trata de incorporalos ás súas filas.  Si son oficiais as fichaxes de Juanjo, exxogador do Río Sil e Cortiñas.

De esquerda a dereita: David, Lavilson, Arón e Jordan.

Na Segunda Galicia os movementos foron cuantiosos. O Iberia CF anunciaba onte catro fichaxes: Arón, Jordan, Lavilson e David. Os tres primeiros proceden do Porto Burela xuvenil, sendo tres pezas angulares na consecución do título de copa dos mariñanos. David tamén ven de Burela, pero cambia o parqué polo céspede das Valgas. O ano pasado vestiu a camisola do xuvenil do Burela Pescados Rubén FS.

Outro clube militante na Segunda Norte é o recén ascendido Roupar. Para tratar de conseguir a permanencia, os do Novo fixéronse cos servizos do meta Carlos Torres e do atacante Andrés Seco «Andy», ambos chegan desde o Somozas «B».

Na Segunda Sur tamén temos novidades. A SD Guitiriz informábanos de cales serán os seus amistosos de pretemporada. Unha pretemporada que os rapaces comezarán hoxe mércores 2 de agosto e terán a primeira proba ante todo un rival como o Castro o día 8. Tres días despois, o 11, mediránse a outro equipo de nivel, As Pontes. Concluirán a pretemporada en sendos amistosos ante o Santaballés o 19, o Xermade o 26 e a SD Becerreá o 3 de setembro.

Xa na Terceira, no grupo norte, Rioaveso definiu os seus amistosos de pretemporada. Comezarán o día 5 de agosto ante o Albense, equipo veterán. O 15 mediránse a outros veteráns, neste caso un clube de nova creación, o Codesido. Poucos días despois, o 19 e o 20, xogarán o Torneo Concello de Cospeito ante Muimenta, Catro Roldas e Cospeito. O Rioaveso porá fin á pretemporada o día 3 de setembro ante o Abadín.

Paco López (esquerda) con Ángel Villar.

Cambiando a fútbol feminino, o Peluquería Mixta Friol anunciou a fichaxe do adestrador pontés Paco López, quen tratará de manter alto o listón ao que nos ten mal acostumados o clube da Reigosa co axuda do presidente, Ángel Villar. Ademais, o novo equipo feminino da provincia, o Ribadeo FC, asinou a Jesús Rial como adestrador. Contará cun plantel de 28 xogadoras.

E por último, xa no fútbol base, o Sagrado Corazón informou de quenes estarán nos banquiños cada fin de semana como adestradores do clube. Tras coñecer as incorporacións de Asier Lozano e Fran Fernández aos corpos técnicos, agora descubrimos que Brais Rozados será o técnico dos xuvenís, Dani Díaz dos cadetes e Fran Fernández dos infantís. Así mesmo, Diego Anido, Édgar Vázquez e Asier Lozano axudarán nas tres categorías aos primeiros adestradores.

Outro equipo de base da capital, a SDC Residencia, anunciaba simultáneamente que Rubén Núñez, Kini, Marcos Pena, Roberto Besteiro, Miguel García e Héctor non seguirán como adestradores do clube e agradecía a todos eles os servizos prestados.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*